22:33 Sabado, 11 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-07-2011

O futuro do novo audiovisual galego precisa potenciar os festivais de cine, circuíto de exhibición alternativo para a divulgación de obras

Un circuíto cinematográfico imprescindíbel

Valorar (18)

ALBERTE MERA GARCÍA



Todos vós sodes capitáns proxéctase esta semana nos cinemas de Compostela, un salto á pantalla comercial conseguido en boa parte grazas á divulgación e éxito logrados polo filme no circuíto de exhibición alternativo configurado polos festivais cinematográficos.

O filme de autor galego logra adentrarse nas grandes salas. Despois de exhibirse en Vigo continúa o percorrido polos cinemas comerciais comezado o pasado 6 de xuño. O director Oliver Laxe (fillo de emigrante galego e nado no 82 en París) é un dos máis potenciais valores do que algúns críticos teñen denominado nos últimos meses Novo Cinema Galego, unha posíbel forma de referirse a unha variedade de creadores e creadoras dunha xeración nova e con novas propostas narrativas.

Pese ao mérito deste autor e do seu filme e incluso do recoñecemento europeo (premio concedido pola crítica internacional en Cannes), a proxección do seu filme nas salas de exhibición comerciais non deixa de chamar a atención, xa que normalmente están pechadas a todo aquilo non producido polas multinacionais estadounidenses ou que non sexa catalogado coma o cinema máis comercial.

Até hai uns meses, o filme non tiña garantida a súa distribución nas salas de cine. Rompe así unha barreira que moitos atopaban difícil para esta película co título e cos créditos en galego, e con diálogos no dialectal marroquí darija e en francés, ademais de tratarse dun director galego cunha produción independente, unha aposta pola imaxe en branco e negro para favorecer unha pulsión estética e por non centrarse na dramatización da situación de miseria en que viven os rapaces protagonistas. Estes son aspectos non apreciados polas salas tradicionais, aos que se lle suma a mirada do autor. Oliver perfecciona respecto dos seus anteriores traballos unha mirada propia coa que observa a realidade non para reflectila senón para posteriormente indagar que é o que hai detrás da natureza captada pola cámara, revelar o poético do que a simple vista non se ve e que o cinema pode amosar ao espectador; unha proposta do autor que toma o celuloide como base imprescindíbel.

O filme capta o desenvolvemento dun obradoiro de cinema que o director organizou en Tánxer con sete nenos en situación de exclusión social, pero non se centra en resaltar a dor ou o drama que os rapaces están a vivir, pois non se trata de comercialización da miseria senón dun filme sobre a propia creación, onde os rapaces participan do proceso creativo dunha película. Tratase dun traballo dun ano e medio onde Oliver contou cun escaso orzamento de 30.000 euros e onde el mesmo levou tanto o guión como a produción e montaxe e mesmo actuación, xa que o autor provoca diversas situacións interactuando coa realidade.

Coa desidia da Xunta periga o futuro audiovisual

Esta primeira aproximación á obra xa amosa unhas características polas que estraña a súa proxección nos cinemas comerciais. Por outra banda, entre os factores que fixeron posíbel a súa entrada nas grandes salas poderíase resaltar tanto a calidade e especificidade do filme coma o éxito en Cannes. Mais cómpre non esquecer a importancia do circuíto alternativo de exhibición e divulgación dos filmes independentes que en Galiza conforman boa parte dos festivais de cinema, onde Todos vós sodes capitáns puido exhibirse e resultar gañadora en circuítos galegos coma no Play Doc de Tui (premio á mellor longametraxe documental) ou en Cineuropa (premio 2010).

Este ano a situación para os festivais galegos foi ben convulsa, algúns deles de relevancia internacional amosáronse temerosos de non poder realizar unha nova edición por mor dos recortes das subvencións da Xunta.

A anterior convocatoria de axudas por concorrencia competitiva para os festivais de cine foi eliminada pola Xunta do PP, que implantou un sistema a través de convenios con cada festival, aos que reduciu a participación económica entre un 50% e 70%.


Como ben dixo en sesión parlamentaria a nacionalista Ana Pontón "o sector audiovisual está declarado por lei sector estratéxico", cando demandou un marco estábel de apoio aos festivais de cine para que os seus organizadores puidesen acceder aos fondos públicos a través dun sistema igualitario e non mediante convenios.

Os recortes en difusión e exhibición do audiovisual galego sobrepasan aos festivais. Nos últimos meses eliminouse o programa da televisión galega onde se emitían curtas de creadores galegos ou dubidouse da posibilidade de retransmitir a gala dos Mestre Mateo que finalmente se emitiu de madrugada. Pero unha das medidas máis sentidas foi o peche de Flocos.tv pola Xunta, unha web creada pola tamén eliminada Axencia Audiovisual Galega e que fora un modelo innovador de filmoteca nacional on-line onde se albergaban e se puñan en valor primeiras obras do cinema galego (filmes por exemplo realizados nos anos 70 e invisibilizados totalmente no noso País) e se publicaban creacións audiovisuais de novos valores, por tanto, Flocos.tv foi unha verdadeira plataforma de exhibición e divulgación e punto de encontro de novos creadores, recoñecida alén de Galiza.

Xunto a Laxe, hai outros novos creadores galegos que capitanean febles barcos do audiovisual nun mar de tempestade en crise e desidia institucional. Estamos ante unha situación do audiovisual propio realmente crítica, con produtoras independentes que xa botaron o feche, cunha nova xeración de licenciados e técnicos no audiovisual en paro, e onde as subvencións para novos creadores e empresas independentes mudaron de criterios substituíndo a política favorecedora do anterior goberno cara a este sector por unha política de axudas centrada nas grandes compañías consolidadas e acomodadas coas partidas orzamentarias públicas, polo que non se esforzan en cimentar unha industria audiovisual galega que tire para adiante cos seus propios beneficios.

A potencialidade creativa do País é emerxente, novas e novos creadores saen á luz na Galiza fronte ás dificuldades, fronte a Agadic, Cultura e Xunta que viven de costas a eles e a elas. Mais nestes momentos é preciso unha aposta tanto institucional como desde a base para non perder por completo un circuíto de exhibición propio onde poder divulgar as obras dos creadores galegos, para poder chegar a competir coas cinematografías internacionais e dar o salto ás salas comercias. Faise por tanto preciso exixir e impulsar os circuítos de exhibición galegos.

Todos vós sodes capitáns percorreu un completo circuíto de mostras audiovisuais e agora conseguiu o case imposíbel, a exhibición nas salas comerciais. Cada vez o contexto é máis complicado, pero o filme de Oliver debe ser un exemplo ao que lle sigan moitos máis filmes e un camiño para novos creadores galegos.

Quixera rematar estas reflexións rescatando un extracto dunha análise do cineasta Eloi Lozano publicada en 1977 arredor das eivas de distribución e exhibición do cinema galego, e que segue en vixencia:

Namentres a xente galega non teña acceso directo a ollar un film galego nunha sala de proxección e así, co seu diñeiro en taquilla, contribuír a completar o circuíto devandito, o cine galego estará sempre abocado a unha autonecrose progresiva.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña