01:37 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-06-2011

Flashmobs e lipdubs, poderosas ferramentas da rede social aptas para o ciberactivismo

Flashmobs: acción en rede

Valorar (15)

XAVIER GÓMEZ GUINOVART



Explicaba o mes pasado neste mesmo medio que as tecnoloxías da información e da comunicación asociadas á Web 2.0, utilizadas con intelixencia, poden constituír ferramentas poderosas de organización, participación social, mobilización e colaboración, o que trataba de ilustrar co fenómeno dos lipdubs. Neste mesmo ámbito das ciberaccións colectivas podemos situar outro fenómeno recente que goza cada día de maior atención: as turbas instantáneas ou flashmobs.

Falando en termos xerais, un flashmob é un encontro lúdico de persoas, organizado a través de blogues, wikis, foros, correos electrónicos virais e redes sociais, que se reúnen nun lugar público para realizar unha acción sorpresa coordinada de curta duración e, a continuación, dispersarse. Unha das accións típicas que se levan a cabo son os denominados Freeze flashmobs ou flashmobs de conxelación, nos que os convocados, a un determinado sinal (un asubío, unha hora concreta, un xesto), fican de súpeto paralizados, como se pode ver neste vídeo gravado no interior dun supermercado en Manchester ou neste fragmento da acción de conxelación realizada en Vigo diante do Marco no pasado mes de xaneiro.

Outros flashmobs que xa contan con certa tradición son os Dancing flashmobs (coreografías), como o realizado nun centro comercial de Portland e recollido neste vídeo; os No pants subway flashmobs, nos que os participantes se dedican a viaxar polo metro sen pantalóns, como se pode comprobar neste vídeo gravado en Barcelona a principios de ano; ou os Pillow fight flashmobs, nos que teñen lugar batallas de almofadas en espazos públicos, como a que tivo lugar recentemente en Lima e se pode ver aquí.

Os flashmobs adoitan convocarse con obxectivos lúdicos, aínda que tamén poden ser organizados con finalidade política, reivindicativa ou de protesta. Un bo exemplo de flashmob político son as protestas levadas a cabo en Seattle en agosto de 2010 contra as xenerosísimas doazóns por parte da cadea de supermercados Target ao candidato republicano ultraconservador de Minnesota, Tom Emmer, ben coñecido localmente pola súa feroz oposición aos dereitos dos homosexuais. Nun destes actos de boicot, que se pode ver aquí, os participantes puxéronse a bailar no interior dun estabelecemento da cadea mentres cantaban "Target Ain't People", unha versión propia da famosa canción People are People de Depeche Mode.

No contexto galego, o flashmob político de maior transcendencia foi o organizado pola comunidade homosexual en novembro de 2010 co gallo da visita do Papa a Santiago de Compostela e Barcelona. Esta acción, autodenominada Queer kissing flashmob, cinguíase a darse un bico na boca diante do Papamóbil en protesta pola presenza do Papa en Galiza e en Catalunya e pola súa cruzada en contra da liberdade sexual, o divorcio e o uso de preservativos. Destes actos reivindicativos, podemos ver aquí unha reportaxe realizada diante da catedral de Barcelona e aquí unha fotografía moi ilustrativa tomada en Compostela.

Na sociedade da información, o coñecemento é poder. Cómpre dominarmos as tecnoloxías para que as tecnoloxías non sexan o noso teito de cristal. Nunha sociedade durmida, Internet pode tecer unha arañeira alienante ao servizo do control social. Porén, en mans dunha sociedade esperta, Internet pode ser a panca que nos permita mover a roda do mundo na dirección da liberdade, da igualdade, dos dereitos humanos e das conquistas sociais.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña