07:57 Sabado, 13 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-06-2011

Compre rachar definitivamente coas inercias que supeditan a organización á representación institucional

22M: factores, causas e conclusións para o nacionalismo galego

Valorar (47)

XABIER PÉREZ IGREXAS



Se ben os resultados obtidos polo nacionalismo galego nos comicios municipais do 22 de maio non foron positivos, tampouco representan a debacle que interesadamente denuncian precisamente os inimigos da causa nacionalista. Pola súa natureza, tratándose dunhas eleccións locais é moi complexo tirar conclusións de carácter xeral ou que afecten a espazos supramunicipais.


En todo caso cabe apuntar algunhas cuestións.  En primeiro lugar o Partido Popular tivo en Galiza un polo de especial resistencia contra da súa 'maré azul' coa que varreu a nivel estatal ao social-liberalismo (PSOE); neste feito, dado o acentuado descenso do PSdG, xogou un papel relevante a fortaleza social do nacionalismo.

En segundo lugar o BNG malia rexistrar un novo retroceso en número de votos, obtivo un resultado desigual, consolidándose nalgúns concellos relevantes (Pontevedra, Teo ou Allariz, por citar tres exemplos) ao tempo que retrocedía de xeito notábel noutros (como no caso de Vigo).

En terceiro lugar, malia que a perda de votos a nivel nacional concéntrase no ámbito das urbes, os resultados nas cidades non son homoxéneos nin homologábeis entre si (valga reiterar a contraposición Pontevedra-Vigo ou Ferrol-Lugo), amosando que nestes comicios operaron de xeito determinante compoñentes de carácter local.

En cuarto lugar, sumado ao factor local, cabe situar tamén -paradoxicamente- o factor estatal, posto que estes comicios tamén operaron como un referendo da política estatal; no caso galego esta contraditoria dualidade foi en detrimento do marco nacional galego, no que precisamente o BNG presenta maiores fortalezas, por razóns obvias.

E en quinto e último lugar podemos situar o efecto dos gobernos de coalición co PSOE. É evidente que o importante castigo electoral ao PSOE, e tamén aos seus franquiciados autonómicos, non só desgastou ao propio PSOE senón que afectou por contaxio a quen fixo parte de gobernos municipais de coalición encabezados por alcaldías 'socialistas'. As consecuencias ao BNG non foron unha mostra de rexeitamento xenérico aos gobernos de coalición (coido que inexistente), senón unha advertencia a respecto das insuficiencias do nacionalismo á hora de marcar perfil propio tamén no espazo institucional.

Porén, o contexto de crise sistémica e o feito de que o BNG se teña demostrado unha referencia política na contestación social contra das políticas antisociais do PPSOE nos gobernos español e galego, debuxaban un escenario de oportunidades para a fronte patriótica nas eleccións do pasado 22 de maio. Entón, que causas explican os resultados do BNG, nomeadamente nas cidades?

Primeiro, semella claro que a base social nacionalista procesa mal a 'contradición' na que se incorre co-gobernando baixo o liderado (en forma de alcaldías) dun PSOE que representa claramente os intereses da oligarquía empresarial e financeira, e que ten protagonizado os maiores ataques contra da maioría social das últimas décadas.

Segundo, dado que a transferencia de voto do BNG foi parar -novamente- de xeito moi maioritario á abstención (como ven sucedendo nos últimos anos), e nun nivel cuantitativamente non significante pero cualitativamente relevante a opcións políticas do espectro da esquerda (española), caso de IU, ou a outras opcións minoritarias (p.ex. os partidos 'verdes'), cabe concluír que inda non se corrixiu completamente a desafección dunha parte da base social do BNG co propio Bloque.

Malia o acertado e necesario proceso de correccións iniciado coa Asemblea Xeral Extraordinaria de 2009, co que se resituou ao BNG no seu espazo ideolóxico propio como alternativa emancipadora (en chave nacional, pero tamén social), como opción nacionalista e de esquerda, poñendo fin ás tentacións autonomistas e mesmo dereitizantes presentes na anterior etapa, o certo é que socialmente inda non se percibiu suficientemente esa modificación.

Feito, seguramente derivado da escasa simetría -cando non mesmo contradición- entre o discurso nacional (exercido de xeito brillante polo Portavoz Nacional), que ten contribuído a volver ilusionar e recuperar o apoio de capas importantes de votantes, e algúns discursos  e prácticas a nivel local que teimaron en diluírse ideoloxicamente e en facer prevalecer a xestión fronte a política. Non é polo tanto un problema de definición, ou de redefinición, da liña política trazada tras a derrota do 1 de marzo, senón basicamente un problema de execución desa liña, de translación da mesma a todos os ámbitos da actuación da organización. Polo tanto non parece que a receita acaída sexa rectificar a rectificación para volver situarnos ás beiras do abismo a onde nos conduciu o posibilismo reformista, senón precisamente profundizar na recuperación do perfil BNG que centos de milleiros de compatriotas chegaron a avalar a finais dos 90.

E por último faise necesario un reforzo do BNG como organización, rachando definitivamente coas inercias que supeditan a organización á representación institucional. Trátase de instalar dunha vez por todas e de xeito definitivo a idea de que os grupos municipais non poden substituír, e inda menos suplantar, á organización política, senón que deben axir como a representación desta no ámbito institucional, sabendo ademais que o espazo institucional non é o único eido de acción política, e menos inda para unha opción transformadora como o BNG. Especial transcendencia encerra ese reforzo organizativo pois para unha forza de perfil non-sistémico e que carece de medios de comunicación propios (que inda de os ter nunca serán equiparábeis aos hexemónicos), ou de inxentes recursos económicos, a militancia debe ocupar un papel central como axente base da acción política, para o que se fai necesario incentivar a súa participación activa e protagonismo.

É probábel que cos resultados do 22M na man, haxa quen pretenda facer un axuste de contas interno no seo do nacionalismo, para volver colocar ao BNG na senda da súa autoliquidación como alternativa transformadora, mais se algo amosan eses resultados é a necesidade de avanzar con máis enerxía e decisión no rumo fixado na última asemblea nacional.


1 2 3 4 seguinte

[09-06-2011 11:02] A liña divisoria comentou:

Para Uxía
Hai dous tipos de socialdemocracia:
a) A sistémica. Representada pola Internacional Socialista, que non é máis que un social-liberalismo ao servizo dos mercados e da oligarquía financeira.
a) A transformadora. Representada, por exemplo, por Chávez en Latinoamérica, que inclúe nacionalizacións, enfrontamentos coas oligarquías, creación de empresas socialistas e autoxestión en fábricas.
Sexamos claros: a cal socialdemocracia te referes?
Os sectores social-liberais do BNG cal das dúas queren?
Témome que a primeira.
Pois se elixen a primeira xa está o PSOE ocupando o espazo político. E así lle vai de mal, porque ao electorado de esquerda desilusiona e ao resto do electorado que lle votaba, prefere o orixinal -PP- que a copia -PSOE-.
Aclarádevos, sociall-liberais do BNG. A liña divisoria está clara. En que parte estades? Deixémonos de sementar confusión para o oportunismo político.

[09-06-2011 10:51] Aclaracións comentou:

Para o señor Xosé Carlos Pérez Davila
Que culpa ten Marx do réxime burocrático e ditatorial soviético? Ningunha. Marx non o construiu, senón que foi obra dun ditador chamado Stalin.
Por outra banda, a política última do BNG nas institucións non tivo nada que ver co marxismo, senón todo o contrario, tivo que ver cun centrismo descafeinado galeguista, e iso si que non atrae á esquerda social, que é a base electoral do BNG.

[06-06-2011 11:20] Alberte comentou:

Que as ensinanzas de Marx están de plena actualidade témolo claro uns poucos, pero do que se trata é de chegar á maioría, que desagraciadamente só coñece ó actor, non ó filósofo.

Hai que simplificala mensaxe para, precisamente, poder aplicar algún día estes principios.
Mentres a xente siga vendo ó BNG como un conxunto de filósofos que se adican a interpretalo mundo e non a transformalo iremos de cú (como ata agora).

[05-06-2011 22:07] Carmela comentou:

Xosé Carlos, eu tampouco estou por recitar de memoria cal catecismo ou mantra os clásicos pero si aplicar as ensinanzas e o que non se pode esquecer á a aportación feita á teoría política polo marxismo ao igual que as aportacións de persoeiros da nosa historia. E tamén estou dacordo con que as formas e o xeito de comunicar son moi importantes sempre que funcionen ao servizo dos principios políticos; se no teu primeiro comentario non foras tan cortante podo asegurarche que non tería escrito, agora podo comprobar que coincidimos en máis do que pensaba ao inicio. Un saudiño.

1 2 3 4 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña