14:48 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-07-2011

A súa foi unha vida a ritmo de sinfonía co jazz na tona. Sabíase sacado dos debuxos de negros de Castelao e seguiu ese sino

Hernán Naval, lapis e batuta

Valorar (60)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN


Hernán Naval


Din que morreu fai dez anos e aínda non nos demos conta. O seu corazón galego andaba pasado de revolucións desde que era un cativo e rebentou un 17 de maio de 2001 deixándonos orfos a moitos. Viviu a présa, correndo, posto que non podía parar, porque el non marcaba os tempos e porque "o País éche o carallo". A súa foi unha vida de lapis e batuta, a ritmo de sinfonía co jazz na tona. Sabíase sacado dos debuxos de negros de Castelao e seguiu ese sino.

Nos anos da escola, mentres compartía pupitre con Néstor Rego, xa destacaba no seo da Banda de Viveiro. E así seguiu, compoñendo, e na dirección e o impulso a iniciativas musicais. Vicedo, San Cibrao, Viveiro e Ribadeo foron desde aquela un grande coro, unha grande banda, que dicía Hernán, sempre cun chisco algo marcial, como el gustaba. Instalado en Ribadeo, desde a nada, levantou a escola e Banda de Musica, que non eran cen ou douscentos senón todo o pobo, até facer desta vila unha referencia musical en Europa. Se lle preguntaban polo éxito da iniciativa ou se achegaban doutros concellos para que lles explicara o segredo da mesma, sorría por riba das gafas e afirmaba que "isto xa o inventaran os soviéticos, non os rusos que son moi parvos".

Articulista compulsivo, poeta a tempos e dramaturgo impenitente aclaraba que o seu era redixir panfletos. A prensa nacionalista da que foi delegado moito tempo na Mariña, as edicións comarcais dos diarios, os semanarios locais, as publicacións das asociacións culturais están cargadas das súas colaboracións. Aínda así o mellor de Hernán é aquilo que non asinou co seu nome, aquilo que se agochaba tras pseudónimos como "Colectivo Musulmán" de breve e incerta vida. Tamén é maxistral aqueloutro, o Hernán, que se chama "Sementeira", Francisco Lanza ou BNG. Era o home do lapis e do cutter convencido de que a fotocopiadora, coas súas posibilidades de aumentar e reducir, remataba por ser a arma imprescindíbel de todo revolucionario.

Sempre militou no nacionalismo, se ben matizaba que el era máis do Bloque que do BNG. Afirmaba que en política tiña dous xefes, "os dous Pacos", o de Viveiro e Rodríguez e "ameazábanos" que calquera día ía solicitar de novo a alta na UPG. Era da xinea de César Parapar, aquel militante das Irmandades da Fala, concelleiro nacionalista fusilado en Lugo en 1937. Presumía que a súa escola de nacionalismo era aquel Viveiro da segunda década dos setenta, aquel Viveiro de ERGA e da UMG, de Sementeira e do SOG, da Asemblea, dos proletarizados en Alumina, do local da Misericordia, de Paco, de Xulia, de Néstor, de César, de Campuzano, de África... E así seguiu, presente en case todas as candidaturas do nacionalismo, para poder liberarse nas campañas, presidindo sementeira, ou facendo parte dos organismos de dirección do BNG na Mariña.

Ao longo deste ano, de Viveiro a Ribadeo, a Mariña enteira homenaxeou e homenaxea a Hernán con diferentes actos. Hai quen non deixou de choralo, outros falan con el a diario, iso si, nos atoparémolo o 25 na manifestación, riremos, mesmo intrigaremos e poñerémonos, por isto de ser de aldea, a conta da última nova. E gozarei co xigante da retranca, co xenio das distancias curtas, co mestre do discurso e da palabra e seguiremos a soñar bandas, asociacións culturais, organizacións, Patria.


[03-04-2012 08:42] Antonio Gregorio Montes comentou:

Descubro o artigo moito tempo despois de ser escrito, pero recoñezo nel que non pasou o tempo. Por? Porque Hernán pasou, pero recoñécese a súa obra despois de anos, está viva influenciando a quenes o coñecimos. Como ti dis, hai quen o considera morto e o chora, e hai quen fala con el e fai que interactúe co presente.

[22-07-2011 11:06] Mvila comentou:

Parabéns ao articulista!
Sería bo que, face o costume habitual de recoñecérmonos méritos varios post-morten, efectuáramos este tipo de louvanzas en vida dos que realmente o merecen. Sería moito máis animoso e efectivo (para as/os homenaxeadas/os e para a nación). Dígoo porque, ás veces todo o relativo ao quefacer da nación resulta un tanto mortuorio ... (e non me refiro a este caso, que infelizmente, descoñezo).
Apertas

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña