00:20 Luns, 30 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-06-2011

Os medios de comunicación presentan como verdades grandes mentiras e a sociedade asúmeas

Verdades e mentiras, mentiras e verdades

Valorar (23)

PAZ ABRAIRA SOBRADO



Vivimos nunha sociedade na que resulta difícil saber que é verdade e que é mentira. Os medios de comunicación sempre nos presentan unha realidade pintada de branco, de negro ou de cores rechamantes segundo lle interese á liña de poder do momento, que nin moito menos é sempre político, senón máis ben case sempre económico. E esa realidade ficticia é a que se espalla entre a xente e é a que moitos e moitas utilizan de base para formar a súa opinión, que moitas veces xa nace deturpada por un distorsionado punto de partida.

Resulta que agora o grande problema do Estado e tamén do noso País é a clase política. De repente xunto coa crise económica, co paro, o maior mal que ten a nosa sociedade somos os políticos. E nese mal entramos todos e todas aqueles que nun determinado momento ocupamos un cargo de representación institucional, sexa de goberno ou de oposición, pero tamén os que formamos parte dunha organización política. Do que se trata é de inocular na cidadanía que todos e todas facemos o mesmo, que todos actuamos igual, que todos e todas estamos en política por simple interese económico, en definitiva, por ganar cartos. Esta mensaxe, moi habilmente introducida entre a sociedade pola dereita política, fainos a todos e a todas culpábeis non se sabe moi ben de que nin porque. Somos culpábeis de apartar ou incluso abandonar o noso traballo para formar parte de candidaturas dos partidos políticos, un dos piares nos que se asenta este denominado sistema democrático, que eses mesmos cidadáns votan en cada un dos procesos electorais. Convértesenos en culpábeis de asumirmos a representación política que nos dan os cidadáns, e ao final, -os políticos-, resultamos ser tamén culpábeis da situación económica de moitas administracións. Nesa diana mediática non se apunta con nomes e apelidos contra os seus responsábeis directos para que no medio da confusión a mensaxe de cabreo teña máis percorrido. Por certo, que nese mesmo saco de responsabilidades, tamén se meten os representantes sindicais aos que tachan de vividores como se a defensa dos dereitos da clase traballadora non tivese ningún valor.

Aínda que visto o visto, é certo que non o ten, sobre todo para a dereita. Para a dereita de sempre e para a dereita disfrazaba de esquerda. O PSOE xa lles fixo o traballo sucio, e agora eles só teñen que seguir utilizando a prensa para espallar a mensaxe fascista de que os representantes públicos e sindicais somos unha eiva da democracia real, un anacronismo que debe desaparecer. E desgraciadamente hai persoas, incluso entre movementos que se autodefinen como progresistas e democráticos, que caeron na trampa do poder e da dereita, e que se sumaron a ese discurso. Fálase de corrupción, de intereses ocultos, de falta de escrúpulos... Todo aplicado á clase política e sindical. E é certo que hai exemplos de tales cualificativo. Vémolo cada día nos grandes partidos estatais e tamén fora deles, pero ese non é un mal exclusivo ou privativo. Ou é que na banca non hai corruptos, aproveitados, intereses de todo tipo. E na empresa privada non pasa o mesmo? Ou é que pagarlle a un señor (normalmente son señores, non señoras) esas desorbitadas cantidades de millóns de euros non é un fraude á sociedade e un delito contra a maioría social?

A banca, as grandes empresas, o mal chamado deporte de elite,... pagan primas desorbitadas por un suposto traballo de grande valor, e aí non pasa nada. Esa mentira/verdade está perfectamente introducida socialmente, e ninguén a cuestiona. Resulta normal e perfectamente asumíbel que determinadas persoas cobren cantidades que  mesmo representan o salario de centos dos representantes políticos e sindicais elixidos polos cidadáns e os traballadores e traballadoras, porque seica neste caso están facendo un traballo importantísimo! Resulta normal que unha empresa leve os seus altos executivos de viaxe a países exóticos mentres o resto dos traballadores ven como se lles recortan os salarios.  A banca, as eléctricas, as empresas farmacéuticas, as de telefonía,... priman os seus altos cargos mentres botan traballadores á rúa. Algo que pasa cada día diante dos nosos fociños (e dos da prensa) e iso parece que indigna moito menos que un cargo político elixido pola cidadanía cobre un salario igual ao dun funcionario dunha determinada administración. E así unha verdade convértese en mentira e unha mentira en verdade por obra e graza non se sabe moi ben de quen, e unha parte desa cidadanía indígnase e sae á rúa a protestar. Pero cando o sindicalismo nacionalista convocou dúas folgas xerais contra a reforma laboral e a reforma das pensións, ou quedaron na súa casa, ou acudiron ao seu posto de traballo porque seica non ía con eles, ou non deixaron de ir ese día á universidade, ou incluso marcharon de copas, e indignáronse porque había piquetes informativos explicando o que estaba a pasar. E cuestionáronnos por facela en base a que non era o momento, que había que xuntar esforzos e deixarse de tanta leria e de tanta rúa. Agora son outros os que toman a rúa e todo o mundo sente simpatía por eles, como se nós como organización política non levásemos anos e anos reclamando a maior parte das cousas que eles piden. Outras desde logo non, porque o único que van facer é anular o noso país e a nosa xa cativa capacidade de decisión. 

Por iso que hai verdades que realmente son mentiras e mentiras que certamente son verdades. Ou é que é máis democrático falar agora dunha folga xeral que hai 6 meses cando a convocaron as organizacións nacionalistas?

As organizacións políticas e sindicais do nacionalismo levamos toda a vida defendendo a democracia real e aplicándoa. Pero parece que a nosa non vale e que só vale a que outros/as consideran boa, como se estar organizado fose negativo. Algo que recorda outros tempos non tan afastados nos que a democracia (nin real nin ficticia) non existía. Curioso que a prensa lle dese tanta cobertura de prensa escrita, radiofónica e televisiva a certas reivindicacións, reivindicacións que o BNG leva toda a vida facendo sen recibir ningún tipo de atención mediática. Por que será?


1 2 3 seguinte

[05-07-2011 17:20] Mellor unha axencia de publicidade comentou:

Con mentalidades con esa xa non hai ganas de pegar cartaces nas campañas. Será que os que van para cargos institucionais nas candidaturas contraten a unha axencia de publicidade.

[30-06-2011 14:22] Autenticamente ceives comentou:

Resposta para "Ceive".
A todo o mundo parécenlle excesivos os privilexios e os soldos que teñen os deputados do Congreso, os deputados do Parlamento galego, os deputados provinciais, etc. Lea ben, por favor. Podíanse enumerar moitos casos. Tampouco é xusto que os cargos institucionais se dean a si mesmo os soldos que queren. Non acepto privilexios "monárquicos" nin para a Casa Real nin para a clase política. De supostos, nada de nada: realidades palpábeis e diarias.
Supoño que vostede non quere corrixir isto. Pois eu si e creo que a maioría dos cidadáns tamén, sobre todo os que somos de esquerda e queremos que exista unha ética política.
Equivócase ao dicir que non hai cargos institucionais do BNG con coches de gama alta. Coñezo varios casos. Non creo que sexa necesario citalos aquí.
Por outra banda, non se veron actuacións de "esquerdas" para nada nin no Concello nin na Deputación de Lugo por parte dos representantes nacionalistas. Nin creo que se vexan no futuro con estas mentalidades.
Hai que acabar dunha vez a concepción de que pode haber políticos profesionais. Cadaquén debe ter a súa profesión e adicación política é conxuntural.
A adicación á política institucional non debe ser un intento de ascender de clase social ou mellorar o nivel de vida e de consumo. Tanto unha cousa como a outra, moi pequeno burguesas, por certo.
Estas actitudes cuestionábeis desaniman, por exemplo, aos militantes cada vez a pegar cartaces durante as campañas electorais.

[30-06-2011 11:38] Ceive comentou:

Parece que cobrar unha retribución dacordo coa túa categoría profesional, agora é un privilexio, un exceso e un abuso.... Está vostede argumentando con supostos. Que eu saiba, non saltou aos medios de comunicación ningún caso de alcalde/esa, concelleiro/a do BNG que se atribuira un soldo astronómico, ou que fixera as américas na administración. Non vexo autos de altagama entre os cargos electos do BNG. Sí lembro o caso de un cargo electo do BNG, que de seguro que xa non está no partido, que protestaba por que a organización o "combidaba" a donar parte das súa retribución á causa.
Ao mellor non é o lugar, pero gustaríame que sinalara algún caso de eses soldos estratosféricos, pódoLLE asegurar que no é o caso de Paz. Non teño acceso ás súas contas, pero fai moitos anos compartín con ela traballo nos CAF, é de unha honradeza extrema, unha persoa con un firme compromiso co que cre, solidaria e dende logo de esquerdas na teoría e na praxis. Este é o meu exemplo. Cal é o que confirma a túa teoría??? Non sei que solidariedade é esa de que si uns lles costa chegar a final de mes (entre os cales me atopo), todos deberíamos estar na mesma situación, sería o colmo que a Administración pública explotara aos seus traballadores!!! O noso problema non creo que esteña en cuestións retributivas, senón na preparación dos nosos cadros para asumir as responsabilidades que tiveron que asumir, eso sí que é un problema.

[29-06-2011 20:44] Erros en Lugo comentou:

Non o deberon de facer tan ben en Lugo cando obtiveron eses malísimos resultados electorais.
Curioso que ninguén demitise. Curioso que o futuro do BNg en Lugo se deixe nas mans das mesmas persoas que obtiveron tan malos resultados.
Curioso que aínda por riba entren no goberno municipal, cando deberían ficar na oposición.
Curioso que vaian da man do sistémico PSOE, o partido antisocial e neoliberal dos recortes.
Ninguén é capaz de evitar tantos erros?

1 2 3 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña