01:52 Domingo, 24 de Xuño de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-08-2011

Cando teiman en implantar un espectáculo baseado no sufrimento do animal, denominado "a festa nacional" e que nada ten que ver coa nosa cultura

Que lástima de bois

Valorar (23)

ALBERTE MERA GARCÍA


Viñeta "Que lástima de bois" de Castelao (Álbum Nós)


"Que lástima de bois" titulaba Castelao a estampa do album Nós, coa que ilustraba a incomprensión dos galegos ante o sufrimento deste animal coma reclamo festivo. Unha lámina que as mozas e os mozos nacionalistas veñen de recuperar neste mes para rexeitar as touradas.

Coa chegada do mes de agosto multiplícanse en todo o País as semanas grandes das festas nas que, cunha ou outra forza, desenvólvense encontros e actos culturais de maior ou menor tradición. Mais tamén retornan con aparente protagonismo e impulso, cerimonias que pouco ou nada teñen que ver co noso País. Espectáculos se cabe máis indignantes, ao se centraren no sufrimento animal. 

 Mais na sociedade galega, as touradas cada vez gozan de menor respaldo. Pola cotra hai maior conciencia ao redor do significado dos espectáculos taurinos en relación á dupla agresión que estes festexos supoñen: unha acción torticeira para o animal a cambio de diversión, así como unha agresión para a nosa cultura.

Esta práctica violenta véndesenos unha e outra vez como a 'festa nacional' por excelencia, cando nin é festa nin é da nosa nación. Máis ben, estaríase a falar dun medio impositivo do españolismo co que se tenta afortalar a asimilación da nosa cultura, introducindo as touradas e confundíndoas coas nosas festas, coma se tratar dunha tradición máis. E que dicir xa desa bandeira co touro estampado que con fervor se axita ou se pendura dos balcóns, coma se dunha reencarnación daquela aguia se tratar.

Non é un debate calquera para o PP da Coruña teimar en financiar a feira taurina nestas festas a pesar da crise, como non o foi tampouco anteriormente para o PSOE da localidade aínda quedándose só na aprobación das partidas para as touradas. Tampouco foron unhas fotografías baleiras de contido político as que no verán pasado protagonizaron na praza de Pontevedra Blanco, Louro, Meijón e Pose dunha banda, e Rajoy, Feijóo e Louzán doutra. José Blanco deixou nas hemerotecas unha boa radiografía do simbolismo da súa asistencia nese día ás touradas en Galiza: "Aquí estoy apoyando la fiesta y a favor de la libertad de cada cual de decidir de acuerdo con lo que cree conveniente".

Un apoio político do PSOE e PP nese agosto do pasado ano a unha ferramenta de colonización cultural. Un desfile de políticos españois que se produciu en Pontevedra tan só un mes despois do combulso debate mediático ao redor das touradas que se propiciara a partir da prohibición deste espectáculo polo parlamento de Catalunya. Había entón que pechar filas no españolismo, non fora ser que se producira un contaxio en Galiza...

Unha lexislación favorábel que o protexe como arte.

O interese político cultural na pervivenza deste simbolismo da España cañí ten unha man aberta desde a lexislación estatal na que se evita citar os festexos taurinos cando se trata de prohibir o maltrato animal. As normas referentes ao touro unicamente inciden para regular o espectáculo e a maneira de provocarlle a morte e evitar as fraudes que desluzan o espectáculo do tipo do tamaño da banderilla ou de cantas veces se pode clavar a espada antes de pasar á puntilla. Por suposto que tamén hai interese político na decisión do Ministerio de Cultura hai unhas semanas ao facerse coas competencias en materia de tauromaquia e actividades taurinas para o seu fomento e protección a nivel estatal, entendendo o Ministerio que este espectáculo trátase dunha disciplina artística e un produto cultural.

Cabería facerse eco de certas dúbidas que unha vez máis desmontarían  mitos que se ofrecen como símbolo da españolidade, coma o cuestionamento de que touro de lidia poida ser clasificado coma raza, pola carencia de xenes específicos da suposta raza que se transmitan. Deste xeito plantéxase que a agresividade ou 'bravura' que manifestan algúns touros cando son acosados, non se perpetúa de xeración en xeración, xa que a maioría destes animais nin sequera presentan esa bravura. Denuncia o movemento ecoloxista que nin sequera a normativa referente aos espectáculos taurinos é capaz de describir características propias desa suposta raza animal, e unicamente se cinxe a prohibir que se lidien reses non inscritas no Registro de Empresas Ganaderas de Reses de Lidia.

Un sector deficitario e rexeitado pola sociedade galega.

No momento de crise que vivimos, en que a maioría dos gobernos locais se escudan no recortado orzamento que dispoñen para financiar a nosa cultura, tórnase máis inadmisíbel aínda que os recursos se dediquen a subvencionar unha tortura ben deficitaria, xa que a falla de ingresos pola importante inasistencia de espectadores precisa cubrirse polas subvencións públicas.

O rexeitamento dos galegos e galegas a esta torticeira práctica é cada vez maior. Así, esta fin de semana respondeuse na Coruña ao despilfarro do Concello subvencionando as touradas, sendo a mocidade cabeceira deste rexeitamento e lucindo a lámina de Castelao que Galiza Nova vén de recuperar como simboloxía da incomprensión do noso pobo desde sempre a este espectáculo.

Que lástima de bois! Castelao segue, unha vez máis, de plena vixencia. 

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal