01:42 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-07-2011

A Galiza do Códice Calixtino é unha nación de fala galega, con peso político no contexto europeo e cunha sociedade capaz de liderar os movementos socio-culturais do momento

A Galiza furtada e os segredos do Codex Calixtinus

Valorar (26)

XOÁN COSTA



Non sei se cando estas liñas afloren na pantalla do computador o Códice Calixtino terá retornado ao lugar onde estivo nos derradeiros oitocentos anos, desde que foi traído a Santiago por Aymeric Picaud, clérigo de Parthenay-Vieux, que o doou pola redención da súa alma. Ora, se nos guiarmos polo tempo que tardan en seren recuperados, cando o son, outros obxectos roubados nos museos de todo o mundo, é moi probable que hoxe, día 18, o Códice non estea en Santiago.

O patrimonio material da Igrexa Católica en Galiza, do que o Códice forma parte, é inmenso. Bens rústicos e propiedades urbanas acompañan un extraordinario patrimonio artístico esparexido por case 3800 parroquias que acollen igrexas e residencias rurais, urbanas e metropolitanas até converter a Igrexa na maior inmobiliaria do país, na dona exclusiva dun patrimonio poucas veces posto ao servizo da nación que o promoveu e o sufragou, pois só temos que lembrar a este respecto o interese case avaro por recuperar para a xurisdición eclesiástica San Domingos de Bonaval, para desta forma manter baixo chave outros símbolos da Galiza moderna como Rosalía ou Castelao, no contexto dunha Igrexa nunca disposta á dignificación das nosas figuras históricas, dos nosos reis, tamén baixo chave gardados no Panteón Real da mesma catedral onde se atopaba o Liber Sancti Iacobi.

O Códice Calixtino está agora lonxe da Catedral e seguramente seguirá baixo chave nalgún lugar do mundo. Durante estes días puidemos ler as máis variadas opinións sobre a importancia deste libro, habendo mesmo quen lle atribúe a paternidade da "nación española". "...es el texto de mayor aliento de nuestra historia y el más importante en la configuración de lo que será España", atrévese a dicir García de Cortázar en entrevista no ABC.

Xa hai que ter valor para afirmar iso!!

Foi tanto o tirón informativo, tantas e tan disparatadas as argumentacións dadas e as hipóteses baralladas que os relatos de verán de algún xornal ficaron francamente faltos de interese, focalizada toda a atención no obxecto-libro-roubado de xeito que moi poucos medios repararon no que realmente di e representa o libro, tratándoo sempre como se fose un cadro ou unha escultura, ou mesmo burradas mais grandes, como as do mencionado García de Cortázar cando equipara este roubo a unha hipotética desaparición do Museo do Prado, O Escorial, A Alhambra ou A Mezquita de Córdoba.

Mais o certo é que o Codex Calixtinus xa non está. Posiblemente alguén estará ben contente coa súa pose, posibelmente a alma de Aimérico de Parthenay estará xa salvada, ou quen sabe se ela mesma, aborrecida de estar durante oito séculos contemplando como a Igrexa da Galiza se desgaleguizaba e quen custodiaba o seu tesouro non era digno sucesor de Xelmírez, non terá retornado para facernos reflexionar sobre o que o libro di, e non sobre o libro vale, como os cazadores de tesouros se empeñan en salientar. Quen sabe se non estaremos en presenza de outro dos milagres de Santiago, que, farto de tanto compadreo e de que lle poñan a man no lombo aqueles e aquelas que sendo por lei responsábeis de velar polo noso patrimonio, material e inmaterial, son os primeiros en renegar del, en facelo desaparecer ou mantelo gardado baixo chave, decidiu retirar o libro para escribir un novo capítulo, ignorante de que en Roma xa non exerce Calixto de Papa nin en Santiago Xelmírez de Arcebispo e nin sequera Feijoo se pode equiparar a Pedro Froilaz de Traba.

O Codex Calixtinus ou Libro de Santiago é un conxunto de textos reunidos nos anos finais do arcebispado de Diego Xelmírez e que se presenta como da autoría do Papa Calisto II. O libro V do Codex Calixtinus é unha especie de guía de viaxe para peregrinos franceses ou procedentes de Franza e nel aparecen reflectidos unha serie de prexuízos lingüísticos e culturais aplicados a navarros, gascóns, e outros pobos do camiño que, anos máis tarde, cando Galiza deixa de ter peso no contexto peninsular, se desenvolveron e se aplicaron aos galegos e galegas, proba evidente de que cando un pobo se deixa colonizar as burlas e os prexuízos sobre el forman parte do proceso de colonización.

O viaxeiro-narrador do Códice séntese pertencente e identificado cos valores dunha nación, a nación gala, e como tal, desde a súa posición de privilexio por pertencer á elite social da Europa do momento, só topa en todo o occidente unha nación comparable coa súa, até o punto de afirmar que "son os galegos os que se acomodan máis perfectamente que as demais poboacións españolas de atrasados costumes ao noso pobo galo".

Non son os navarros, nin os gascóns, nin os vascos, nin os casteláns os que merecen tal posición. Somos os galegos. Mais esta afirmación non procede da simples simpatía do autor, ou autores, do Códice, nin tampouco do parentesco que o Papa Calixto, antes Guido de Borgoña, mantiña con Afonso, Rei-emperador da Galiza, nin sequera por ser este Papa o instaurador, no ano 1126, do Ano Santo Xacobeo, que había de se celebrar, nun perpetuo privilexio atribuído a Santiago que o equiparaba con Roma e Xerusalén, sempre que o 25 de xullo caese en domingo, a razón de 14 veces por cada século, seguindo unha cadencia de 6-5-6-11 anos; pola contra, aquela afirmación provén de a Galiza do Códice Calixtino ser a Galiza do Mestre Mateo, de Xelmírez, da Casa de Traba; unha Galiza de fala galega, rica e con peso político no contexto europeo e peninsular do momento. É a Galiza que consume e exporta literatura e arte, que integra peregrinos, que recibe arquitectos e artesáns. É a Galiza que conta cunha clase dirixente e un tecido produtivo capaz de liderar os movementos socio-culturais do momento, capaz de os asumir sen caer na mera imitación, ben ao contrario do que acontece hoxe.

Hai algún tempo o Presidente da Confederación de Empresarios de Galiza, Sr. Fontenla, afirmou que "para moitas cousas Galiza está estratexicamente mal colocada".

Mais acabamos de ver como non o estaba para os redactores nin para os lectores do Códice Calixtino que fala de Galiza como unha terra "frondosa, con ríos, prados, ... bos froitos e clarísimas fontes. ... Abundante en pan de centeo e sidra, ben abastecida en gando e cabalarías, en leite e mel, e en peixe de mar" .

Eis os segredos do Códice

Por que entón non se nos permite descubrilos e sermos unha potencia no aproveitamento de recursos mariños como corresponde a un país "abundante en peixe de mar"?

Se aínda gozamos, como tamén se afirma no Códice, dunhas condicións ambientais que nos permitirían ter un sector gandeiro e leiteiro altamente competitivo, por que as estratexias da política económica estatal e europea nolo impiden?

Que dicir do sector enerxético, cando resulta que os ríos galegos son, en conxunto, os principais produtores de enerxía hidroeléctrica de todo o Estado? Non somos produtores de primeira liña mesmo en enerxías renovábeis?

Son estes, e algúns outros, os segredos que o Códice Calixtino nos revela e que nós temos que asumir, alén de o recuperarmos como parte do noso patrimonio material.

Mais nin o Códice, nin San Domingos de Bonaval, nin o Panteón Real deben ficar nunca máis baixo a chave eclesial, aínda que for esta a do mesmísimo San Pedro.


[18-07-2011 12:38] Xoan comentou:

Oin certo rumor de que as chaves que cerraban o local donde se atopaba o "Codice Calixtino" estaban ¡colgadas da porta de dito local!
Así que si eso e certo, calquera que pasara por ali puidera levalas.
A ver si non o colleu calquer tolo, e ó ver o revuelo que se armou,ceibouno nun regato ou noutro sitio calquera.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña