12:42 Mércores, 26 de Xaneiro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-06-2011

O Goberno do Partido Popular inicia o terceiro, e derradeiro acto, da traxedia que acabará coa curta vida dun instrumento estratéxico para o futuro da nosa nación

Requiem polo Banco de Terras de Galiza

Valorar (14)

MARÍA TEREIXA PAZ FRANCO



Acaba de iniciarse o trámite parlamentar do proxecto de lei de mobilidade de terras co que o Goberno do Partido Popular inicia o terceiro, derradeiro, acto da traxedia urdida pola brigada de demolicións Núñez Feixóo para acabar coa curta, máis esperanzadora, vida dun instrumento estratéxico para o futuro da nosa nación como é o Banco de Terras de Galiza.

No primeiro acto, puidemos ver como o Partido Popular puxo todo o seu empeño en desprestixiar o instrumento tentando sementar tanto a incerteza como o medo entre os galegos e as galegas: "van vos quitar as vosas terras", "van expropiar as túas leiras", "van sovietizar o rural galego".

O segundo acto, xa desde o poder, céntrase en tentar demostrar a inutilidade do instrumento, o Banco de Terras non é útil, non da resultados positivos para os labregos por erros na súa concepción. Para que todas e todos acabásemos interiorizando este aserto levan dous anos repetindo semana si, semana tamén que a idea non era mala pero que non funcionaba polo "tenteo e retracto" un día, outro día porque os galegos seica lle temos moito apego á terra e somos moi desconfiados, e outras lerias deste tipo.

Mais para darlle maior consistencia a estes argumentos era preciso que o punto de partida, ou de chegada, fose certo, había que converter en certa a premisa: o Banco de Terras non funciona. Así en dous anos non existiu nin unha soa actuación para impulsar a incorporación de novas terras, moito menos para a subscrición de novos contratos, pero si todo o contrario, todo o que fixo a Xunta foi falar mal do Banco de Terras. E por suposto conseguiron o seu obxectivo, mantelo durante dous anos moribundo, en coidados intensivos con ventilación asistida que en ausencia de testemuñas era desenchufada para debilitar máis aínda ao doente.

Co doente moribundo comeza o terceiro acto que ten como final xa escrito a súa definitiva aniquilación.

Primeiro cunha ablación cerebral privarano do  instrumento que lle permitiría ter un funcionamento áxil, non burocrático, eliminando o seu organismo de xestión e diluíndo a súa xestión noutros órganos administrativos da Xunta o cal máis alá dunha mera cuestión organizativa constitúe unha renuncia expresa a contar cun organismo especializado e coa finalidade específica de fomentar e favorecer a mobilidade da terra abandonando polo tanto esta cuestión como un obxectivo estratéxico da nosa nación.

Logo faranlle un transplante de corazón, substituíndo o seu con clara vocación de favorecer o mantemento da capacidade produtiva da terra do punto de vista agrogandeiro, de evitar a perda de superficie agraria útil e recuperar a que se perdeu nas últimas décadas, de mobilizar as superficies agrarias para facilitar o redimensionamento das exploracións para mellorar a súa rendibilidade, por outro enfermo de cobiza. Un novo corazón que muda a filosofía e que lle da o mesmo tratamento ás terras agropecuarias e ás forestais con independencia da aptitude do solo, que volve lexitimar a forestación das nosas terras agrarias baixo o pretexto de mobilizar as terras provocando mesmo unha redución da nosa superficie agraria útil.

Finalmente, cando só lle quede un fío de vida practicaranlle unha transfusión de sangue, inoculando no seu corpo a renuncia expresa aos obxectivos básicos e estratéxicos aos que debe responder a lexislación en relación coa terra en Galiza que son a protección da superficie agraria útil, a súa posta en produción, a ordenación dos usos das terras e o de favorecer a ampliación da base territorial das explotacións.

Chegado ese momento aparecerá a comitiva do Goberno Galego, encabezada polos apesarados e enloitados Núñez Feixóo e Samuel Juárez, para facernos saber a mala nova: "estaba de Deus, máis nada se puido facer por el".


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña