00:18 Luns, 30 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-09-2011

A lectura de libros non sometidos á disciplina historiográfica oficialista é necesaria para entender o noso pasado

Nin astures nin visigodos: galegos

Valorar (90)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS



A min, que son humano, e pola miña natureza teño a tendencia a contaminarme co saber dos demais, gústame escoitar e ler as distintas versións que cada comunidade autónoma dá sobre a orixe do actual Estado español. Non me desgusta ver coma un asturiano presume de ser eles os creadores da xerme do actual estado, tampouco cando un castelán asegura que de non ser por Castela agora non seríamos nada. Pero o que si me desgusta, enfada e anoxa é cando nos queren convencer aos galegos de que o noso pobo non tivo nada que ver na formación deste estado plurinacional no que vivimos.  Realmente o que me anoxa son eses galegos nados no noso país que se cren esas mentiras e que as asumen como propias, sentíndose, como se senten, máis españois que galegos.

Para os que nos queren convencer, para os que nos queren mentir e sobre todo para os galegos convencidos recomendaríalles a lectura dalgún libro de historia escrito dentro da órbita nacionalista. Non se preocupen, non é certo que tódolos libros nacionalistas menten, simplemente non contan as mentiras ás que nos acostumaron.


Un destes libros que lles recomendaría ler é o que leva por título Arredor da conformación do Reino de Galicia (Xosé Antón López Teixeira. Editorial Toxosoutos, 2003).

Nun traballo de menos de 150 páxinas é quen de amosar ao lector que os nacionalistas non estamos errados cando dicimos que Galiza non era un reino cristián na península ibérica, senón o reino cristián peninsular.

Non podemos esquecer, por moito que lles moleste a algúns, que tan só o territorio galego quedou fóra das mans do poder  musulmán, gozando, como gozaba, dunha independencia e autogoberno propio, non como acontecía coa Marca Hispana (posterior Cataluña) controlada primeiro polos musulmáns e posteriormente polo poder carolinxio, carecendo do grao de independencia política que gozou sempre Galiza.

Para quen non pense coma nós deberemos de recordarlle que foi Modesto Lafuente, quen impuxo a teoría de que un gran continxente de nobres visigodos, da facción rodriguista, se exiliara do territorio musulmán asentándose en Asturias. Entre eles destacaba don Paio, ao que se converte, xa que era necesario, nun descendente directo da rama real visigoda coa labor de reconstruír  o perdido reino visigodo. Teoría que seguiu ata os seus últimos extremos don Claudio Sánchez Albornoz e da que bebeu García de Cortázar.  Nos anos noventa do século pasado unha nova fornada de historiadores fará desaparecer o continxente visigodo colocando como motor de arranque ás tribos montañesas ástures.Serán estas últimas as encargadas de levar a cabo a "reconquista". Esta terá dúas direccións e dúas maneiras moi distintas de levarse a cabo. Cara o Leste (Álava e Castela) mediante unha política matrimonial e cara o Oeste (Galiza) mediante a conquista. Acerta López Teixeira á hora de explicar que estas conquistas de Galiza deben ser entendidas como unha continuación daquelas razzias que as tribos do norte realizaban á Gallaecia meridional, moito máis rica, xa dende época romana. Así pois pódese afirmar que Galiza non foi nin conquistada nin anexionada polas tribos ástures senón que é en Galiza onde xorde o proceso expansivo cristián. De non ser así non se entendería a existencia dende antigo dunha alta nobreza terratenente galega. A mesma que foi quen de impoñer a súa vontade sobre os distintos, e mal chamados, "reis astures", enfrontándose cos que consideraba alleos, tal e como lle acontece ao rei Afonso I e Silo, este último loitará en Montecubeiro (Lugo) coas tropas galegas, ás que vence.

No libro de López Teixeira demóstrase, documentalmente, que nas crónicas musulmáns e francas os  monarcas "ástures" son denominados como "reis de Galiza". O que amosa ás claras a manipulación que existe das fontes orixinais. De como se foi minguando e ocultando o importante papel que a nobreza galega xogou na conformación do estado cristián dos séculos VIII a XII. De cómo se transformou a uns orixinarios reis galegos en "reyes asturianos". Acaso na obra Vita Hludovici, pertencente ao ciclo historiográfico franco, non denominan ao rei Afonso II, O Casto, como "rei das Galicias"?

Tanto as crónicas mozárabes coma certos historiadores actuais minimizan o caso do ascenso ao poder de Ramiro I (842/50) cando é o exemplo máis claro do que estaba a acontecer. Nepociano, conde palatino ástur, sube ao poder apoiado por elementos nobiliares ástures. A reacción de Ramiro é inmediata. Refúxiase en Lugo, centro militar por excelencia grazas ás súas murallas, e alí forma un exército composto por nobres galegos que depoñen a Nepociano.

Por qué este apoio militar galego? Pois simplemente porque estaban apoiando a un dos seus, un rei galego en contra dunha facción nobiliar ástur que intenta impoñer o seu candidato.

López Teixeira chega ás conclusións que chega despois dunha lectura pormenorizada das fontes musulmáns, tal e como fixera anos atrás o profesor Anselmo López Carreira, que aportan datos que foron apartados pola historiografía oficialista. Se lemos a Ajbar Machmúa, unha compilación de textos musulmáns do século XI, podemos ver como eles entendían a derrota que sufriran os musulmáns en Covadonga: " Os galegos, aproveitando a contenda civil entres os musulmáns de mediados do século VIII, subleváronse contra o islam e apoderánronse de todo o distrito de Asturias". Como podemos ver, pouco ou mellor dito en nada, se parece ao que nos contaron sobre un ástur descendente de visigodos chamado Paio.

A lectura de libros non sometidos á disciplina historiográfica oficialista é necesaria para entender o noso pasado e comprender o enorme papel xogado por Galiza nos primeiros tempos da formación do actual estado español. Por iso debemos dicir que non foron visigodos nin ástures os responsables da creación do reino cristián, senón que foron os galegos. Pódelo dicir porque é a verdade e cando o digamos debémonos sentir orgullosos diso. Orgullosos de ser o que somos, Galegos.


[12-09-2011 19:04] Nunes comentou:

Sublime!

[12-09-2011 17:38] Joám comentou:

Parabens. Galiza necessita urgentemente a sua independência ou não seremos nada.

[11-09-2011 12:37] SUEIRO comentou:

Magnífico traballo!
Só así se pode entender a teimosía histórica contra os galegos.
Hai que negarnos para anularnos da História.
E pensar que a Universidade de Santiago maquina na mesma liña !

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña