22:36 Luns, 06 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-07-2011

O 4 xullo 1137 asínase a paz de Tui, pola cal o rei de Portugal se comprometía a non pasar o Miño e o novo emperador, Afonso VII, permitía a existencia daquel condado

O papel xogado pola familia dos Traba na perda de Portugal

Valorar (23)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS



A alianza entre a nobreza galega do convento lucense e a do convento bracarense comeza a escacharse no mesmo intre en que se crea o condado de Portugal polo rei Afonso VI. Nesta zona fronteiriza do sur galego comeza a xermolar a idea de rachar coa dependencia de Galiza. Tareixa e Henrique de Borgoña serán os primeiros impulsores, favorecendo os intereses da nobreza local e os da igrexa, nun intento de desligarse do poder da igrexa de Santiago de Compostela.

Na Galiza do norte hai dúas forzas, igrexa e nobreza, que camiñan xuntas na consecución do mesmo fin, colocar no trono, primeiro de Galiza e despois de León, ao lexítimo sucesor do rei Afonso VI. Así mesmo a igrexa compostelá, baixo o mando de Xelmírez, está buscando desligarse do poder de Toledo e anular o renacemento da igrexa bracarense.

Todo este movemento político no recentemente nado condado de Portugal vese con moito temor. Son conscientes de que a chegada ao trono de Afonso VII, aupado polos galegos do norte, significará a perda da influencia e do grao de independencia dos galegos do sur (Portugal). Este temor é o que motiva que Henrique de Borgoña apoie ao rei Afonso I de Aragón na loita que está a manter cas tropas galegas encabezadas polo Conde de Galiza, don Pedro Froilaz.

Na morte de Henrique de Borgoña, deixando un sucesor aínda neno e unha viúva nova, ve Pedro Froilaz a posibilidade de asegurarse, permanentemente, a fidelidade do condado portucalense. Os seus fillos, Bermudo e Fernando, serán as persoas que levarán a cabo  esta labor.

Bermudo, ao contrario que seu irmán, nunca se intitulou "conde", tampouco lle facía falla, pois firmaba os documentos oficiais da seguinte maneira Vermudo Petriz Galleciae (Bermudo fillo de Pedro de Galiza), non facía falla dicir os apelidos de seu pai, a principios do século XII en Galiza só había un Pedro tan poderoso. Seu irmán Fernando si se intitulou conde de Traba, participando, xunto a seu pai e a carón do rei Afonso VII, en innumerables batallas.


Fernando Pérez de Traba acabará uníndose sentimentalmente a Tareixa, a viúva de Henrique de Borgoña. Esta unión sentimental significaba moito máis do que se pode pensar nun principio. Esta unión era a chegada aos órganos de poder dunha figura fiel á política galega e polo tanto contraria a todo intento independentista por parte da nobreza portuguesa. Resulta significativo que entre os anos 1121 e 1123 nos documentos oficais, a carón da raíña Tareixa apareza o nome do seu amante "ante illa regina doa Tarasia et comite domno Fernando". Se Fernando actuaba coma un rei consorte seu irmán Bermudo irá máis alá ao casar ca filla de Tareixa, chamada Urraca. En caso de nacer un neno desta unión o fillo de Henrique de Borgoña (Afonso Henríquez, futuro rei de Portugal) tería serios problemas para poder chegar ao trono.

Trala paz de Támara (1127) Afonso VII, unha vez pacificada Castela, decide avanzar cara Portugal. O exército que emprega para esta invasión está composto na súa maioría por tropas galegas, tanto da nobreza como da mitra compostelá. As tropas da raíña non fixeron moita defensa, de feito a única cidade que se enfrontou ao exército galego foi Guimaraes, e nela non había tropas de Tareixa, senón homes fieis ao seu fillo Afonso.

A vitoria das tropas galegas foi o final do proceso de expansión territorial de Portugal pero tamén foi o principio da revolta. A nobreza e a igrexa portuguesa, encabezada esta polo bispo de Braga don Paio Gómez, comezaron unha loita en contra da política de Tareixa e en contra da presenza dos Traba. Estes últimos facilitaron a invasión de Afonso VII e frearon todo intento de independencia.

A persoa elixida para converterse en estandarte da rebelión foi o fillo de Tareixa, o príncipe Afonso Henríquez, quen xurou en Braga asumir o goberno da nova nación. Comezaba así unha guerra civil que rematou trala batalla de San Mamede (1128). A derrota de Fernando Pérez de Traba e de Tareixa significou a expulsión dos dous amantes do condado, que acabarán refuxiándose en Galiza.

Tan só quedaba Bermudo en Portugal como gobernador de Viseu e de certas prazas fortes na fronteira cos árabes. Aproveitará que seu cuñado estaba invadindo Tui e a zona da Limia para alzarse contra Afonso Henríquez e acastelándose na cidade de Seia. Seu irmán Fernando, pese a estar en Galiza, consegue que a cidade de Coimbra, da que fora gobernador, se rebele en contra do príncipe. As tropas rebeldes non puideron vencer ás leais ao príncipe que os derrotará. A primeira medida que toma é a expulsión de súa irmá e de seu cuñado, Bermudo, do territorio de Portugal. O matrimonio expulsado acabará vivindo en Galiza e os dous rematarán os seus días ingresando nun convento.

Remataba así a presenza dos Traba en Portugal, pero non a influenza desta familia en Galiza, e así cando os portugueses atacaron a Limia atopáronse co exército galego comandado polo adiantado maior de Galiza, Fernando Pérez de Traba. A derrota dos portugueses non impediu que dous anos despois (1133) volvesen a atacar a zona da Limia na que edifican o castelo de Celmes como símbolo do poder portugués nesa zona.

Afonso VII atopábase pacificando Castela e loitando en contra de seu padrasto por iso non fixo nada cando foi informado dos avances portugueses. Esta situación varía en 1134. Trala morte do padrasto e pacificación castelá Afonso VII volve os seus ollos cara Portugal. O seu rei acababa de apoderarse de territorios na Limia, de tomar Tui e de vencer ás tropas galegas comandadas por Fernando de Traba. O poderoso exército que acompañaba ao rei Afonso VII entra en Tui sen atopar resistencia algunha e en vez de tomar Portugal polas armas asínase a paz de Tui, 4 xullo 1137, pola cal o rei de Portugal se comprometía a non pasar o Miño e o novo emperador, Afonso VII, permitía a existencia daquel condado noutrora pertencente ao territorio galego coñecido coma Portugal.


[11-07-2011 12:16] breoghain comentou:

Hoje a Galiza só existe apôs o Minho no ocidente e a raia seca no interior. "Galicia" está perdida e sem ninguêm com verdadeira determinação que a defenda.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña