01:31 Mércores, 21 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-07-2011

Afeitos a ter perdido tanto no andar da Historia, sabemos o que valen as cousas cando desaparecen ou se perden

A voltas co Calixtino

Valorar (18)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ


Debuxo de Xosé Sesto no "Libro de Santiago"


Ímonos afacendo a cousas así. Pasan os días, medra a indignación e o desacougo, as noticias da crise entrecrúzanse. E velaquí un botón máis de mostra da vampirización, a esquilmación que tamén sofre o patrimonio cultural de Galiza, o que superou ó longo da Historia tantas calamidades. Namentres agora se traman outras  caprichosas carcasas. Bótase en falta algo moi importante entre as fontes documentais da grandiosa Historia da Galiza Europea: O Calixtino ou Liber Sancti Iacobi. Entre tanta trapallada tal  incrible e limpa desaparición delictiva contra o patrimonio. Agora é cuestión de policía.  Códice que, din, esta valorado tanto ou máis que Messi... que se é roubo ou furto, que sen as chave, que coas chaves  na mesma caixa forte. Converxencia de guións para unha desas novelas nas que se contan historias arredor de grandes obras pretendidas por mafias internacionais, labirínticos contubernios por medio, ou simple intervencións, nas que a realidade e moito máis sinxela, creativa e atractiva que a propia fabulación dos best seller dun Mujica Lainez, de Umberto Eco, Paulo Coello, Dan Brown, Javier Sierra, do galego Miguel Anxo Fernández que en "Lume de Cobiza" métenos nun tema semellante...  A Celtiberia das fábulas e das murmuración, de Quixotes e dos Sanchos, sempre a interferir, a dar versións con mellor ou peor argumento do que ocorre nos camiños. E os medios co cebo do sensacionalismo, a carnaza e o xuízo mediatizo. Nestas é cando se pon a proba a sensibilidade dun país de confrarías relixiosas, políticas e culturais, a capacidade dos inspectores Carballo ou dos Torrente, nosos peculiares e novelescos Seerlock Holmes. Sumando o esperpento televisivo, ese humor rexoubeiro, paifoco, que ridiculiza tradicións, educación, leis, noticias, dramas e convivencia, pese a tanto listo. Neste tempo de sospeitas, de porras de apostas, parámonos  entre as hipóteses de cadaquén: que a do simple esquecemento, un descoido no ir e vir do arquiveiro, o traspapeleo e o codex arquivado fora de sitio; a do empregado mal pagado e insatisfeito que aproveita a oportunidade dun momento litúrxico de botafumeiro e apampamento dos custodios; a do simple ladrón, que entra e colle nun recuncho o libro sen saber o que colle; até o simulacro de roubo coa conseguinte publicidade.... ou a  estudada trama dos traficantes internacionais de grandiosas obras de arte, por encargo e para un fetichista ou para o posterior chantaxe polo rescate... a  tese dos esotéricos, o dunha loxa masónica cun templo arredor do Libro... a dos novos cabaleiros, a dos integristas islámicos, discípulos de Bim Ladem que na súa yihad preparan e subtraen o libro do templo do santo matamouros  para a súa queima pública; a do encargo dun xeque de Abu Dhabi... ou unha temporal chamada de atención, como cando os nacionalistas escoceses, nun día de Nadal de 1950, roubaron  da londinense e real abadía de Westminster a súa e nosa mítica "Pedra do Destino" sobre a que se coroan os Reis de Inglaterra... partiuse en dúas e foi levada a Escocia, deixada e recuperada, un ano despois, na Abadía de Arbroath, para ser levada novamente a Londres. No 1996 e devólveríase ós escoceses para mostrarse hoxe no Castelo de Edimburgo.

Pero as cousas son como son, non como quixeramos ou coidamos que foron. Nestes labirínticos confíns, máxicos, de negras sombras, toda trama enléase, seduce e atrae até topar o centro, a entrada e a saída do  envolvente misterio  do céltico e ascético Xogo da Oca que xa dicía Luís Charpentier. Perdémonos no camiño.

Afeitos a ter perdido tanto no andar da Historia, sabemos o que valen as cousas cando desaparecen ou se perden. Recibimos tamén con xúbilo aquilo que tiñamos perdido, e cando o atopamos respectarémolo co seu xusto mérito. Moito poderán contar os betanceiros daquel susto que nos deu Eric o Belga, o ladrón de arte máis importante do século XX en Europa, cando no 1981, aproveitando un día de feira, roubou integramente o retablo maior da Igrexa de Santa María, para ser recuperado, na súa maioría, catro anos despois. 

Nestes días o Apóstolo Santiago, o dos moitos milagres, non dá feito a recibir a mesma petición, a aparición do Codex que foi  feito para honrar Compostela. En todas as ordes celebración triste a de Santiago deste 2011. E un cavila tamén no desgusto que levarían aqueles que dignificaron os herdos para distinguirnos na cultura universal.  

Fora como fora, o certo é que o pecado da desaparición do Códice Calixtino do Arquivo da Catedral de Santiago, do seu Tesouro e sendo o VIII centenario da consagración da Catedral, novamente deixa moito que aprender, tendo tamén outros precedentes como o roubo da Cruz de Alfonso III no ano 1906 e moitos outros veniais avisos.

Se un país normal tivera na súa Historia, como temos en Galiza, o Códice Calixtino, o que a Igrexa Compostelán, encargou no seu tempo ós mellores talleres, os de Borgoña, para propagar o seu templo, para a promoción do camiño, da economía, da relixión, da solidariedade e por suposto da política... xa tería un museo monográfico, como o que ten o Tapiz da Raíña Matilde en Bayeux, ou o Códice de Kells no Trinity College de Dublín. Ese museo contaría a Historia do Calixtino e dos tempos de Xelmírez, cando todos os camiños levaban a Compostela e o Reino de Galiza tiña liña directa coa Provenza, Borgoña, Aquitania... e a mesma Roma sentía ciumes. Un museo que estaría guionizado polo mesmo códice: que nos falaría sobre Xelmírez e a Compostela da metade do século XII, que desvelaría a identidade do seu autor, posiblemente un monxe borgoñón de Cluny, unha das multinacionais da época ó servizo de Roma, Ameyrico Picaud, acompañante da peregrinación do Papa Calixto II que desterra o velo rito visigótico e institucionaliza ó Apóstolo cabaleiro fronte ó Islam.. ; da liturxia, dos milagres do Apóstolo e da translación do seu corpo a Galiza, de Carlomagno, de Roldan e da súa cruzada, do itinerario e dos peregrinos, da música polifónica... Pese a tanta historia, tan singular codex nin tan sequera estaba declarado B.I.C., como obra singular.

Compostela é cidade universitaria, das máis vellas e curtidas, na que hoxe se imparten especialidades en relación coa xestión do patrimonio cultural e a museoloxía, pero con pouca praxe no seu ámbito. As mesmas facultades, funcionan como chiringuitos destartalados, entre o mal gusto, a falla de sensibilidade coas pegadas da historia, obras de arte cravadas nas paredes e almacéns de historia sen inventariar. Como en moitas sancristías, mosteiros, máis nos de clausura que se renovan con monxas doutras culturas, cuarteis, pazos, casonas ou simplemente coleccionistas ansiosos de ceder esas coleccións feitas ó longo da vida... pezas que poden pasar ó mercado. O ouro, o patrimonio cultural é moeda global, en alza algo que algúns saben, por algo pasa o que pasa.

O que si é, é que tal desaparición non deixa de ser unha chamada de atención, unha alerta sobre o estado da cuestión da seguridade do patrimonio cultural de Galiza. Especial advertencia para aqueles que con solemnidade xuran e prometen a Constitución Española, a que no seu artigo 46 di: "Os poderes públicos garantirán a conservación e promoverán o enriquecemento do patrimonio histórico, cultural e artístico dos pobos de España e dos bens que o integran, calquera que sexa o seu réxime xurídico e a súa titularidade. A Lei penal sancionará os atentados contra este patrimonio". E os poderes públicos inmediatos é o Concello, seguido do auxilio das Deputación, sempre baixo a supervisión da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. E o Goberno do Estado por enriba.

Namentres non se perde a esperanza e como pequeno consolo existen copias posteriores e non tan importantes do Liber Sancti Iacobi, como a do British Museum, a da Biblioteca  Vaticana ou a da Universidade de Salamanca, do século XIV. Modernamente os editores galegos, Kaydeda, Moleiro, especialistas na reprodución de códices, sen demasiadas facilidades, fixeron e venderon facsímiles numerados de grande calidade, inversión revalorizada agora.

Pro teimudo que somos os galegos, repartidos nesto e naquelo, por aquí e por acolá, sabemos tamén que o Calixtino, tarde ou cedo aparecerá, co valor engadido da desesperación por esta desaparición, para volver ó seu sitio, se é que saíu del. Aquel Códice que con tanta liturxia, misterio e respecto, se nos ensinaba ós alumnos de Historia de Arte da Universidade de Compostela. Recibirémolo con xúbilo no confín do Pórtico e dos xubíleos. Todos temos moito que aprender, a Igrexa tamén, a valorar o que temos e nos distingue no Universo: exame de conciencia, arrepentimento, propósito de emenda, dicir a verdade e cumprir a penitencia.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña