18:15 Venres, 20 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-06-2011

Compre rachar definitivamente coas inercias que supeditan a organización á representación institucional

22M: factores, causas e conclusións para o nacionalismo galego

Valorar (47)

XABIER PÉREZ IGREXAS



Se ben os resultados obtidos polo nacionalismo galego nos comicios municipais do 22 de maio non foron positivos, tampouco representan a debacle que interesadamente denuncian precisamente os inimigos da causa nacionalista. Pola súa natureza, tratándose dunhas eleccións locais é moi complexo tirar conclusións de carácter xeral ou que afecten a espazos supramunicipais.


En todo caso cabe apuntar algunhas cuestións.  En primeiro lugar o Partido Popular tivo en Galiza un polo de especial resistencia contra da súa 'maré azul' coa que varreu a nivel estatal ao social-liberalismo (PSOE); neste feito, dado o acentuado descenso do PSdG, xogou un papel relevante a fortaleza social do nacionalismo.

En segundo lugar o BNG malia rexistrar un novo retroceso en número de votos, obtivo un resultado desigual, consolidándose nalgúns concellos relevantes (Pontevedra, Teo ou Allariz, por citar tres exemplos) ao tempo que retrocedía de xeito notábel noutros (como no caso de Vigo).

En terceiro lugar, malia que a perda de votos a nivel nacional concéntrase no ámbito das urbes, os resultados nas cidades non son homoxéneos nin homologábeis entre si (valga reiterar a contraposición Pontevedra-Vigo ou Ferrol-Lugo), amosando que nestes comicios operaron de xeito determinante compoñentes de carácter local.

En cuarto lugar, sumado ao factor local, cabe situar tamén -paradoxicamente- o factor estatal, posto que estes comicios tamén operaron como un referendo da política estatal; no caso galego esta contraditoria dualidade foi en detrimento do marco nacional galego, no que precisamente o BNG presenta maiores fortalezas, por razóns obvias.

E en quinto e último lugar podemos situar o efecto dos gobernos de coalición co PSOE. É evidente que o importante castigo electoral ao PSOE, e tamén aos seus franquiciados autonómicos, non só desgastou ao propio PSOE senón que afectou por contaxio a quen fixo parte de gobernos municipais de coalición encabezados por alcaldías 'socialistas'. As consecuencias ao BNG non foron unha mostra de rexeitamento xenérico aos gobernos de coalición (coido que inexistente), senón unha advertencia a respecto das insuficiencias do nacionalismo á hora de marcar perfil propio tamén no espazo institucional.

Porén, o contexto de crise sistémica e o feito de que o BNG se teña demostrado unha referencia política na contestación social contra das políticas antisociais do PPSOE nos gobernos español e galego, debuxaban un escenario de oportunidades para a fronte patriótica nas eleccións do pasado 22 de maio. Entón, que causas explican os resultados do BNG, nomeadamente nas cidades?

Primeiro, semella claro que a base social nacionalista procesa mal a 'contradición' na que se incorre co-gobernando baixo o liderado (en forma de alcaldías) dun PSOE que representa claramente os intereses da oligarquía empresarial e financeira, e que ten protagonizado os maiores ataques contra da maioría social das últimas décadas.

Segundo, dado que a transferencia de voto do BNG foi parar -novamente- de xeito moi maioritario á abstención (como ven sucedendo nos últimos anos), e nun nivel cuantitativamente non significante pero cualitativamente relevante a opcións políticas do espectro da esquerda (española), caso de IU, ou a outras opcións minoritarias (p.ex. os partidos 'verdes'), cabe concluír que inda non se corrixiu completamente a desafección dunha parte da base social do BNG co propio Bloque.

Malia o acertado e necesario proceso de correccións iniciado coa Asemblea Xeral Extraordinaria de 2009, co que se resituou ao BNG no seu espazo ideolóxico propio como alternativa emancipadora (en chave nacional, pero tamén social), como opción nacionalista e de esquerda, poñendo fin ás tentacións autonomistas e mesmo dereitizantes presentes na anterior etapa, o certo é que socialmente inda non se percibiu suficientemente esa modificación.

Feito, seguramente derivado da escasa simetría -cando non mesmo contradición- entre o discurso nacional (exercido de xeito brillante polo Portavoz Nacional), que ten contribuído a volver ilusionar e recuperar o apoio de capas importantes de votantes, e algúns discursos  e prácticas a nivel local que teimaron en diluírse ideoloxicamente e en facer prevalecer a xestión fronte a política. Non é polo tanto un problema de definición, ou de redefinición, da liña política trazada tras a derrota do 1 de marzo, senón basicamente un problema de execución desa liña, de translación da mesma a todos os ámbitos da actuación da organización. Polo tanto non parece que a receita acaída sexa rectificar a rectificación para volver situarnos ás beiras do abismo a onde nos conduciu o posibilismo reformista, senón precisamente profundizar na recuperación do perfil BNG que centos de milleiros de compatriotas chegaron a avalar a finais dos 90.

E por último faise necesario un reforzo do BNG como organización, rachando definitivamente coas inercias que supeditan a organización á representación institucional. Trátase de instalar dunha vez por todas e de xeito definitivo a idea de que os grupos municipais non poden substituír, e inda menos suplantar, á organización política, senón que deben axir como a representación desta no ámbito institucional, sabendo ademais que o espazo institucional non é o único eido de acción política, e menos inda para unha opción transformadora como o BNG. Especial transcendencia encerra ese reforzo organizativo pois para unha forza de perfil non-sistémico e que carece de medios de comunicación propios (que inda de os ter nunca serán equiparábeis aos hexemónicos), ou de inxentes recursos económicos, a militancia debe ocupar un papel central como axente base da acción política, para o que se fai necesario incentivar a súa participación activa e protagonismo.

É probábel que cos resultados do 22M na man, haxa quen pretenda facer un axuste de contas interno no seo do nacionalismo, para volver colocar ao BNG na senda da súa autoliquidación como alternativa transformadora, mais se algo amosan eses resultados é a necesidade de avanzar con máis enerxía e decisión no rumo fixado na última asemblea nacional.


anterior 1 2 3 4 seguinte

[05-06-2011 13:46] Alberte H. comentou:

Pois eu aposto por mais marxismo-leninismo e por suposto defendendo a Loita de clases, iso é o que levou o BNG os resultados historicos do 90.

Toca traballar e a lineas estan marcadas dende a anterior asemblea xeral do BNG e se alguen quere mudar é facer unha nova linea que a presente en asemblea é que as/os militantes do BNG decidan que queremos facer.

Na miña umilde opinion, avante coa loita da clase traballadora!!!!

[05-06-2011 01:42] Cambio pero cos mesmos de sempre comentou:

Estas reflexións parécenme tardías se son de todo o BNG. Cambiar despois duns malos resultados é oportunismo político.
Se o BNG é transformador, que esqueza o oportunismo político, que sempre é en clave colocación de cargos institucionais. Así lle vai ao BNG desde hai dez anos, con descensos continuos, porque é unha organización que funciona só ao servizo e para a colocación de cargos institucionais.
Por outra banda, que credibilidade teñen os mesmos se cambian continuamente de liña política, se hai uns anos apoiaban ao centrista Quintana e agora queren ser de esquerdas?
Creo que o BNG ten un problema intelectual fondo por mor dos seus dirixentes, que case nunca o souberon dirixir con racionalidade e intelixencia. Cando haberá cambio de nomes, tamén na UPG.

[05-06-2011 01:36] Uxía comentou:

A socialdemocracia é a práctica de goberno dos comunistas patrióticos que eu coñezo. Divorcio por tanto entre a cualificación teórica (comunismo) e a práctica real (socialdemocracia, ben rosa en moitos casos).
Sería máis intelixente presentarse como socialdemócratas e aplicar políticas máis esquerdistas e non facer ao revés.
Pero xa sabemos que o importante é ollarse no espello e enganarnos a nós mesmos, e ademais como fai Xabier Pérez Igrexas, tratar de enganar aos demais: resultados fabulosos.

[05-06-2011 01:32] Henrique Álvarez comentou:

Considero que discutir a necesidade de Marx no nacionalismo galego é perfectamente lexítimo, pero se tamén discutimos a de Castelao, en qué diaño imos basear os nosos principios? Nas Crónicas de Narnia? Se hai que pedírllelo ós votantes é outra historia, mais semella que eiquí do que se trata é de desideoloxizar ao BNG, ata convertelo nun trasunto fiel da parte máis alienada e manexable da sociedade. Se queredes, podedes crer en amigos invisibeis, ou no voto por ósmosis, pero pídovos por favor que non pretendades facernos pasar por parvos aos demais. Algúns metímonos nesta lea porque pensabamos e pensamos que se pode transformar a sociedade para mellor. Se hai que admitir que non hai solución e que debemos adaptarnos ao malo que hai para caer ben e recibir máis votos, apaga e vámonos. Estamos, Xosé Carlos?

anterior 1 2 3 4 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña