02:30 Martes, 23 de Abril de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-07-2011

Comunicación de noso, sen intermediarios, para avanzarmos no proceso de autodeterminación

Para sermos Galiza

Valorar (28)

XOÁN COLAZO PAZÓ



Sen caer no catastrofismo nin chegar a pensar que na nosa historia recente houbo época dourada ningunha, pódese afirmar que hai dados obxectivos que indican que Galiza atravesa un momento crítico como país diferenciado. Unha chea de atrancos lastran o benestar e as perspectivas de futuro do noso pobo: desmantelamento da base produtiva agraria, mariñeira e industrial, emigración, demografía regresiva, desemprego, intentos de extirpar a nosa lingua, perda do aforro, falla de institucións propias, subordinación en todos os eidos... Porén, as forzas que se opoñen a este proceso están en mellor situación que hai vinte, trinta ou cincuenta anos. E mellor do que a moitos que participan delas lles poida semellar. Neste intre de urxencia nacional imponse, xa que logo, o compromiso, a xenerosidade e acertar coas prioridades que de xeito máis útil favorezan que teñamos un futuro.

Na transición o nacionalismo foi quen, con moito esforzo, de pór a andar toda unha serie de organizacións sectoriais que implicaban que se estaba a construír a nación. Tamén proxectos xornalísticos propios, como imprescindíbel peza que acompañase ese movemento creado. Pero sempre existe o risco do retroceso, de vermos desmanteladas as nosas cativas conquistas. A globalización, a españolización, a crise contribuíron moito para que o espazo de comunicación en galego sexa hoxe un ermo, nomeadamente en canto aos medios escritos. Logo dos últimos peches non existe periódico en papel ningún, sexa cal for a súa periodicidade. Estamos pois ante unha situación na que é preciso reaxir. Outra volta precisamos dotarnos de algo tan básico como é un medio galego e acadarmos espazos comunicativos propios.

Alén da necesidade social e política, por falarmos en termos só económicos parece evidente que hai un segmento de mercado que non se atopa representado por ningún medio agora existente. Hai unha demanda de periódicos galegos, é dicir, escritos en galego e cunha liña informativa propia, que proxecte a nosa realidade e intereses como galegos e galegas e que permita interpretar o mundo cunha ollada independente e alternativa, sen pasar por filtros alleos. O realmente aberrante é que tantas persoas sigan a se "informar" por aqueles medios de comunicación españois (para maior claridade, inclúase aquí a todos os editados en localidades galegas pero cunha clara liña editorial e idiomática alleante) que denigran Galiza e son contrarios aos seus intereses, que insultan parte dos seus lectores. Xa non só pola intoxicación ideolóxica que inoculan no noso corpo social, senón porque é un absoluto contrasentido mercan (financiar) aqueles periódicos que atacan seguido ao nacionalismo e son elementos activísimos na residualización do noso idioma e do ninguneamento do país. Non podemos continuar por máis tempo pagando por recibir propaganda allea.

E neste intre tan crítico recibimos con satisfacción a iniciativa presentada hai catro días para respostar a esta situación da que estamos a falar. Sermos Galiza supón pasar do laio pola eiva á acción necesaria. Semella que por fin estamos a construír unha ferramenta de primeira orde para a nosa autoorganización. Porque o eido comunicativo é esencial, a súa importancia excede contarmos cun instrumento de noso sectorial; a influencia que ten no resto dos campos, a difusión do labor dos movementos sociais, o espallamento da nosa conciencia e a defensa do país, a non ocultación da nosa realidade, o fomento da cohesión interna e o debate teñen un valor engadido que debe retroalimentar todo o movemento nacionalista galego.

O valor dunha illa de información conscientemente galega e en galego nun océano de mensaxes controladas polos poderes económicos españois e mundiais, supera con moito o seu valor intrínseco. E ademais, enche de ilusión e esperanza miles de persoas desta terra que non se resignan cunha Galiza e cun mundo que percorren vieiros choídos e canellas escuras.

Non nos queda senón saudar o nacemento desta iniciativa, apelar á confianza de todos e todas para traballar, colaborar e facer as achegas que sexan necesarias para que o periódico galego se faga realidade. De momento coido que xa mobilizou a conciencia de miles de persoas que tiñamos ese cravo metido no corazón dende hai demasiado tempo. Debemos animar aos promotores a dar novos pasos para concretar a proposta. A partires de aí a resposta que dea o pobo galego será quen defina o alcance dun proxecto de vital importancia para o noso futuro. Se cremos en nós mesmos, na nosa capacidade e forzas, poderemos acadar unha Galiza máis dona de si.

Como tantas outras veces, depende de nós. Da nosa vontade de sermos Galiza.


[17-07-2011 10:46] miguel blanco comentou:

A inciativa paréceme ben, pero acho que cómpre máis pluraridade entre os promotores do proxecto para gañar espazo social, ademais de contar cos proxectos xa en marcha.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña