23:48 Luns, 06 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-05-2011

Os cidadán gregos e portugueses obrigados a seren caseiros no seu propio Estado

Hipotecas privadas e estados rescatados. A venda da soberanía

Valorar (9)

PAZ ABRAIRA SOBRADO



Puidera parecer que o termo caseiro perdera vitalidade nalgunha das súas acepcións, vinculadas á relación de dependencia entre traballador e propietario e a unha época que criamos esquecida. 

Pero se cadra, cumprirá revisar as definicións coñecidas para ampliar o abano dos seus significados para poder incluír as novas situacións de dependencia que vivimos. Ben a nivel individual, ben a nivel de Estado, as relacións de subordinación de quen manexa e dirixe o capital e de quen conformamos a clase traballadora, aumentan e aséntanse.

Somos moitas e moitos galegos os que somos caseiros na nosa propia vivenda, atados a unha hipoteca e que debemos cumprir co pagamento do "rescate" que nos ofrece a banca para poder participar na mecánica establecida de acceso á vivenda. Non hai dúbida de que a estratexia dá resultados e por iso a trasladaron a niveis máis globais. Amarrados os individuos, a seguinte presa tiñan que ser os Estados. Velaí as hipotecas de Estados como o grego e o portugués, que converten os seus cidadáns en eternos debedores dunha banca allea. Os seus gobernantes entregan a súa soberanía como cota mensual e os seus recursos como intereses anuais. Son tamén caseiros na súa propia casa-Estado.

Malia as iniciativas de forzas como o BNG e do traballo das organizacións de consumidores, dos cidadáns e incluso dalgún xuíz, que reclaman que o pagamento da hipoteca se salde coa entrega da vivenda (dación en conta), son outra vez esas famosas "consultoras" as que sentan cátedra cando afirman que de aplicarse esa medida, as hipotecas subirían e máis xente quedaría excluída do mercado da vivenda. Do seu "mercado da vivenda". Os argumentos que utilizan para defender as súas teses son basicamente que habería máis morosidade e que as entidades financeiras perderían máis. E aquí cabe preguntarse que é o que perderían os bancos se van quedar coa vivenda, unha vivenda que eles mesmos taxaron e valoraron para darnos os cartos. Evidentemente, os seus beneficios son moito maiores se ademais de quedaren coa vivenda, manteñen viva a débeda hipotecaria e por tanto, quedamos obrigados a lle facer fronte ao pagamento dun ben que xa non é noso e que permite que a banca siga mantendo os seus millonarios beneficios, beneficios que nunca volven ao pobo.

Por certo que esas consultoras nunca falan de vivenda pública e protexida, da que tanta falta fai neste país no que vivimos. Calquera medida da que se fale encamiñada a mellorar as condicións dos que se atopan en situación máis precaria, é sempre negativa para os grandes gurús da economía porque van prexudicar a banca, que seica é a que sostén esa mesma economía. Que me maten pero non se entende nada. En que quedamos, a economía funciona grazas aos bancos? Son os bancos os que producen e transforman as materias primas? De non ser así, porque o único que preocupa é a banca e non nos preocupan as persoas, que son as que realmente producen?

Vistos os beneficios do novo trabuco, que mellor que aplicarllo aos Estados. Resulta que os países rescatados (por certo, quen os secuestrou para ter que rescatalos) teñen que pagar os cartos que se lles prestan a uns intereses a todas luces abusivos. Préstanlles os cartos, seica para lle poder pagar as súas débedas aos mesmos que llelos prestaron antes, meténdoos nun labirinto sen saída e obrigándoos a aplicar medidas que aseguren que os prestadores van cobrar a súa cota mensual. A diferenza das hipotecas privadas, neste caso non lles paga a pena quedaren co espazo físico, pero acaparan os seus recursos e a súa capacidade soberana de decisión. Obríganos a baixaren os salarios e as pensións, a reducir as coberturas sociais. Iso si, que consuman. E como iso non abonda, esixen como aval da hipoteca dos bancos o propio Estado. A súa soberanía. Grecia entregou en dación de pago pola súa hipoteca todos os servizos públicos (é dicir, todo canto era dos gregos) pero aínda non é bastante. O Estado non chega para saldar a hipoteca. Nesa estratexia, como a calquera de nós non nos chega a nosa vivenda, senón que teñen que seguir pagando. E van pagar poñendo en venda o seu patrimonio! Quen imaxina que Compostela tivese que poñer en venda a praza da Quintana e Lugo a Muralla.

Pensar que o noso futuro colectivo e tamén persoal está en mans de quen aplica este tipo de medidas sen que lles trema a man pon os pelos de punta. Pero a xente avalounos masivamente nas urnas, algo que resulta ben inexplicábel.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña