09:46 Luns, 23 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-06-2011

A democracia real pasa, hoxe máis que nunca, por "renacionalizar as políticas"

15-M e política

Valorar (43)

FRANCISCO XESÚS JORQUERA CASELAS



En setembro do pasado ano, publicaba nestas mesmas páxinas un artigo titulado "A oligarquía española presenta os seus plans a El Rei", no que daba conta dos contidos dun documento presentado a El-Rei de España por presuntos representantes da sociedade civil, baixo o patrocinio da Fundación Everis.

Entre aqueles "cidadáns indignados" estaban os presidentes de Telefónica, Repsol, Iberdrola e Acciona ou os conselleiros delegados do Banco de Santander ou do BBVA, que apelaban, nas súas propostas "ao papel vital do cidadán para transformar o modelo vixente de España que está esgotado. Require un cambio sistémico de grande urxencia."

Aquel acto fora recollido por meios da ultradereita española con pérolas como a que segue: "Cansados de sufrir los desmanes de la clase política, han entregado un informe al Rey en el que reclaman un nuevo sistema electoral y un modelo de Estado que garantice la democracia".

Fago este recordatorio porque aínda recentemente este medio dixital daba conta da nova de que un dos voceiros da "acampada de sol" pertencía á Fundación Everis e, por moito que as motivacións do movemento 15-M sexan ben diferentes, é evidente a existencia de numerosas coincidencias formais  nas actitudes dalgúns dos seus integrantes cos contidos daquel manifesto. Vexamos:

- Hostilidade, sen distincións, con sindicatos e partidos políticos.

- Crítica sen matices á presunta "clase política", que se nos presenta como se dunha casta corporativa se tratase que defende intereses comúns, por riba de ideoloxías, adscricións partidarias ou procedencias de clase.


- O documento da Fundación Everis partía dunha concepción da política como a simple xestión profesional dun modelo que se nos presenta como o único posíbel. Para iso sería preciso desideoloxizar a política, preocuparse ante todo de ter políticos-xestores, cualificados e formados. (En Madrid, o 19 J berrouse "MIR para los políticos").


- Reforma do sistema electoral para evitar o alonxamento entre os cidadáns e os  seus representantes. O Movemento 15-M non concreta a súa proposta. A Fundación Everis sí: implantar un sistema dun deputado por distrito (sistema maioritario), sei que para achegar os representantes aos cidadáns e acabar coa "partitocracia".

Que ninguén se leve a engano, nen acredito nas teorías conspiratorias nen pretendo con este recordatorio igualar o inigualábel e descualificar o 15- M.

Por riba das coincidencias antes citadas, a Fundación Everis e o Movemento 15-M responden a motivacións ben diferentes.

A primeira responde ao intento de aproveitar a crise económica para aplicar o programa de máximos do neoliberalismo, non só no eido económico senón tamén no político: maior concentración do poder político, recentralización do Estado,  limitar aínda máis o pluralismo implantando un sistema á americana, onde os partidos sexan simples maquinarias electorais e os deputados non estean vencellados a un ideario de partido, senón que dependan dos lobbys económicos que custeen a campaña nos seus respectivos distritos.

En cambio o Movemento 15-M, como se afirmaba nunha recente editorial do Terra e Tempo, é sintomático dun fondo malestar social que ten causas ben xustificadas e é sintomático tamén dunha posición crítica ante as consecuencias da globalización e financierización da economía.

De feito, moitas das propostas deste movemento (crítica ao pacto do Euro, á reforma laboral e da negociación colectiva, defensa dos servizos públicos, da dación en pago...) son coincidentes coas posicións que defende o nacionalismo galego.

Mesmo no eido político, nas posición do 15-M subxacen críticas que o BNG comparte: a submisión das políticas públicas aos ditados dos mercados, o traslado da toma de decisións fundamentais para o porvir dos povos e os seus cidadáns a ámbitos que non emanan da súa vontade democrática directa.

Por que entón a comparación?

Simplemente para significar que a "indignación", a exteriorización dun "malestar" de nada serve senón ten canalización política. Ao contrario, se este malestar se canaliza a través do  "antipoliticismo", de contribuír ao desprestixio da política, lonxe de provocar cambios o que se estará é alimentando o caldo de cultivo para unha maior involución.

Só modificando a correlación de forzas existentes, só defendendo a preeminencia do público fronte ao privado, só defendendo a soberanía da política sobre o mercado, poderá ter corrección o que o propio 15- M denuncia. 

No Congreso dos Deputados só tres deputados de 350 votamos en contra da guerra de Líbia, só 8 fixemos o propio rexeitando o recorte das pensións, a reforma laboral ou defendendo a dación en pago. Isto é o que compre modificar. Por iso produce perplexidade  que precisamente membros desas formacións fosen apoupados ás portas do Parlamento galego, do Parlament de Catalunya ou cando se opuñan a unha desafiuza en Madrid.

Esa é reflexión que lle compre facer ao 15-M.

A nós, nacionalistas galegos, cómprenos outra: Pór en valor a nosa política, sermos capaces de conectar cos sectores máis críticos e dinámicos da sociedade para sermos o seu referente.

E iso pasa, entre outras cousas, por sabermos explicar a vixencia e utilidade do  nacionalismo no século XXI como modelo alternativo á acumulación de poder económico e político que conleva a globalización.

A democracia real pasa, hoxe máis que nunca, por "renacionalizar as políticas", por crear e fortalecer espazos de libre decisión. Por substituír unhas relacións internacionais xerarquizadas e de dominio pola soberanía dos povos e a cooperación.


1 2 3 seguinte

[27-06-2011 20:08] Mónica Montero Borrazás comentou:

A autocrítica está ben, pero aínda debe ser máis profunda. Eu estou co movemento, participo tódalas semanas en asambleias cidadás, nas que o rexeitamento ó sistema é o máis evidente, as críticas máis concretas como as que menciona ou propostas de melloras, inciden, se cabe, nesa idea: é necesario superar este sistema e ir cara outro máis racional e xusto.

Trátase dunha crítica á globalidade mal entendida, pois mentres o sistema mundial actual siga igual, seguirán as desigualdades e abusos. Neste senso que o BNG sinale que xa se fixera eco de determinados aspectos negativos que saltan de novo á palestra aínda que con maior notoriedade, non é relevante, salvo quizais, para @s súas/seus electoras/es, para o conxunto da cidadanía o interesante sería ver máis traballo a pé de rúa pero sen intencións espúreas.

Personalmente gustaríame ver ós partidos de esquerdas volver ás bases, pero mentres, a cidadanía toma conciencia da súa relevancia (aspecto que o neoconservadurismo fixera acalar por diversos mecanismos) botándose á rúa, debatindo, informándose, ou formándose... e facémolo dun xeito desinteresado, poñendo cada persoa un granciño de area, que un día será duna, non hai excesiva presa pero tampouco cabe durmirse, disto xa tivemos de abondo.

Eu coma vostede creo que o nacionalismo galego (non só o BNG obviamente) debe recoller o sentemento da cidadanía e coller azos para formar un fronte contra os comúns inimigos. Nembargante matizo que cando se fala de "democracia real" a xente está pedindo maior participación no que nos afecta, por vez de deixarnos de lado e mesmo lexislar tan cínicamente contra nós. Por certo que esta participación dados os avances tecnolóxicos non é tan difícil de conseguir, so se precisaría vontade, non?

[26-06-2011 23:51] O pito dobre. comentou:

Para Mafaldo:
1) Para min o PSOE é de dereitas, pero menos de dereitas que o PP. Aínda que coido que hai persoas do PP que son menos de dereitas ca outras do PSOE.
Ante a constitución das corporacións municipais dábanse varias opcións, que podian variar segundo cada concello: Absterse e darlle as alcaldias ao PP. Apoiar ao PSOE. Renunciar ás alcaldias cando requiran o apoio do PSOE. Etc.
O que non é doado coñecer é que dirias en cada un dos casos, por que non aclaras o que ti farias.
2) O BNG, como calquera outra forza política( mesmo as que non acadan representación institucional) non deve, nin pode, quedar a marxe da crítica da xente.
Porén, non hai que confundir a crítica da xente coa intencionada presión mediática.
3) Cando unha forza política apresenta candidaturas deve facelo asumindo todas e cada unha das responsabilidades que isto implica. Non participar nas deputacións sería unha falta de respecto ao noso eleitorado(que votaron sabendo a onde nos apresentábamos e o que implíca, non nos enganemos non foi o teu caso), amais dunha irresponsabilidade política de 1ª orde, por deixar ao libre albedrío do PP e o PSOE unha parte importante da xestión pública do país, estar nas deputacións é o mal menor. Se houbo e hai devate sobre o futuro das deputacións é grazas ao BNG.
4) Mais parece que algúns necesitan o parapeto da CIG para ocultarse, que para loitar pola clase traballadora galega e a soberanía nacional. Polo xeral, non son os que dan a cara nos conflictos, senón, máis ben os que aproveitan os conflictos para dar renda solta ao seu arribismo persoal, xogar a revolucionarios e facer o vándalo ou o bandallo(segundo os casos).

[25-06-2011 21:45] Como??? comentou:

"Como é posíbel que o 15 -M xuntara tantos apoios en tan pouco tempo e tendo elementos como os "mass media" en contra? " Isto é unha mentira tan evidente que xa descualifica o resto da argumentación.

[24-06-2011 22:24] xose de navia comentou:

..."cos mass media en contra?.....Señores, seriedade no debate por favor

1 2 3 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña