06:12 Luns, 15 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-06-2011

O FUTURO DO 15-M

Editorial



A reacción social articulada arredor do 15-M é sintomática dun fondo malestar, concretamente en amplos sectores da mocidade. Como tal reacción perante unha situación política, social e económica crítica, temos que valorala positivamente: algo se está a mover a favor dunha percepción crítica do sistema capitalista nesta fase de financeirización e globalización, e tamén do propio réxime democrático existente no Estado español.

Caeriamos, porén, na inxenuidade se acreditásemos en que o apoliticismo, por non falar dunha certa hostilidade a sindicatos e partidos, sen distinción, é unha vía positiva para resolver a situación dunha maneira favorábel ás clases populares. Podemos entender que haxa desprestixio da actividade política por mor de como esta aparece, moitas veces, exercida perante a opinión pública. Mais pensar que, sen organización política e sen organización sindical, é posíbel confrontarnos co poder monopolista existente, a comezar polo económico, é unha severa limitación, un idealismo individualista ou unha simple argucia para agachar unha alternativa política determinada ou para volver inoperante ou contraproducente calquera movemento. Se analizamos as demandas, dispersas e ás veces imprecisas, do movemento 15-M, chama a atención que non se focalizase máis a súa atención e os seus obxectivos no problema da falta de postos de traballo e na necesidade de control da banca e do capital financeiro. Resultou, en principio, estraño que se fixese tanto fincapé na reforma da Lei electoral sen precisar dabondo. Polo escoitado nada garante que o resultado non fose máis letal para a defensa dos intereses populares e, desde logo, para a expresión política dos distintos pobos ou nacións que integran o Estado español.

As consecuencias económicas, sociais e políticas que está tendo a globalización non se poden combater con máis globalización. Parece existir unha certa tendencia a acreditar na existencia dun pobo europeo, á marxe das condicións concretas de cada un dos pobos ou nacións que constitúen Europa. Esta xeralización abstracta axuda a sacralizar modelos reivindicativos e organizativos moi condicionados pola españolidade, pola concepción dun Estado que só alberga unha soa nación. Evidentemente, o sistema capitalista global, financeiro e industrial, actúa a nivel da UE, mais as consecuencias sociais, económicas, culturais e lingüísticas, en especial para a mocidade, son diferentes. A mocidade galega está gravemente condicionada pola falta de postos de traballo, derivada da anulación progresiva dos sectores produtivos básicos de Galiza. Vive nunha sociedade cada vez máis avellentada. Vese obrigada, a comezar pola máis cualificada, a emigrar, na mellor tradición xa secular. Padece unha falta de autoestima e consideración da realidade propia, que contribúe a secundarizala ou esquecela como sociedade con dereitos políticos e vontade de existir. Cómpre lembrar que na Galiza o nacionalismo incentiva e apoia a oposición social á política laboral e económica regresiva e involutiva do Goberno español. Non podemos descoñecer que, nas Cortes Xerais do Estado, a posición do nacionalismo galego é modélica na defensa dos intereses das maiorías sociais, en defensa dos sectores produtivos de Galiza, e nas súas posicións na política internacional, a comezar pola súa oposición ás guerras imperialistas. Ningún movemento con obxectivos sociais transformadores, atento á diversidade nacional, lingüística e cultural, e crítico coas consecuencias da globalización, pode ser indiferente e menos belixerante e hostil coa causa do nacionalismo galego.

Antes de se producir o movemento do 15-M no Estado español, xa se tiñan producido un fenómeno similar en Portugal. Desafortunadamente, a sociedade portuguesa non está camiñando para mellor na súa evolución política. Os indignados galegos e galegas, sexan cal for a súa posición ideolóxica, deben saber que, sen organización, perseverancia e obxectivos claros non se producen mudanzas, por máis que os impactos mediáticos, perfectamente controlados, xoguen a provocar a ilusión dun protagonismo esporádico e romántico. Non pode resultar indiferente a ninguén cunha mínima conciencia do país en que vive, cales sexan os resultados electorais na Galiza. Desexamos vivamente que o movemento arraigue no cotiá, nas cidades, vilas e aldeas, con conciencia de actuar nunha sociedade concreta, nun país concreto, cun pensamento e unha acción ao seu servizo. Que valore a sindicatos e partidos conforme a súa actuación e o papel que cumpren en defensa das maiorías sociais, se asumen ou non os problemas de Galiza. Sobre todo, que non acredite en que o desprestixio de toda a política poda servir para algo, a non ser para os máis poderosos controlaren aínda máis a situación. Cando un movemento ou unha persoa comeza a executar -na práctica- o seu pensamento, opta e se posiciona, entra a facer política, ou, cando menos, a favorecer unhas políticas fronte a outras. Galiza necesita autoorganización, conciencia dos seus problemas, da súa lingua e da súa cultura. Necesitamos combater a globalización desde unha perspectiva galega. Non o esquezamos.


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña