04:54 Domingo, 15 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-03-2010

Foi a primeira manifestación nacional multitudinaria nos EUA a prol do dereito á educación en décadas

As mobilizacións do 4 de marzo nos Estados Unidos de América (EUA)

Valorar (6)

JOHN CATALINOTTO


Unha das manifestacións do 4 de marzo

Traducido por Robert Neal Baxter

A Acción Nacional do 4 de marzo a prol dos dereitos educativos foi unha multitudinaria protesta estudantil e xuvenil nos Estados Unidos que trouxo consigo esperanzas para moita xente. Non se trata só dunha mobilización do estudantado universitario, por meritorio que iso fose, senón que se uniron á loita sectores representativos da clase traballadora e da xente de cor[1], ampliando así o seu alcance.

Centos de milleiros de estudantes, xente moza, ensinantes e outros membros da comunidade abandonaron as aulas para tomaren as rúas, chegando a ocupar os edificios administrativos das universidades no 4 de marzo. Foi a primeira manifestación nacional multitudinaria nos EUA a prol do dereito á educación en décadas. En Baltimore, no Estado de Maryland, un grupo de mil mozas e mozos afroamericanos, a maioría deles estudantes do ESO, tomaron un centro de detención xuvenil, reivindicando "Emprego si! Cárceres non!".

Docentes, empregadas/os das cafetarías e persoal de mantemento das universidades públicas e dos colexios públicos non dubidaron en se uniren á loita, xunto con outras persoas. Fóra dos propios centros educativos, as accións estaban apoiadas por sindicatos como o dos Traballadoras/es do Transporte en Nova Iorque e o das/os condutoras/es de autobuses escolares de Boston, ao seren intimamente ligados os intereses destes sectores laborais co financiamento do transporte escolar, que tamén pode afectar os seus propios fillos e fillas.

Segundo informaron as persoas responsábeis da organización da protesta ao nivel nacional, leváronse a cabo polo menos 126 accións en 33 Estados. As manifestacións máis importantes tiveron lugar en California tras unha serie de protestas preliminares na primavera. California conta co maior sistema universitario público de todo o país e o Estado estaba a aplicar importantes recortes nos orzamentos que levaron a un aumento de 30%  nas taxas universitarias ao tempo que se procedía ao despedimento de milleiras/os de profesoras/es e outros empregadas/os.

A forza das protestas de California, unindo na loita a xente nova e o estudantado xunto co profesorado e outros sectores da clase traballadora, axudou a inspirar a nación, segundo Larry Hales, un rapaz afroamericano e un dos dirixentes nacionais.

Hales declarou ao medios de comunicación: "O movemento en defensa da educación xurde nun momento crítico. O desemprego xuvenil, sempre moi alto, sobre todo na xente de cor, volveu repuntar de xeito dramático. Os edificios nos barrios céntricos das cidades están en moi mal estado. Estanse a pechar e a privatizar escolas actualmente en funcionamento. A xente nova sabe que precisa dunha educación para conseguir traballo. A xente nova que perde o seu traballo tenta volver á educación coa idea de se formar e para encontrar un novo emprego. Así, a matrícula na City University de Nova Iorque (CUNY) aumentou en 40%. Os e as estudantes din que "a educación é un dereito" e entenden que se lles está a negar este dereito. Coincidindo coa crise económica, a crise da educación fai avanzar a loita. A xente comeza a cuestionar o sistema."

Hales presidiu un mitin de 2.000 persoas en Manhattan diante do despacho do Gobernador de Nova Iorque, David Paterson. Como xa acontecera en California, o sindicato do profesorado da CUNY e outras traballadoras/es solidarizáronse co estudantado. Tamén houbo xestos de solidariedade co poderoso Sindicato de Transportistas (TWU), cando os estudantes fixeron unha marcha para se reuniren cun mitin do Sindicato convocado a dous quilómetros de distancia en protesta contra os despedimentos, e o apoio da mocidade foi moi ben acollida por parte das/os traballadores/as.

Tras a marcha de dous quilómetros, negáronse a parar cando a policía quixo impedir que se unisen ao mitin dos Sindicato de Transportistas e ao grito de "Queremos unidade!"  lograron rebordar o cordón policial, animados polos líderes da protesta.

Hales explicou o que había detrás desta solidariedade: "Unha grande parte do estudantado e da mocidade dentro do sistema de ensino público nos EUA, moitos/as deles/as agora sen traballo, provén de familias da clase traballadora. Saben que, sempre que houber emprego, o seu  futuro será como traballadoras/es. A maioría da xente nova tamén valora os seus profesores e as súas profesoras e non quere que se lles despediren, nin que se lles recortaren o seu salario.

"A miña organización 'Xuntos Contra o Imperialismo' (FIST[2]) traballou para impulsar esta solidariedade nos nosos escritos e nos actos que organizamos, mais o seu fundamento obxectivo máis forte radica na crise económica. O profesorado e outras persoas que traballan nos centros educativos ven os estudantes insurxentes como aliados. E a razón de ser da solidariedade mutua non para de aumentar xunto co movemento fronte aos continuados ataques. Por exemplo, en Nova Iorque, a decisión de eliminar os pases estudantís para o metro e os autobuses senta as bases para unha solidariedade entre o estudantado e o Sindicato de Transportistas enfrontado, pola súa parte, coa ameaza de despedimentos."

Nunha conferencia celebrada en novembro, FIST colocara a idea de aproveitar a forza da loita en California para a converter nunha loita nacional, e a idea foi collendo forma grazas a un importante traballo organizativo. Finalmente, o estudantado de California convocou unha día de Acción Nacional para o 4 de marzo e a coalición nacional segundo a convocatoria en solidariedade.

As accións do 4M axudaron a sentar as bases da unidade e solidariedade entre a mocidade, a comunidade e as/os traballadoras/es de todas as nacionalidades, incluíndo as/os traballadoras/es inmigrantes. As fotos e os vídeos da protesta mostran como as mulleres de cor estaban en primeira liña, xunto con representantes de todos os sectores da clase traballadora, ao compartiren os mesmos intereses de clase.

O seguinte paso, que poderá desembocar nun novo día de loita nacional fronte á probabilidade de máis recortes orzamentarios, consistirá nunha chamada telefónica nacional. E en Nova Iorque o estudantado xa está a pensar nas protestas programadas co gallo do Primeiro de Maio, protagonizadas principalmente por traballadoras e traballadores inmigrantes desde 2006.

Ao comentar os eventos do 4M, Hales dixo: "Comprobabamos o afán da mocidade de dar un novo pulo ao movemento do mocidade estudantil e traballadoras/es. Seguiremos adiante co espírito militante das accións do 4 de marzo, tomando novos pasos na loita a prol da educación e do emprego."

As persoas que están á fronte da organización progresista deben facer todo canto puideren para aseguraren a continuidade deste movemento de protesta solidaria para convertelo nunha loita poderosa en defensa dos dereitos educativos. Mais tamén cabe soñar que chegará a ser moito máis que iso: que o espírito de loita e unidade se espallará a outros sectores da clase traballadora. E así, as/os traballadoras/es obrigarán os seus sindicatos, que até agora ficaron de brazos cruzados ante aos ataques da clase dirixente, a contraatacaren en igual medida.

Hai unhas semanas, os sindicatos tomaron as rúas da Grecia, negándose a se dobregaren perante os ditados dos capitalistas europeos e os axentes financeiros de Wall Street. Porque non tamén nos Estados Unidos? A marcha do 4 de marzo abriu as portas a este soño.

[1]  Nota do tradutor: Do orixinal no texto: 'people of color' .

[2] Nota do tradutor: O acrónimo FIST da organización Fight Imperialism, Stand Together significa 'puño' en inglés.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña