22:32 Sabado, 11 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-06-2011

As mulleres somos un mero produto de exposición, ou valórannos pola nosa habilidade para o traballo e o don de xentes?

As guapas para a tenda, as feas para o almacén

Valorar (25)

SILVANA CASTRO GARCÍA


As Marías (As dúas en ponto) na alameda de Santiago


Nun mundo como o actual, onde as regras da mercadotecnia nos dominan, os emporios capitalistas están a botar man do asoballamento máis destrutivo que impide desbotar os tópicos sobre o papel da muller na sociedade.

As mulleres somos un mero produto de exposición, ou valórannos pola nosa habilidade para o traballo e o don de xentes? En vista do que un encargado dunha das maiores empresas do mundo, con sede galega, lles dixo ás novas traballadoras dunha das miles de tendas que ten espalladas polo mundo, efectivamente, esa empresa non valora a eficiencia das empregadas, senón o seu aspecto físico.

Non estamos falando de hai décadas, cando o papel da muller na sociedade era reducido ao de simple nai de familia, obviando o feito de que en épocas de maior índice de emigración galega, por exemplo, foron as mulleres as que sostiveron o país, coidando da casa, do gando e dos fillos, e moitas veces ficando sen apoio das súas parellas eternamente. Mais este tema xa o denunciaron no seu momento grandes mulleres, entre elas Rosalía de Castro, quen nas súas obras sempre tiña unhas palabras de denuncia para a marxinación e maltrato que sufrían as súas conxéneres.

O problema na actualidade preséntase enmascarado. So unha face de igualdade de dereitos, temos na realidade un sistema socioeconómico que segue premiando a discriminación xenérica e que non pon límites para considerar a igualdade real na sociedade: soldos discriminatorios para as mulleres, altos cargos maioritariamente masculinos, a cousificación feminina como un obxecto sexual etc.

Ao contrario do que nos podería parecer, as mulleres máis novas, sobre todo as preadolescentes e adolescentes, porque son as máis vulnerábeis do punto de vista mediático, son as que máis sofren esta cousificación da muller. Nacen nunha sociedade onde supostamente existe unha igualdade entre homes e mulleres, mais xa desde pequenas están diferenciadas dos papeis aos que se adscriben os rapaces, e "educadas" para seren as nais, mulleres, amantes e traballadoras perfectas. Se non o conseguiren, a frustración será enorme, e de o intentaren, van ver como se lles antepoñen barreiras como a que comentabamos máis arriba: aquelas que non se maquillen, que non teñan un corpo de acordo cos canóns estabelecidos, mesmo as que usen lentes... en definitiva: as que se aparten do modelo con que as grandes multinacionais nos abafan desde a nenez, esas van para a parte da atrás, para a trastenda, forzadas a traballar en silencio e en penumbra, forzadas a pasaren desapercibidas porque non son o suficientemente guapas para vender.

A des-cousificación. Velaí o reto que temos por diante as xeracións vindeiras. Non é un reto fácil. Trátase de reeducármonos, educarmos as nosas crianzas en liberdade e loitar contra uns preconceptos existentes que non son doados de eliminar, posto que detrás deles están as empresas das que depende o sustento económico necesario para acadar unha mínima independencia con que actuar libremente.

E quizais non chegue con (re)educar, e a tarefa sexa de índole moito máis complexa, posto que se non hai un cambio de réxime económico dificilmente se poderá loitar contra as grandes empresas. Desde este punto de vista, a cuestión tórnase máis difícil de resolver se cabe, e volvemos ver como o capitalismo acaba sempre co máis débil, co cal estamos asistindo a un problema que se retroalimenta. Máis difícil se cabe. Por outra banda, tampouco os gobernos máis conservadores se manifestan a favor deste papel liberalizador da muller. Estamos asistindo estes días aos trámites parlamentarios que lle van permitir ao Partido Popular aprobar a Lei da familia, onde non só non se elabora un plan para erradicar esta conflitividade social, senón que se referendan todos os prexuízos e preconceptos que debían estar xa máis que esgotados e, polo contrario, vemos que están á orde do día.

Finalmente, tampouco se trata de masculinizármonos, senón simplemente de podérmonos manifestar tal e como pretendamos ser, sen papeis predefinidos, podéndomos optar libremente a estar no mostrador ou na trastenda, de acordo coa nosa formación ou interese, a ir maquilladas ou sen pintar, a ir vestidas de pantalón ou de saia, a sermos nais ou non, a casarnos ou non... en fin: a elixir querer ser como nos venden ou como queremos ser, como nos pretenden facer ver que é o correcto ou como somos na realidade. Simplemente, sermos.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña