23:09 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-06-2011

Afonso VI foi un rei moi favorable aos monxes de Cluny

A Galiza do rei Afonso VI

Valorar (15)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS



Existen certos personaxes que semella que naceron no mundo da novela ou da lenda. Se falamos dun mosqueteiro coñecido como D'Artagnan, todos pensamos inmediatamente que é unha creación literaria de Alexandre Dumas (1844). Poucos saberán que a obra de Dumas se inspira noutra escrita no ano 1700 por Courtilz de Sandras titulada "Memorias de D'Artagnan" e menos que esta obra do XVIII está inspirada nas aventuras vividas por Charles de Batz - Castelmore, famoso mosqueteiro que serviu ás ordes de Mazarino (1646/61) e ás do rei Luis XIV, atopando a morte no asedio da cidade de Maastrich no ano 1676.

Algo moi semellante lle acontece a Rodrigo Díaz de Vivar, tamén coñecido como o Cid Campeador. Este soldado e nobre fiel, tanto ao rei Sancho II como ao seu sucesor Afonso VI, aparece na literatura obrigando ao seu novo rei a xurar, ante o clero e a nobreza, que non tivera nada que ver ca morte de seu irmán Sancho no cerco de Zamora.

Durante moito tempo mantívose como certa a Xura de Santa Gadea, algo que actualmente é indefendible desde a perspectiva histórica.

Resulta inconcibible que un nobre que humilla desa maneira a un rei sega manténdose ao seu carón e forme parte do grupo dos elixidos, tal e como lle aconteceu a Rodrigo Díaz.

Existe polo tanto fortes diferenzas entre o personaxe histórico e a recreación que a literatura fai del, que o converteu na figura representativa da nobreza contraria aos cambios que o rei Afonso VI está a introducir no territorio castelán e leonés.

Como non podía ser doutra maneira a, en Galiza a época de Afonso VI foi un momento de transformacións e de ruptura con etapas anteriores.

Estes novos cambios afectan ao mundo eclesiástico no que se instaura, co patrocinio papal, un novo rito litúrxico. O rito romano acabará relegando á escuridade ao antigo rito mozárabe que se estaba a empregar.

A instalación dun monacato baixo a regra de San Bieito respondía tanto ás ordes papais como ao proceso de expansión da orde de Cluny nos reinos cristiáns. A consecuencia inmediata en Galiza da aplicación desta regra única é a desaparición das múltiples normativas que se empregaban nos distintos mosteiros galegos.

Afonso VI foi un rei moi favorable aos monxes de Cluny, non debemos esquecer que puido saír da prisión na que o metera seu irmán Sancho grazas á intervención dos citados monxes. Estes favores serán pagados cos beneficios que recibe a orde de Cluny e cun achegamento político a Francia. Esta aproximación pódese ver claramente tanto  en nimiedades como son o abandono da letra visigótica e o emprego da carolina (de uso corrente en Francia) como en feitos de maior importancia: casamento con Constanza de Borgoña e a entrada de eclesiásticos franceses para ocupar cargos episcopais ( casos de Bernardo en Tolego ou Guido en Lugo).

 A política de achegamento a Francia segue viva ao longo de todo o reinado de Afonso e así vemos como casa ás súas fillas Urraca (Reimundo) e Tareixa (Henrique) con nobres borgoñeses.

O malo de tomar unhas medidas tan innovadoras é o número de inimigos que te granxeas.

Inimigos no mundo eclesiástico como foi o caso do bispo Pedro de Braga e a súa negativa a aceptar tanto a letra visigótica como o rito romano, actitude que lle ocasionou a perda do cargo episcopal.

Algo moi semellante lle ocorre a Diego Páez, bispo de Iria-Compostela. Elevado ao cargo episcopal polo rei Sancho II mantense nel baixo o goberno de Afonso, momento que emprega para levar a cabo a construción da nova catedral de Santiago e inicia-lo proceso de conversión desta cidade na grande urbe europea.

Santiago de Compostela era neses momentos unha cidade buliciosa, chea tanto de peregrinos como de artesáns e comerciantes, que aspiraba a converterse xa non nunha cidade de proxección internacional senón nunha sede metropolitana, algo que nin Braga nin a recuperada Toledo (1085) estaban dispostas a permitir.

Os cambios que estaba impoñendo o rei Afonso VI e a súa vinculación ca nova Sé de Toledo, na que colocara ao eclesiástico francés Bernardo, impedían o despegue de Santiago e obstaculizaban a política do bispo Diego Páez de converter a Santiago en metropolitana. Este bispo buscará os seus apoios na nobreza galega descontenta aínda que tamén se chegou a rumorear que mantivera contactos co rei normando Guillermo ao que lle ofrecera a coroa de Galiza.

Sexa cal fose a razón, custoulle  o seu cargo, sendo deposto no concilio de Husillos (1088) en contra da opinión do propio Papa. Diego Páez acabará os seus días vivindo no reino de Aragón en compaña doutros nobres galegos exiliados.

Tamén a nobreza era contraria a estes cambios impostos polo novo rei. Non podemos esquecer que  Froilán Bermúdez, pai do coñecido Pedro de Froilaz, conde de Traba, foi un dos nobres que máis tardou en xurarlle fidelidade, razón pola cal, e para gañarse a gratitude real, se embarca na loita que o rei encabezaba contra os almorábides, tendo un resultado bastante desastroso para as tropas cristiáns na batalla de Sagrajas do ano 1086.

Non foi esta a única oposición nobiliar que padeceu o rei xa que debe enfrontarse a unha revolta encabezada polos condes Vela e Rodrigo Ovéquiz entre os anos 1087 e 1088. Resulta curioso ver a estes dous condes confirmando un documento do ano 1085 no que o rei Afonso outorga mosteiros e vilas á igrexa de Astorga e dous anos despois velos enfrontarse ao seu señor.

O ano que elixiron estes condes galegos é o seguinte á gran derrota de Sagrajas, era polo tanto o momento no que o rei Afonso VI semellaría estar nunha posición máis feble. Estaban errados os condes e o rei puido vencelos e domina-los reinos de Castela, León e Galiza.

Como puidemos ver neste artigo os movementos nobiliais contrarios ao rei Afonso VI tamén existiron en Galiza, produto dos cambios que estaba levando a cabo.

Careceu Galiza de figuras como a de Rodrigo Díaz de Vivar? Non, máis ben todo o contrario, do que si careceu foi dunha literatura que elevase os persoeiros históricos que tivemos ao grao de lenda nacional.

Tal vez o único caso que temos é o de Pardo de Cela, a medio camiño entre a lenda e a historia.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña