06:47 Luns, 15 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-06-2011

A democracia real pasa, hoxe máis que nunca, por "renacionalizar as políticas"

15-M e política

Valorar (43)

FRANCISCO XESÚS JORQUERA CASELAS



En setembro do pasado ano, publicaba nestas mesmas páxinas un artigo titulado "A oligarquía española presenta os seus plans a El Rei", no que daba conta dos contidos dun documento presentado a El-Rei de España por presuntos representantes da sociedade civil, baixo o patrocinio da Fundación Everis.

Entre aqueles "cidadáns indignados" estaban os presidentes de Telefónica, Repsol, Iberdrola e Acciona ou os conselleiros delegados do Banco de Santander ou do BBVA, que apelaban, nas súas propostas "ao papel vital do cidadán para transformar o modelo vixente de España que está esgotado. Require un cambio sistémico de grande urxencia."

Aquel acto fora recollido por meios da ultradereita española con pérolas como a que segue: "Cansados de sufrir los desmanes de la clase política, han entregado un informe al Rey en el que reclaman un nuevo sistema electoral y un modelo de Estado que garantice la democracia".

Fago este recordatorio porque aínda recentemente este medio dixital daba conta da nova de que un dos voceiros da "acampada de sol" pertencía á Fundación Everis e, por moito que as motivacións do movemento 15-M sexan ben diferentes, é evidente a existencia de numerosas coincidencias formais  nas actitudes dalgúns dos seus integrantes cos contidos daquel manifesto. Vexamos:

- Hostilidade, sen distincións, con sindicatos e partidos políticos.

- Crítica sen matices á presunta "clase política", que se nos presenta como se dunha casta corporativa se tratase que defende intereses comúns, por riba de ideoloxías, adscricións partidarias ou procedencias de clase.


- O documento da Fundación Everis partía dunha concepción da política como a simple xestión profesional dun modelo que se nos presenta como o único posíbel. Para iso sería preciso desideoloxizar a política, preocuparse ante todo de ter políticos-xestores, cualificados e formados. (En Madrid, o 19 J berrouse "MIR para los políticos").


- Reforma do sistema electoral para evitar o alonxamento entre os cidadáns e os  seus representantes. O Movemento 15-M non concreta a súa proposta. A Fundación Everis sí: implantar un sistema dun deputado por distrito (sistema maioritario), sei que para achegar os representantes aos cidadáns e acabar coa "partitocracia".

Que ninguén se leve a engano, nen acredito nas teorías conspiratorias nen pretendo con este recordatorio igualar o inigualábel e descualificar o 15- M.

Por riba das coincidencias antes citadas, a Fundación Everis e o Movemento 15-M responden a motivacións ben diferentes.

A primeira responde ao intento de aproveitar a crise económica para aplicar o programa de máximos do neoliberalismo, non só no eido económico senón tamén no político: maior concentración do poder político, recentralización do Estado,  limitar aínda máis o pluralismo implantando un sistema á americana, onde os partidos sexan simples maquinarias electorais e os deputados non estean vencellados a un ideario de partido, senón que dependan dos lobbys económicos que custeen a campaña nos seus respectivos distritos.

En cambio o Movemento 15-M, como se afirmaba nunha recente editorial do Terra e Tempo, é sintomático dun fondo malestar social que ten causas ben xustificadas e é sintomático tamén dunha posición crítica ante as consecuencias da globalización e financierización da economía.

De feito, moitas das propostas deste movemento (crítica ao pacto do Euro, á reforma laboral e da negociación colectiva, defensa dos servizos públicos, da dación en pago...) son coincidentes coas posicións que defende o nacionalismo galego.

Mesmo no eido político, nas posición do 15-M subxacen críticas que o BNG comparte: a submisión das políticas públicas aos ditados dos mercados, o traslado da toma de decisións fundamentais para o porvir dos povos e os seus cidadáns a ámbitos que non emanan da súa vontade democrática directa.

Por que entón a comparación?

Simplemente para significar que a "indignación", a exteriorización dun "malestar" de nada serve senón ten canalización política. Ao contrario, se este malestar se canaliza a través do  "antipoliticismo", de contribuír ao desprestixio da política, lonxe de provocar cambios o que se estará é alimentando o caldo de cultivo para unha maior involución.

Só modificando a correlación de forzas existentes, só defendendo a preeminencia do público fronte ao privado, só defendendo a soberanía da política sobre o mercado, poderá ter corrección o que o propio 15- M denuncia. 

No Congreso dos Deputados só tres deputados de 350 votamos en contra da guerra de Líbia, só 8 fixemos o propio rexeitando o recorte das pensións, a reforma laboral ou defendendo a dación en pago. Isto é o que compre modificar. Por iso produce perplexidade  que precisamente membros desas formacións fosen apoupados ás portas do Parlamento galego, do Parlament de Catalunya ou cando se opuñan a unha desafiuza en Madrid.

Esa é reflexión que lle compre facer ao 15-M.

A nós, nacionalistas galegos, cómprenos outra: Pór en valor a nosa política, sermos capaces de conectar cos sectores máis críticos e dinámicos da sociedade para sermos o seu referente.

E iso pasa, entre outras cousas, por sabermos explicar a vixencia e utilidade do  nacionalismo no século XXI como modelo alternativo á acumulación de poder económico e político que conleva a globalización.

A democracia real pasa, hoxe máis que nunca, por "renacionalizar as políticas", por crear e fortalecer espazos de libre decisión. Por substituír unhas relacións internacionais xerarquizadas e de dominio pola soberanía dos povos e a cooperación.


anterior 1 2 3

[23-06-2011 00:26] Mafaldo comentou:

Señor Jorquera (e demais lectores), fágolle unha reflexión (máis ben son preguntas) moi esquemática a respeito do 15 - M na que se verá que non coincidimos en tódolos puntos:

1) O BNG considera demasiadas veces que está fora do xogo bipartidista e por ende do sistema sometido a crítica. Mais acabamos de viver unhas municipais onde se chegan a acordos co Psoe para que non goberne a dereita. Podería explicarme entón onde sitúa no arco ideolóxico ao Psoe?

2) Fixo o BNG unhas políticas "tan distintas" ás do sistema durante o bipartito como para non asumir parte das críticas que se lle fan ao conxunto da clase política?

3) Non é incogruente que o BNG faga unha oposición frontal, por exemplo ás deputacións, e despois participe duns órganos tan anticemocráticos e que nada teñen a ver coa realidade nacional galega?

4) Ben é certo que o sindicalismo nacionalista da CIG non é como CCOO E UXT mais...Está sendo o suficientemente combativo (en liñas xerais) como para non entrar no, ao meu entender, demasiado amplo saco de críticas?

Podería seguir facendo preguntas de xeito indefinido máis a grandes rasgos creo que o nacionalismo galego ten que reaccionar e deixar moi claro se pretende ser "do sistema" ou pretende "mudar o sistema. Non hai máis opcións ainda que se pretenda facer funambulismo político.

anterior 1 2 3
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña