11:23 Domingo, 07 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-03-2010

O Banco de España e as súas receitas contra a crise económica

O Señor Gobernador ataca de novo

Valorar (10)

FRANCISCO XESÚS JORQUERA CASELAS


Edificio do Banco de España (Madrid)


Vivimos o paradoxo de sofrir unha crise económica  que non ten  precedentes no mundo capitalista desde a grande depresión, de viver unha crise sistémica, orixinada pola aplicación dos dogmas do neoliberalismo na economía e de padecer como, con descaro, se  pretenden aplicar eses mesmos dogmas para sair desta situación.

Trátase, en definitiva, de transferir íntegramente os custes da crise aos traballadores e ás clases populares, e de introducir, aproveitando a conxuntura, unha serie de recurtes en materia de dereitos e prestacións sociais que acabarán consolidándose como irreversíbeis.

Un deses dogmas aos que facía alusión é o intento de divorciar economía e política, de facer crer que só hai unha política económica posíbel  e, xa que logo, confiar o seu deseño a órgaos de apariencia técnica e independente, non suxeitos ao control político democrático. (Por certo, o intento de desprestixiar a política e de fomentar o antipoliticismo vai no mesmo camiño).

Así acontece na Unión Europea, na que é o Banco Central Europeu o que dita a política monetaria, e así acontece no Estado español co papel que está a xogar o Banco de España,  a institución á que se lle ten confiado a reestructuración do sector financeiro e o futuro das nosas caixas de aforro na súa calidade de "regulador independente de probada competencia". Probada competencia que por desgraza non foi dabondo para advertir a tempo do perigo das actividades especulativas de alto risco que teñen provocado o estoupido da "burbulla inmobiliaria".

O seu gobernador, o inefábel MAFO (Miguel Ángel Fernández Ordóñez, ex ministro do PSOE) ten expresado en numerosas ocasións a súa opinión favorábel a primar as fusións interterritoriais de caixas de aforro, a que as caixas perdan peso no conxunto do sistema financeiro  e a camiñar cara a súa bancarización, abríndolles as portas a accionistas privados.  É máis, ten advertido contra o intervencionismo das comunidades autónomas, pois seica pretenden facer das Caixas unha especie de "Bancas Públicas Rexionais".

Sen lugar a dúbidas, desde a súa independencia e probada competencia, terá advertido que as causas principais da crise financeira internacional foron  a escasa concentración do sector financeiro, a súa excesiva imbricación na economía productiva dos distintos territorios  e o exceso de intervención pública no mesmo.

Mais o Señor Gobernador, o rigoroso regulador independente, non se contenta con pretender dirixir a reordenación do sector financeiro. Desde a súa privilexiada atalaia defende drásticos recurtes no gasto público e canta  a virtude de subir os impostos indirectos en vez de introducir maior progresividade sobre os impostos directos. Parece ser que os impostos indirectos son os "máis neutros", os que introducen menos distorsión na economía. ¡Gran verdade !. Acaso hai algo máis distorsionador que pretender alterar a escala social natural, usando os impostos como mecanismo para a redistribución da riqueza?.

O Señor Gobernador, o riguroso regulador independente, é un traballador incansábel, ten tempo para todo:  tamén ten proposto recurtar as pensións e abaratar o despido.

Sabedes cal é a penúltima do Señor Gobernador?: baixar os salarios.

Como é sabido, baixar os salarios  é o mellor xeito para reactivar o consumo e a demanda interna. É máis, tamén é sabido que é unha tese marxista carente do máis mínimo rigor, afirmar que unha das razóns que motivaron esta crise foi un medre económico que non se sustentou nun incremento real do poder adquisitivo, senón no fomento do endebedamento até que este acadou magnitudes insostíbeis.

Por ter tempo, o Señor Gobernador ten tempo incluso para altruístas labores de mecenádego pagando, xunto á grande banca, os estudos e manifestos de cen economistas, tamén moi rigurosos e independentes. 

Pero amigos, o  mao non é todo o que di o Señor Gobernador, o mao é que o "Goberno de España" faille caso.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña