15:40 Martes, 04 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-05-2011

Hai tempo que quero partillar unha serie de reflexións persoais acerca do tema da adopción

Falarmos da adopción sen sapas na lingua

Valorar (54)

ROBERT NEAL BAXTER



Hai tempo que quero partillar unha serie de reflexións persoais acerca do tema da adopción, mais sempre desistín para non ferir sensibilidades, ao tratarse dunha cuestión tabú sempre e cando non se abordar desde a perspectiva das familias adoptantes e os supostos beneficios para as persoas adoptadas (tamén segundo en boca quer das organizacións de adopción, quer das familias adoptantes). Mais, a raíz dos recentes escándalos que azoutaron o Estado español -incluída a Galiza-, decidín rachar con este pensamento único movido polo espectáculo mediático dos medios que tiran proveito do tirón do drama humano. Vaia por diante que o meu propósito non é, desde logo, criticar aquelas persoas que deciden, pola razón que for, adoptar un neno ou unha nena, senón suscitar unha reflexión desde os outros dous termos da ecuación aos que nunca ou case nunca se dá voz: por unha parte, as nais (e os pais, que tamén os hai) que, por unha serie de razóns, se ven obrigadas a deixar os seus fillos e fillas en adopción; mais, sobre todo, para dar voz propia ás persoas adoptadas. Tamén non pretendo con isto facer da miña experiencia persoal un caso paradigmático, mais coido que resulta interesante dar a coñecer a visión (sempre singular) dunha persoa que viviu a situación desde dentro. Insisto, haberá persoas que se incomodarán, mais tamén teñen que entender que se trata dun acto de valentía alzar a voz para discrepar dunha visión idílica que se transmite non xa como a única válida, senón como a única que existe. Non é iso o que caracteriza a actuación nacionalista desde sempre?

Por razóns de espazo non se pode elaborar aquí unha análise profunda do tema. Limitareime, pois, a esbozar algúns dos aspectos menos comentados desde unha óptica decididamente marxista e nacionalista, co fin de suscitar un debate en termos máis ricos do que se leva dado, sen prexulgar ninguén -non hai, desde logo, nada de mau en querer dar a unha criatura, sexa quen for, unha vida mellor-, agás aquelas persoas que se lucran grazas ao tráfico de vidas humanas, aproveitando o sufrimento das persoas máis vulnerábeis.

O primeiro que revela o recente escándalo no Estado español é o papel da Igrexa católica obrando na sombra como unha especie de rede de asistencia social paralela afincada nunha suposta 'moral' cristiá, con indicios de implicación directa de monxas e curas. Evidentemente, dado o forte vínculo que existe entre os poderes 'espirituais' e os poderes seculares, non se trata dun azar que redes organizadas deste tipo operasen no Estado español e en Irlanda, permitindo que a igrexa funcione como un sistema de saúde pública paralelo, incluso dentro do sistema público. Hai que dicir tamén que, ao tratarse dunha eiva inherente á mentalidade relixiosa que apela á 'caridade' e a outros conceptos que entran en contradición coa noción de xustiza e equidade sociais, tamén non resultan impunes as igrexas protestantes, protagonistas xunto cos Estados espoliadores de escándalos varios, desde a adopción internacional de nen@s de Corea do Sur que comezou após a guerra de Corea (148.394 adopcións internacionais entre 1953-2001, segundo cifras oficiais) até o xenocidio intencionado de nen@s nativ@s arrebatad@s ás súas familias en Canadá (sistema de 'internados' fundados nos anos 1840, o último dos cales pechou en 1980) e Australia (até 25.000 menores afectados entre 1869-1970).

Mais non nos deixemos enganar pola imaxe transmitida moitas veces polos medios de comunicación que fan crer que esta rancia conivencia entre a igrexa e o estado é unha cousa do pasado franquista (30.960 nen@s secuestrad@s polo réxime entre 1944-1954), pois, aínda que comezase e chegase ao seu apoxeo naquela época, que a igrexa tivo vía libre para seguir obrando impunemente neste sentido até ben entrada a monarquía actual.

Todos estes casos serven, asemade, para desmentir o mito de nen@s orf@s e abandonad@s. Certamente hai orf@s abandonad@s, mais na maioría de casos teñen nais, irmáns, irmás, avós e avoas, etc., que poden consentir ou non o proceso de adopción, e o problema radica, para min, en entender as razóns polas que est@s nen@s, aos que non se lles recoñecía ningún dereito legal até moi recentemente, non poden ficar nas súas familias. Non esquezamos, por exemplo, o famoso caso da organización francesa Arche de Zoé que tentou secuestrar 103 menores chadianos para os fretar á Francia en 2007, ou, xa máis recentemente, o caso dos dez misioneiros baptistas que 'rescataron' ilegalmente 33 nen@s de Haití tras o terremoto de 2010, non sendo, en ambos os casos, a maioría dos nen@s secuestrad@s orf@s tal e como pretendían os responsábeis.

Do lado das persoas adoptadas, o proceso tampouco está exento consecuencias, sobre todo cando se lles nega o dereito a saberen de onde veñen e mesmo hai quen acredita na síndrome d@ nen@ adoptad@. No caso das adopcións internacionais, se ben existen moitas familias adoptantes que se esforzan porque non se rompan os vínculos culturais co país de orixe, tamén hai outros que optan pola plena integración, criando os seus fillos e fillas adoptados como un galego máis. Mais na realidade non o son e, se por casualidade, quixeren saber das súas orixes, deben ter todo o dereito do mundo a facelo. Non é unha mostra de desamor para coa familia adoptiva, que será sempre a súa, mais unha inquedanza humana que pode aflorar en calquera momento da vida, como foi, por exemplo, o meu caso despois de pasar tranquilamente corenta anos sen que me preocupase, nin me interesase no máis mínimo.

Efectivamente, a cousa complícase ao abordarmos a cuestión da adopción internacional, e o número de solicitudes non para de aumentar mentres a adopción interna se estanca. Non é tampouco unha cuestión da legalidade dos procedementos, de que as cousas se fagan segundo ditamina a lei en cada país, porque, por moita 'transparencia' que haxa, segue a haber moitos países actualmente exportadores de nen@s que me inspiran tanta (ou máis ben, tan pouca) confianza como o réxime franquista no seu día. De feito, son varios os países 'exportadores' que pecharon parcial ou totalmente as súas portas á adopción internacional, habitualmente tras se destaparen unha serie de escándalos que relacionaban directamente esta práctica co tráfico de seres humanos, entre os que destacan Romanía, Nepal e Guatemala.

E aí volvemos á cuestión das nais: cabe preguntarse por que en determinados países existe un superávit de nen@s. Non será, por un lado, porque non existen as medidas físicas e educativas suficientes para evitar embarazos non desexados (léase 'contracepción) e por razóns culturais non poden quedar coa criatura (caso de moitas nais solteiras...) -estando todos este factores estreitamente ligados ao peso da moral cristiá- e, por outro,  porque as condicións de empobrecemento as obrigan a se separaren dos seus fillos e fillas para lles asegurar unha vida máis digna ou para poder criar o resto da súa familia? De aí que a adopción internacional (e tamén en moitos casos a interna) tamén teña unha dimensión directamente relacionada co dereito das mulleres a poderen decidir libremente sobre as súas vidas, sexan quen foren.

Trátase, pois, dunha cuestión que se pode analizar desde a perspectiva xa non da actuación individual das persoas adoptantes, senón como un fenómeno social que forma parte do proceso da globalización neoliberal. A escala do fenómeno, en constante aumento, non só é abraiante, senón que ademais existe un flagrante desequilibrio entre os países 'importadores' do norte (América do norte e Europa occidental, sobre todo Noruega, España e Suecia) face  aos países 'exportadores' do sur (China, Rusia, Etiopía, Vietnam, Ucraína, Casaquistán, India, Liberia, Colombia, Filipinas , etc.), cun fluxo total nesta dirección de case 23.000 adopcións internacionais nos EUA e máis de 45.000 en Europa só en 2004. En total, case 70.000 nen@s salvad@s nun só ano... ou talvez desposuíd@s. Dada a natureza dos fluxos, en termos globais creo que non é erróneo analizar o fenómeno dentro do marco da explotación neocolonial de recursos humanos nacionais, con trazos similares ao que acontece no caso da migración. E, se nos preocupa tanto (e con razón) que os mozos e as mozas do noso país teñan que emigrar para procuraren unhas condicións de vida mellores, até que punto nos preocuparía que, por razóns socioeconómicas derivadas do sistema capitalista, saíse da Galiza cada ano un número importante dos seus nenos e nenas en condicións menos que transparentes con destino a outros países para seren criados noutra lingua e noutra cultura, sen sequera a posibilidade na maioría dos casos de saberen das súas orixes? No canto de participar neste sistema, non sería mellor traballarmos para rachar cos lazos de explotación que pesan sobre os países da periferia e así camiñarmos cara á libre determinación das persoas e dos pobos?

Claro que querer salvar un neno ou unha nena dunha vida de miseria é 'un acto de amor, unha ruptura e unha integración xenerosa'. Mais non é só iso. Non deberíamos esquecer que, no mellor dos casos, pode ter consecuencias para as nais biolóxicas e as persoas adoptadas, e que en moitas ocasións se trata dun comercio internacional desequilibrado que move moitísimo diñeiro sen que todos os países participantes ofrezan garantías, nin os mecanismos necesarios e exixíbeis para permitir ás persoas adoptadas saberen máis acerca das súas orixes no caso de así o desexaren.

1 2 3 4 seguinte

[14-06-2011 11:21] Isa comentou:

Estou abraiada e perplexa polos comentarios realizados sobre este artigo, cheos de descualificacións chegando ao insulto cunha ausencia total de argumentos por outra parte. Será que algunhas persoas lles molestan escoitar verdades, deberían preguntarse por que no seu propio interese asi como no interese d@s seus fill@s. O artigo de Neal aparte de dar argumentos fundados en publicacións serias é unha mostra de valor e de sinceridade. Parabéns polo artigo Neal!

[09-06-2011 12:45] Robert Neal Baxter (punto final) comentou:

Caro 'Para os listos',
Pois non, Eu non son eu. Como xa dixen reiteradamente en varias ocasións, moi ao contrario de ti (por que non dás a cara, sabendo que o anonimato non é aquí un dereito, senón unha mera posibilidade), eu sempre asino co meu nome. Podes crelo ou non. Polo dos argumentos, chegaría con volveres a ler: a) o artigo e; b) os meus comentarios. Argumentos achego a moreas - contraargumentos non vexo por ningunha parte. A respeito diso de 'seguir co rollo', quixera aclarar que o meu consiste en: a) redactar un artigo que se me solicitou como colaborador habitual e; b) responder por alusións a varios comentarios recibidos. Se con iso te amolas, acho que o problema vén sendo máis teu que meu.

[09-06-2011 00:19] Para os listos comentou:

Eu, es un auntentico maleducado. Descualificas a dúas persoas por, segundo ti, non daren argumentos. E ti? Deches algún? Dubidas, entendo, de que "pai adoptante" sexa a mesma persoa que "siareir@ galeg@". Non serás ti Robert Neal Baxter? Entrei neste foro de opinión, pero ante a "profundidade das opinións", prometo non entrar máis. Só dúas cousas: 1. Robert ou Eu: se ides seguir co voso rollo abstédevos de matar o tempo volvendo a escribir, non penso entrar nesta páxina nunca máis. 2. Redacción: meditade o de ter a certa xente como colaboradora. Agur. Aupa "pai adoptante" e "siareir@ galeg@".

[08-06-2011 11:06] Eu comentou:

Siarei@ galeg@, é normal que esteas de acordo contigo mesmo... Aplícate o conto, ho, descualifica polo menos con algún argumento, e non negues a ninguén o dereito a discrepar ou concordar, que o mesmo che será aplicado a ti.

1 2 3 4 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña