03:28 Luns, 10 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-09-2011

A imaxe e a palabra, ferramentas para non esquecer

"48", filme para a recuperación da memoria histórica

Valorar (12)

ALBERTE MERA GARCÍA


Filme "48"


O PP ven de posicionarse contra abertura en agosto do Pazo de Meirás aludindo á inseguridade dos Franco e ao crime de Oslo, pois "a mucha gente no le cae simpática la familia Franco". Ler esta noticia, tras regresar da festa do Avante! onde o espírito de Abril une a milleiros de asistentes, fíxome lembrar '48', un filme que o ano pasado ollei nesa festa.

'48' distínguese doutros filmes sobre a represión exercida pola ditadura ao partir dunha proposta estética e formal coherente e renovadora que mergulla ao espectador no coñecemento das vítimas do fascismo, realizando un coidado exercicio de recuperación da memoria histórica.

Tiven a oportunidade de coñecer o filme de Susana de Sousa Dias, profesora de Belas Artes en Lisboa, na sección de Cine Avante na festa do Partido Comunista Portugués, naquela primeira edición á que acudín (2010), así como podela visualizar con máis tempo posteriormente (pese ás dificuldades para acceder desde Galiza a contidos coma estes). Con todo, o filme non chegou até abril de 2011 ás salas de exhibición de Portugal, meta tardía que aínda así se debe ao periplo internacional comezado no 2009 con éxitos en festivais como Cinema du Réel ou Punto de Vista.

O filme unicamente amosa diversas fotografías realizadas pola policía a prisioneiros políticos da ditadura de Salazar. Sobre as imaxes escóitanse os testemuños que os antigos presos realizan na actualidade. Anos despois reviven o tempo, a resistencia, a represión e a tortura durante a ditadura.

As fotografías da represión

A orixe do filme '48' atópase nunhas fotografías que de Sousa rescatou preparando o seu anterior traballo, 'Natureza morta'. Nunha pesquisa para ese filme, Susana adentrouse no ano 2000 no arquivo da policía política portuguesa, onde descubriu uns grandes álbums con fotografías de prisioneiros. Mais no arquivo, só lle deixaban filmar as fotografías dos presos adxuntando autorización dos mesmos. Susana achegouse aos antigos prisioneiros, conversou con eles ao redor das imaxes e solicitoulles os permisos; e así foi como naceu o filme, dándose de conta da película que aí podía haber, a partir das fotos e das testemuñas.

Os rostros actuais non aparecen en imaxe, mais todas as entrevistas foron filmadas. Susana non presenta os rostros do hoxe, porque as historias sería remitidas ao pasado. O filme rompe coa idea de presente e pasado, creando un tempo continuo a través do movemento leve das fotografías. A autora, sendo consciente do difícil que sería captar a atención do espectador continuamente sobre a pantalla cunha imaxe fixa durante todo o tempo no que se escoita o testemuño, realiza lixeiros movementos na imaxe para que a atención do espectador non se desligue. As fotos foron filmadas con pequenos movementos e na montaxe ralentizáronse, ás veces ao un por cento da velocidade coa que se filmaron. Unha técnica que xunto ao tratamento do son crean unha atmosfera envolvente para o espectador.

A proposta ideolóxica da autora parte do feito de que as imaxes son extremadamente codificadas, no sentido de que semellan moi neutras, xa que se tratan de imaxes de identificación persoal, e todo o aspecto fotográfico disponse para que a persoa sexa recoñecida o máis facilmente posíbel, así hai en todas as fotos unha determinada posición, luz, distancia da cámara... Por tanto trátanse de fotos policiais que o espectador de por si, asociaría a delincuentes. Partindo desta base, Susana decide unicamente amosar esas fotografías e ningunha imaxe máis, para que o público se concentre na foto e a súa interacción coa mesma mude e se poida identificar coa persoa retratada.


Os primeiros testemuños

A directora contou cuns testemuños de partida para o filme, que se corresponderon coas primeiras entrevistas que realizou; e que tiñan en común o concepto do paso do tempo. É dicir, as marcas que o tempo deixou nesas fotografías dos portugueses que viviron a clandestinidade e as condicións en que ingresaban na cadea.

A primeira entrevista que xa lle suxeriu o efecto do paso do tempo foi a Conceiçao Matos. Cando a directora lle ensinou a súa foto, a muller ficou sorprendida, pois sempre coidara moito a súa aparencia e non se identificaba co aspecto descoidado co que saía retratada. Foi entón cando lembrou que a foto lla realizaran dezasete días despois de estar prisioneira (é aí o tempo) e coa roupa que a policía empregara para limpar o chan da cela mentres ela era torturada espida.

Outra testemuña na que o paso do tempo se evidencia é cando o Martín Pedro comenta que entrou calvo na cadea a pesar de que na foto lucise cabelos, xa que pasara tempo prisioneiro até ser retratado.

Mais son tres as fotografías que conforman un conxunto de imaxes que explícita o paso do tempo e duración da ditadura máis longa de Europa. Trátase das fotografías de Antonio Gervasio, detido cando era moi novo. Na primeira visualízase un mozo loiro, a segunda é unha foto posterior e na terceira Gervasio aparece coma un home maior, coas enrugas da idade no seu rostro. Tres imaxes que simbolizan o padecemento dunha vida enteira baixo as gadoupas do fascismo.

É de sinalar, a proposta artística coa que a directora afronta o retrato dos prisioneiros nas colonias, xa que non existe arquivo fotográfico dos mesmos. A directora trasladouse a África para realizar as entrevistas; pero para evitar introducir imaxe actual no filme, optou pola pantalla en negro, para simbolizar o baleiro documental e memorístico sobre a represión colonial.

Arte pola memoria histórica


O filme, rematado no 2009 está a ser visualizado aínda nestes meses nas salas de Portugal, grazas ao seu éxito internacional. Unha das razóns desta tardanza, sitúaas a directora na certa 'rexeneración' da figura de Salazar e do tratamento de 'ditadura branda' que determinados sectores tentan introducir na poboación.

Descoñezo se a familia Franco se sentirá insegura no Pazo de Meirás, mais si coñezo quen se sentiu inseguro e padeceu a represión e tortura de Franco e do seu compañeiro Salazar. Fronte a desidia da dereita, o filme de Susana de Sousa é unha aposta estética renovadora que se torna tamén nunha valiosa ferramenta para a contribución da recuperación da memoria histórica e das vítimas esquecidas.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal