02:16 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-09-2011

A AS-PG pon en marcha unha REDE SOCIAL para o profesorado e as familias co obxectivo de intercambiar experiencias e recursos e contará cun entorno virtual de aprendizado

Redes sociais e ensino. Unha aposta desde a Galiza

Valorar (27)

XOÁN COSTA



Hai menos dun ano, en decembro de 2010, o programa  Redes para la ciencia, de Eduard Punsets, entrevistaba a  Richard Gerver , un dos ideólogos máis prestixiados da educación do século XXI. O programa comezaba a emisión cunha citación del: "Os nenos de hoxe son, probabelmente, a xeración máis sofisticada das que até agora existiron ", aclarando que iso non se debía a seren emocionalmente diferentes aos de outros tempos, nin a teren máis intelixencia, senón a que o diferente contexto social e condicións de vida  entre a xeración que os precede e a súa mudaron enormemente ao estaren expostos a problemas e oportunidades para aprender, coñecer e experimentar cousas que hai uns anos non existían e a que son bombardeados con experiencias, coñecementos e información que lles permiten saber máis cousas, sen por iso seren máis sabios.

Outros especialistas coinciden en sinalar que é precisamente esta nova contorna social a que provoca un certo desapego dos escolantes cara ao sistema educativo, por canto este non recoñece as especificidades tecnolóxicas do momento en que eles viven, facendo especial fincapé no uso que esta xeración fai das redes sociais como elemento de comunicación e aprendizaxe. Daí que o recoñecemento e a posta en valor das redes sociais no proceso educativo, como elementos enraizados  e que seguen causando fascinación entre o alumnado non poidan ser deixados de lado, pois a ninguén escapa que os nosos alumnos e alumnas manteñen unha estreita relación con elas e que estas se converteron nun fenómeno que transformou a forma de nos relacionar e comunicármonos. Nomes como Facebook, Twitter ou Tuenti pasaron a formar parte do seu, e do noso,  día a día,  propiciando o que algúns autores denominan a revolución tecnolóxica ou terceira revolución.

O papel das redes sociais no ensino

As redes sociais teñen un importante papel que cumprir no sistema educativo e fechármonos a esta posibilidade só pode levar consigo o incremento do desapego entre escolares e sistema educativo. Non ten ningún sentido que en moitos centros educativos se bloquee o acceso ás redes sociais se logo, fora do horario escolar, os nosos alumnos e alumnas constrúen as súas identidades dixitais durante centos de horas ao mes con total anuencia parental e, se acreditamos en que o sistema educativo ten que interactuar coa sociedade, a administración deberá ocuparse de facilitar redes seguras en vez de ignorar a realidade.

É evidente que internet proporciona unha forma diferente de xestionar o coñecemento. Xa non se trata de xestionar datos, pois iso xa o fan as máquinas por nós, trátase de dar forma ao pensamento  xestionando as posibilidades de nos aproximar a un mesmo tema desde diferentes puntos de vista e co traballo solidario e colaborativo como pano de fondo. O sistema educativo debe fomentar o traballo en común e a solidariedade. Por iso, fronte ao actual modelo baseado na competitividade, debe abrirse outro no que o prioritario non é a fin da viaxe, senón o que se fai durante o percorrido. Do contrario entraremos na obsesión polo destino final ignorando o que acontece polo camiño.

Partindo desa premisa, as redes sociais poden converterse en canles de comunicación entre escola, sociedade e familia para, deste xeito, contribuír a crear unha institución aberta, actualizada e partícipe das características da sociedade e os seus problemas. Do que se trata é de aproveitar os vínculos que  xera o uso de redes sociais para fortalecer a interacción entre as institucións educativas e o resto de axentes sociais. Desta maneira, conseguirase ofrecer unha axuda aos alumnos para coñecer as oportunidades do mundo laboral, educativo, de lecer e a desenvolver destrezas para tomar decisións de cara a organizar a propia vida profesional .

Consciente desta realidade e destas necesidades, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) vai pór  á disposición do profesorado, e tamén das familias, unha REDE SOCIAL baseada en ELGG. Terá como obxectivos o intercambio de experiencias e de recursos e contará cun entorno virtual de aprendizado baseado en MOODLE. Estará operativa a comezos de outubro.

Por que esta rede?

Poñemos en marcha esta rede por varias razóns.

• A primeira porque cremos que as redes sociais poden empregarse como ferramentas de grande potencial para facilitar a aprendizaxe e a interacción social, especialmente nunha sociedade caracterizada por un constante fluxo de información onde a aprendizaxe non se basea na apropiación de coñecementos, senón nun proceso de construción do coñecemento entre o alumnado e a súa contorna nun proceso no que se aprende, como en moitos xogos tradicionais, conectando os coñecementos xa existentes mentres creamos os novos.

• En segundo lugar porque as características sociais actuais esixen un repensar o concepto de educación para o considerar un proceso polo cal a persoa adquire unha serie de competencias chave que lle van permitir adaptarse de modo flexible a un mundo que está a cambiar con rapidez e mostra múltiples interconexións. Dúas desas competencias chave xa foron destacadas polo Parlamento e o Consello Europeo. Son , en primeiro lugar, a competencia dixital, baseada no uso de computadores para obter, avaliar, almacenar, producir, presentar e intercambiar información, así como para comunicarse e participar en redes de colaboración a través de Internet e, en segundo lugar, a capacidade de aprender a aprender, é dicir, a habilidade para iniciar a aprendizaxe e persistir nela, para organizar a súa propia aprendizaxe e xestionar o tempo e a información eficazmente, xa sexa individualmente ou en grupos.

• E en terceiro lugar porque é preciso ofrecer ao profesorado galego e ás familias espazos de intercambio de opinións e traballo colaborativo. Como movemento de renovación pedagóxica pereceunos importante pór en marcha esta iniciativa porque non queremos permanecer á marxe do que acontece na sociedade.

Tampouco esquecemos que en apenas dous meses asistiremos a un proceso electoral. As forzas políticas hexemónicas no Parlamento do Estado levarán no seu programa, como ven sendo habitual, as liñas mestras dunha nova reforma educativa que incidirá na centralización de competencias e que, a diferenza de outras xa pasadas, agora irá enmarcada nun contexto de recortes de servizos públicos e privatización. Haberá reformas,  mais podemos dar por certo que non van ir nunca no camiño de posibilitar, por parte do sistema educativo público, a formación nesas dúas competencias chave de que fala o Parlamento Europeo. Por iso, pensamos, se fan necesarias iniciativas deste tipo.

Por iso facemos esta aposta desde a Galiza e na procura dun ensino galego.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña