15:25 Venres, 25 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-08-2011

Esta actitude intransixente de negación da realidade histórica, social, cultural e política de todo un pobo mostra unha ideoloxía que segrega os cidadáns en dous grupos

De querulantes e autoodio

Valorar (11)

EDUARDO ÁLVAREZ



Estes días pasados foi noticia que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza arquivou a querela por inxurias e calumnias que o Xuíz Decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, presentara contra o portavoz parlamentario do BNG, Carlos Aymerich. A querela do maxistrado remóntase ás declaracións efectuadas polo deputado nacionalista nunha rolda de prensa na que cuestionou a denuncia contra o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística formulada tamén polo mesmo Xuíz Decano de A Coruña por inxurias e calumnias por ter realizado Carlos Callón unhas declaracións nos medios de comunicación nas que afirmaba que o maxistrado actuara como un obxector da legalidade por confesar que "no tenía ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo de La Coruña" no xuízo oral en que o acusado era quen subscribe estas liñas e o denunciante, outra vez máis, o mesmísimo Xuíz Decano de A Coruña. Carlos Callón, a día de hoxe, que eu saiba, encóntrase aínda na situación de imputado á espera de que se tipifique o obxecto da denuncia ou, pola contra, se arquive.

¿En que consistiu a miña infracción penal pola que fun condenado finalmente a unha multa de 200 euros por unha falta de desconsideración á autoridade e a indemnizar o maxistrado denunciante con 500 euros como resarcimento dos danos morais por min inflixidos á súa ilustrísima persoa? Pois, simplemente por ter a ousadía de declarar nun medio de comunicación que me asistía o dereito, recoñecido na Lei de Normalización lingüística e mais na Carta Europea de Linguas Minoritarias, a ser notificado en galego e tamén por rebater a afirmación do Xuíz Decano de que o emprego ilegal do topónimo "La Coruña", tanto no texto do auto xudicial como no propio selo da Secretaría xudicial que contiña esa resolución, respondía a un "error ortográfico". O denunciante sentiu ferida a súa honra porque, fronte a esta escusa para non acatar a legalidade, eu manifestei a seguinte frase: "Din os dicionarios que cínico é quen mente para xustificar unha ilegalidade e isto é o que está a facer o Xuíz Decano".

Deste punto partiron posteriormente as denuncias encadeadas do mesmo actor, en primeiro lugar, contra Carlos Callón e, posteriormente, contra Carlos Aymerich.  A eles agradézolles desde estas liñas teren manifestado publicamente a súas valiosas mostras de solidariedade na miña causa. Por isto, alégrame o arquivo da querela contra o deputado nacionalista e deséxolle tamén ao Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística o seu éxito no litixio que xa pende de resolución desde hai anos.

A actitude do denunciante nestas tres causas só se pode entender desde a posición de quen, pertencendo ao Poder Xudicial, se deixa levar por iniciativas querulantes e de autoodio pola lingua de Galiza.  Considera que os demais non podemos exercitar o dereito a empregar o galego en todas as nosas manifestacións, mais el, cando esta lingua a sinte co bandullo, como dixo Castelao, ben que lle resulta útil. ¿Como explica, logo, o acordo de 8 de marzo de 1999, da Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial no que se aproba a proposta da Comisión de Cualificación que lle recoñece o mérito preferente do coñecemento oral e escrito do idioma galego, publicada no BOE de 12 de marzo de 1999? ¿Ese coñecemento oral e escrito que ten acreditado perante o CXPX úsao para satisfacer os dereitos dos administrados galegos ou tan só a efectos do previsto no artigo 342.2 da Lei orgánica 6/1985, do Poder Xudicial, e o artigo 110 do Regulamento 1/1995, de 7 de xuño, da Carreira Xudicial, isto é, para adiantar dous ou tres anos no escalafón a efectos de concurso de traslados ou de ascenso a maxistrado ou a órganos colexiados?

O promotor destas denuncias sentiu menoscabo na súa honra por mor de determinadas expresións que o aludiron nas súas actitudes cara o dereito legal que nos asiste aos galegos no emprego da nosa lingua e no deber do cumprimento da legalidade, tamén e nomeadamente, polos membros do Poder Xudicial.

Comportamentos como os do denunciante móstrannos o panorama dunha xudicatura estraña, integrada por un corpo de altos funcionarios que, ademais de exercer un poder estatal, prestan un servizo público totalmente desvinculados coa comunidade política á que serven. E esta actitude intransixente de negación da realidade histórica, social, cultural e política de todo un pobo mostra unha ideoloxía que segrega os cidadáns en dous grupos: o daqueles que teñen os seus dereitos lingüísticos recoñecidos e o daqueloutros posuidores de dereitos claudicantes que carecen de realidade efectiva na Administración de Xustiza.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña