11:43 Mércores, 26 de Xaneiro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-07-2011

Que non sexa o nacionalismo o que nos afaste dese proxecto común

Proxecto común xa. E dálle co espírito do 82

Valorar (19)

XOSÉ ANTÓN BAO ABELLEIRA


Filme (tempos modernos)


Estamos no tempo de psicanálise política no BNG. Ímonos deitar no sofá e decidir que soño político somos quen de tecer e explicar a galegos e galegas con firmeza e claridade.

Ese proxecto común ten que basearse exclusivamente nun programa político homoxéneo partindo da historia imborrable do BNG, fixando ben os alicerces do tempo que nos toca vivir e proxectando futuro.

O nacionalismo é a base fundamental dese discurso propio. Terá matices? Non debería. Renunciarmos a calquera dos criterios dos que nos xunguiron dende o inicio e día tras día, significaría eliminar a substancia esencial que nos dá o ser. En calquera caso e sen matices. Que ninguén esqueza que a Galiza política existe grazas ao BNG e o BNG existe mentres haxa Galiza.

Mover algún marco do que labrou o nacionalismo galego a través do Bloque, pode constituír unha traizón imperdoable que nos afaste da coherencia e nos deixe sen esa militancia irredutible que nos trouxo até aquí. O contrario sería perder identidade nun país, nunha nación que cada minuto que pasa precisa o osíxeno dela para subsistir.

Que non sexa o nacionalismo o que nos afaste dese proxecto común. Prosigamos por ese carreiro sen disfraces, sen escondernos. Pintalo doutro xeito sería deixar de ser o que somos. Independencia, soberanismo, república. Claro. Nacionalismo, con todo o mar detrás.

Será logo que esquerda somos e imos ser o motivo de máis discusión. Dos catro documentos a debate asembleario está xurdindo un moi interesante diálogo sobre esta cuestión. Modelos e propostas diferentes que avalan distintas configuración dese espectro político.

Pois ben, de aí pode xurdir ese programa político que sen apriorismos, sen imposicións, con intelixencia, dea lugar á tese política que a militancia do BNG decida e asuma para os vindeiros anos. Con asunción colectiva e inquebrantable. Iso é o que se agarda de nós.

Eses catro documentos non son a tese política do BNG. Deles e de moitas máis aportacións doutros e doutras militantes, ten que crearse a vindeira política do BNG. Da capacidade para sobrevivirmos ás diferenzas, de buscarmos as coincidencias, de construírmos un proxecto que teña en conta aos que sen estar organizados no Bloque queren oír a nosa palabra na súa defensa, sabendo que somos e debemos seguir sendo a alternativa ás políticas de dereitas, e non unicamente coa teoría de desbancar á dereita (a iso tamén se suman outros que fan políticas de dereita aínda que agora queiran disimulalo).

Socialismo, comunismo, socialdemocracia. Velaí o eixo de debate para os vindeiros meses. Eu quédome coa gran maioría das ideas que traslada o documento da Alternativa para a Unidade. Pero sigo crendo que se pode conseguir unha tese política para a asemblea nacional moi enriquecida coas demais achegas.

Apuntémonos ao que nos une e non unicamente ao que nos diferencia. Ese será o gran éxito. Pero sempre cunha idea común: chegarmos primeiro de todo ao programa, o resto xa vira despois.

E dálle co espírito do 82.


Agora ben, se unicamente queda todo no reparto organizativo (por chamarlle dalgún xeito), non faremos nada máis que prolongar a agonía. Precisamos ter moi clariño o proxecto, programa, tese política, como queiramos chamarlle. Iso é o único que nos pode servir de motor para afrontarmos con claridade o futuro.

Por iso me cansa xa escoitar continuamente o de "recuperar o espírito do 82". Aos que chegamos a isto 17, 20 ou 25 anos despois, iso do 82 quédanos lonxe e ademais de ser historia moi respectable, neste intre non entendemos a que sabe. Se hai que apelar a algún espírito, que o dubido, apelemos ao que nos toca vivir. Apelemos ao deste ano que "vivimos perigosamente".

De todos xeitos, creo que non debe ser ningún espírito o que nos guíe. Debe ser a política nacionalista e de esquerda. Nada máis.

Non debe crearse ningunha escusa nin individual nin colectiva que nos aparte dese obxectivo.

Galiza agarda até o 23 de outubro, unha vez máis, polo BNG.


[14-07-2011 12:23] militantedaputabase comentou:

primeiro falas da "historia imborrábel do BNG" e ao final reclamas non mirar á historia e apelas a centrarnos "no que nos toca vivir", algo esquizofrénico o asunto, xa que agora nos dá pola psicoloxía...eu tamén penso que temos que construir xunt@s o futuro do bloque pero ollo!!! non vale todo, xunt@s @s militantes, non amañando entre os "xefes" as candidaturas como parece que se pretende nalgún dos documentos presentados....e nada de psicanálise colectivo (se tal individual pero eso é outra historia), debate para chegar a acordos e debate aberto a tod@s @s militantes empezando xa polas comarcais, sen discursos eternos dos catro de sempre.. pero sen buscar traumas no pasado que deso o bloque vai sobrado e non nos compensa remover se despois non lle aplicamos a terapia oportuna...

[14-07-2011 01:57] Miguel comentou:

soa a papel mollado todo, pero se acreditases en todo o que dis, en sumar e non destruir, penso que deberías, e a direción do bng tamén, en tomar en serio por exemplo a reafiliacion da xente que marchou ou foi animada a saír nestes últimos anos, estades pechando en falso, coma sempre niso do nacioanalismo e o mar detrás, e un carallo! o mar tamén vai para diante, cousa que as vangardas non asumen, queredes ser o partido guia dunha fronte e iso é o que vos leva a estar desconectados de todo o que pasa a todos os níveis da militancia social deste país e do mundo; pa!, se non ves o que está a pasar co bng e cunha mensaxe tan simplona pretendes que isto vai ser un suma e segue estas equivocado, todo é un resta e segue como acontece ano tras ano...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña