18:31 Xoves, 14 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-03-2010

As estratexias do PP para desprestixiar o tecido asociativo a favor da lingua galega

O diñeiro público e a promoción do idioma: moito do que falar

Valorar (8)

IRIA TAIBO CORSANEGO


Galego

O luns 22 de marzo vimos na capa da edición galega do ABC un aperitivo das durísimas e tremendamente tendenciosas acusacións que lanza este xornal contra A Mesa, en relación co diñeiro percibido pola asociación no período do bipartito na Xunta.

Non é a primeira vez que a dereita tenta manchar a imaxe da Mesa, igual que a de outras entidades con obxectivos que a este sector parece non merecerlle ningún respecto. Ademais de desprezar as ideas distintas das súas, esta nova tentativa, de tan repetitiva, esgota argumentos que nunca tiveron suficiente rigor. Por outra banda, a febleza dos argumentos fai evidente que forman parte da estratexia para desprestixiar o tecido asociativo a favor da lingua galega.

A Mesa é unha das maiores organizacións culturais do país, se non a maior, con case 4.000 socios e socias na actualidade. Fundada en 1986 por un grupo de persoas preocupadas pola situación do galego (e algo melloramos, mais...), desde entón a relación da Mesa coas institucións públicas non foi parella ao aumento da súa base social e da súa relevancia no debate sobre a situación da lingua galega.

Que o bipartito colaborou coa Mesa é unha realidade, e non é algo do que haxa que sentir vergoña. Que o goberno de todos e todas colabore cunha das maiores entidades do país debería ser un motivo de orgullo e non o contrario. O diñeiro que percibiu A Mesa nos últimos catro anos foi destinado a realizar actividades concretas, e foi publicado e xustificado con toda a legalidade. Doutro xeito, os mecanismos de control do organismo público non terían autorizado tales gastos. Con certeza, A Mesa presentou ao bipartito (e aos outros gobernos da Xunta, sen dúbida) moitos máis proxectos dos que recibiron apoio. 

En calquera caso, concordo coa visión da pertinencia de que a sociedade revise con certa frecuencia o destino do diñeiro público. É positivo que todos meditemos sobre os criterios con que se outorgan subvencións e se entrega ese diñeiro. É bo relativizarmos e compararmos, mesmo debemos revisar a relevancia que certos temas deben ter en canto á súa concreción monetaria.

Até que punto entende a sociedade que é positivo que se gaste diñeiro na normalización do galego? Na actualidade hai varias (poucas) liñas de subvencións vinculadas directamente ao uso do galego, como a dos medios de comunicación e as destinadas ao tecido asociativo. Hai algúns anos, a Xunta destinaba unha partida do orzamento para abrir unha liña de subvencións dirixidas a empresas que incorporasen o galego na súa actividade. Sobre as variacións que sofreron esas axudas poderíase falar noutro momento, pois o bipartito substituíunas por unha achega directa semellante á Confederación de Empresarios de Galicia, mais neste caso a reflexión vai pola vía de se será correcto pagarmos ás empresas para que usen o galego. É isto unha forma de coacción ou podemos entendelo como un xeito de achegar o empresariado a unha lingua na que podería decidir quedar e contra a que podemos estar a derrubar prexuízos? A resposta a estas preguntas depende, unha vez máis, de se consideramos que o galego é unha lingua que precisa protección, pois se atopa en franca minoría na maioría dos sectores da nosa sociedade. Tamén depende de se consideramos que esta situación non é produto da evolución natural, senón dun durísimo proceso de substitución cargado de prexuízos, que o goberno galego, por mandato estatutario, debe contribuír a derrubar.

En calquera caso, sempre será positivo compararmos a cifra de 100.000€ destinados a todo o empresariado que utiliza o galego, ou as cifras que menciona o ABC para a Mesa en 4 anos coa liña de subvencións a medios de comunicación vinculada ao seu uso do galego. O total outorgado en xuño de 2009 foi de 2.539.336€, unha cifra verdadeiramente vertixinosa. Podemos pensar que é moi lexítimo que o goberno galego colabore cos medios de comunicación, mais o curioso é que que no prego de condicións desta convocatoria vinculábase a concesión das axudas ao protagonismo do idioma galego na produción informativa destes medios.

Esta liña de axudas non é nova, e dela se teñen beneficiado os principais medios galegos. Sorprendentemente tamén o xornal ABC, desde os tempos do goberno de Manuel Fraga. Sorprende porque este xornal non respecta a Lei de normalización lingüística e ten nulo respecto pola toponimia oficial galega, ademais de que nel a presenza da lingua do galego brilla pola súa ausencia. Agradeceriamos, pois, unha ampla reportaxe sobre o destino dado por ABC ás axudas outorgadas polos gobernos de Fraga, máis en concreto polos seus sucesivos departamentos de normalización lingüística.

O caso pode lembrar a cando se falaba do despilfarro de cartos no galego en tempos de crise, mentres unha das primeiras medidas do goberno de Núñez Feijoo foi investir 300.000€ en mudar o nome das famosas escolas infantís. Hai cousas nas que merece a pena gastar o noso diñeiro e outras nas que non. Mais para que nós poidamos decidir e opinar sobre este tema, precisamos máis información. A ser posíbel, sen terxiversar.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña