08:19 Sabado, 13 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-07-2011

Máis unha vez é o nacionalismo galego quen encabezará a loita social

En marcha cara unha nova Folga Xeral

Valorar (15)

XABIER PÉREZ IGREXAS


Manifestación da "Marcha Galega polo Emprego"


Onte culminou en Compostela a Marcha Galega polo Emprego promovida pola CIG, coa chegada á capital de Galiza das camiñadas de paradas e parados provintes de diversos puntos do país.

 Foi unha acción reivindicativa de marcada significación, pois era expresión da indignación organizada. Porque a indignación sen que esta se traduza nunha actuación articulada, e polo tanto necesariamente organizada, corre o risco de se converter nun lamento gratuíto, nun disparo ao ar, en mera expresión de cabreo.

Centos de desempregadas e desempregados patearon a pé a práctica totalidade do país, para visibilizar ás e aos máis de 240.000 paradas e parados que temos na actualidade en Galiza, dos que máis do 40% xa esgotaron os seus subsidios. As máis de 80.000 familias galegas sen ningunha fonte regular de ingresos non poden ser só unha estatística; son un drama concreto, palpábel, que evidencia con nitidez que o vixente sistema, que o capitalismo na súa fase neoliberal, non vai dar nunca resposta ás necesidades da maioría social. Ao contrario.

As sucesivas contrareformas (laboral, das pensisóns e da negociación colectiva), xunto as políticas de retallamento social, de adelgazamento dos servizos públicos e de precarización dos mesmos, son un conxunto articulado que se enmarca dentro das políticas que ao ditado do neoliberalismo están a executar tanto o PSOE en Madrid como o PP na Xunta. O bipartidismo españolista, unificado máis que nunca en base a un programa socioeconómico común (o que deseña o FMI, a Comisión Europea e o BCE), actúa como axente ao servizo da oligarquía empresarial e financeira, batendo con saña contra das clases populares, transferíndolle ás e aos traballadores os custes netos da crise.

Neste contexto, de acentuada crise sistémica, estase a producir unha deliberada recentralización política e económica, a nivel de Estado e tamén a nivel europeo, engadíndolle ás contradicións de clase o confronto entre as nacións periféricas sen soberanía política e o cerne centralista e uniformador do Estado e da propia UE. É por iso que a reivindicación de plena soberanía política para a nosa nación é máis necesaria e vixente ca nunca. Como apuntaba recentemente o Portavoz Nacional do BNG, demandamos soberanía para rachar co neoliberalismo. Queremos que o noso pobo teña plena capacidade de decisión para mudar de xeito urxente o modelo económico e social que subxuga a maioría social, empobrecéndoa a favor dunha minoría poderosa. Queremos decidírmonos como nación soberana para rachar co réxime de desigualdades que proclama a UE.

Esta marcha da dignidade obreira concluíu onte nunha numerosa manifestación nacional, na que o Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, anunciaba que o sindicalismo nacionalista e de clase convocará para o vindeiro outono un grande proceso mobilizador como antesala da convocatoria dunha nova Folga Xeral, que se ha de sumar ás exitosas do 29-S e do 27-X. Máis unha vez é o nacionalismo galego quen encabezará a loita social. Máis unha vez será o nacionalismo galego quen fará do pobo traballador galego o suxeito activo da súa propia emancipación.

Avante xa coa Folga Xeral!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña