05:12 Luns, 15 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-06-2011

A democracia real pasa, hoxe máis que nunca, por "renacionalizar as políticas"

15-M e política

Valorar (43)

FRANCISCO XESÚS JORQUERA CASELAS



En setembro do pasado ano, publicaba nestas mesmas páxinas un artigo titulado "A oligarquía española presenta os seus plans a El Rei", no que daba conta dos contidos dun documento presentado a El-Rei de España por presuntos representantes da sociedade civil, baixo o patrocinio da Fundación Everis.

Entre aqueles "cidadáns indignados" estaban os presidentes de Telefónica, Repsol, Iberdrola e Acciona ou os conselleiros delegados do Banco de Santander ou do BBVA, que apelaban, nas súas propostas "ao papel vital do cidadán para transformar o modelo vixente de España que está esgotado. Require un cambio sistémico de grande urxencia."

Aquel acto fora recollido por meios da ultradereita española con pérolas como a que segue: "Cansados de sufrir los desmanes de la clase política, han entregado un informe al Rey en el que reclaman un nuevo sistema electoral y un modelo de Estado que garantice la democracia".

Fago este recordatorio porque aínda recentemente este medio dixital daba conta da nova de que un dos voceiros da "acampada de sol" pertencía á Fundación Everis e, por moito que as motivacións do movemento 15-M sexan ben diferentes, é evidente a existencia de numerosas coincidencias formais  nas actitudes dalgúns dos seus integrantes cos contidos daquel manifesto. Vexamos:

- Hostilidade, sen distincións, con sindicatos e partidos políticos.

- Crítica sen matices á presunta "clase política", que se nos presenta como se dunha casta corporativa se tratase que defende intereses comúns, por riba de ideoloxías, adscricións partidarias ou procedencias de clase.


- O documento da Fundación Everis partía dunha concepción da política como a simple xestión profesional dun modelo que se nos presenta como o único posíbel. Para iso sería preciso desideoloxizar a política, preocuparse ante todo de ter políticos-xestores, cualificados e formados. (En Madrid, o 19 J berrouse "MIR para los políticos").


- Reforma do sistema electoral para evitar o alonxamento entre os cidadáns e os  seus representantes. O Movemento 15-M non concreta a súa proposta. A Fundación Everis sí: implantar un sistema dun deputado por distrito (sistema maioritario), sei que para achegar os representantes aos cidadáns e acabar coa "partitocracia".

Que ninguén se leve a engano, nen acredito nas teorías conspiratorias nen pretendo con este recordatorio igualar o inigualábel e descualificar o 15- M.

Por riba das coincidencias antes citadas, a Fundación Everis e o Movemento 15-M responden a motivacións ben diferentes.

A primeira responde ao intento de aproveitar a crise económica para aplicar o programa de máximos do neoliberalismo, non só no eido económico senón tamén no político: maior concentración do poder político, recentralización do Estado,  limitar aínda máis o pluralismo implantando un sistema á americana, onde os partidos sexan simples maquinarias electorais e os deputados non estean vencellados a un ideario de partido, senón que dependan dos lobbys económicos que custeen a campaña nos seus respectivos distritos.

En cambio o Movemento 15-M, como se afirmaba nunha recente editorial do Terra e Tempo, é sintomático dun fondo malestar social que ten causas ben xustificadas e é sintomático tamén dunha posición crítica ante as consecuencias da globalización e financierización da economía.

De feito, moitas das propostas deste movemento (crítica ao pacto do Euro, á reforma laboral e da negociación colectiva, defensa dos servizos públicos, da dación en pago...) son coincidentes coas posicións que defende o nacionalismo galego.

Mesmo no eido político, nas posición do 15-M subxacen críticas que o BNG comparte: a submisión das políticas públicas aos ditados dos mercados, o traslado da toma de decisións fundamentais para o porvir dos povos e os seus cidadáns a ámbitos que non emanan da súa vontade democrática directa.

Por que entón a comparación?

Simplemente para significar que a "indignación", a exteriorización dun "malestar" de nada serve senón ten canalización política. Ao contrario, se este malestar se canaliza a través do  "antipoliticismo", de contribuír ao desprestixio da política, lonxe de provocar cambios o que se estará é alimentando o caldo de cultivo para unha maior involución.

Só modificando a correlación de forzas existentes, só defendendo a preeminencia do público fronte ao privado, só defendendo a soberanía da política sobre o mercado, poderá ter corrección o que o propio 15- M denuncia. 

No Congreso dos Deputados só tres deputados de 350 votamos en contra da guerra de Líbia, só 8 fixemos o propio rexeitando o recorte das pensións, a reforma laboral ou defendendo a dación en pago. Isto é o que compre modificar. Por iso produce perplexidade  que precisamente membros desas formacións fosen apoupados ás portas do Parlamento galego, do Parlament de Catalunya ou cando se opuñan a unha desafiuza en Madrid.

Esa é reflexión que lle compre facer ao 15-M.

A nós, nacionalistas galegos, cómprenos outra: Pór en valor a nosa política, sermos capaces de conectar cos sectores máis críticos e dinámicos da sociedade para sermos o seu referente.

E iso pasa, entre outras cousas, por sabermos explicar a vixencia e utilidade do  nacionalismo no século XXI como modelo alternativo á acumulación de poder económico e político que conleva a globalización.

A democracia real pasa, hoxe máis que nunca, por "renacionalizar as políticas", por crear e fortalecer espazos de libre decisión. Por substituír unhas relacións internacionais xerarquizadas e de dominio pola soberanía dos povos e a cooperación.


anterior 1 2 3 seguinte

[24-06-2011 20:00] Non vexo posíbeis os cambios comentou:

Estou totalmente de acordo con "Mafaldo", mais a diferenza del non creo que o BNG poida reaccionar xa porque é parte do sistema desde hai máis de dez anos. Os intereses particulares dos seus cargos institucionais e da súa burocracia partidaria e sindical impídenlle facelo. Prima a visión curtopacista e sistémica -por exemplo, defensa do AVE, a defensa dos privilexios da clase política, alianza co PSOE, o verticalismo, o nacionalismo de xestión, etc- sobre a necesidade de contundencia e de transformación social que reclama hoxe o Movimento 15-M.

[23-06-2011 21:04] Mafaldo comentou:

Considero que o comentario nunmero 2 afonda nos grandes erros que temos no BNG e que nos condenan a esta morte tan lenta e dolorosa que estamos sufrindo. Volvo facer un esquema por puntos:

1) Do teu comentario (e de comentarios de máis afiliados) dedúcese que o PP e o PSOE non son o mesmo. Eu estou nese extrano grupo de militantes que sí fai súa a frase de PSOE - PP a mesma merda é.

2) Non se poden comparar a nosa presenza no Parlamento galego que, aínda que autonomista e podre, sí representa dunha maneira lonxana o autogoberno do pobo galego co caso das deputacións, que son un ente claramente españolista e que non compre reformar, compre facer que desaparezan.

3) Somos unha forza revolucionaria nos seus plantexamentos e, por extensión, antisistema. Non é posíbel intentar vivir e facerse pallas mentais con catro cousas que se fixeron ben no goberno da Xunta porque para o conxunto da sociedade as cousas seguiron, con matices, igual.

4) Como é posíbel que o 15 -M xuntara tantos apoios en tan pouco tempo e tendo elementos como os "mass media" en contra? Eu creo que o nacionalismo ten que afondar nunha reflexión que o achegue a facer ver porque non é capaz de conectar coa sociedade como noutrora se fixo e este movemento, con todos os matices que se lle queiran poñer que serán moitos, é un moi bo exemplo a seguir.

[23-06-2011 13:18] macroel comentou:

Gosto moito da reflexión de Jorquera. Estando dacordo enn moito do que propugnan os do 15 m ainda estou por escoitar si propugana outra forma de estado (Estados Independentes, federais, confederais...)Tamén estou preocupado porque as suas reivindicacións no xeral se recollan polos partidos estatais no específico, e aproveitando esta marea, no seguinte:
1.- Si hai que reformar o sistema eleitoral. Pois circunscripción única.
2.- Si hai que eliminar a partitocracia . Máis estado centralista.
e así infinidade de propostas que poden ser canalizadas polo españolismo(medios de comunicación, organizacións políticas e sindicais españolas, movimentos sociais adscritos ao poder do estado...) para mudar en algo moito máis recentralizador. Cambiar algo sin cambiar nada, a esencia do estado español.

[23-06-2011 11:46] Elemento comentou:

Se me permites respóndoche eu:

1º Ben. Non chegamos a pactos co PSOE, entón que goberne o PP, non? Ou como di o PP, que goberne a lista máis votada que soe coincidir que é a deles.

2º O BNG cometeu erros no bipartito, pero tamén acertos. Durante ese goberno o galego tiña un mellor estatus na educación que o que ten agora, o plano eólico non consistiu nun reparto aos amigos como fai o PP, por primeira vez na historia de Galicia fíxose unha política agraria pensando no país, etc, etc, etc.

3º O BNG ten criticado en múltiples ocasión o marco autonómico actual, mesmo facendo propostas novas de Estatuto. Quedamo fóra tamén do Parlmamento galego, porque ese marco non nos vale?

4º A CIG plantexou unha folga xeral en solitario co custe que iso ten e tendo en contra a todo diós, mesmo a algunha xente do BNG. Se iso non é ser combativo xa me dirás.

Que o BNG non é un partido do sistema iso eu téñoo claro, se foramos do sistema a estas alturas o BNG xa sería un triste recordo.

E por certo, boi bo o artigo!!! PARABÉNS A JORQUERA, MOI VALENTE!

anterior 1 2 3 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña