02:06 Martes, 20 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-05-2011

Humanismo en contra do poder da banca, da política como carreira, do pelotazo, do clientelismo, da corrupción institucionalizada

“Indignádevos”: Crear é resistir, resistir é crear

Valorar (20)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ



Epígrafe algo afectado, máis propio de conversa en sesión de te e mesacamilla,  pero título dunha obra, pola contra cargada de "polinización" fronte ó arsénico que di Manuel Rivas no prólogo da edición galega. Breve obra incendiaria, que, avivada pola potencia dos sopros mediáticos, cumpre  o seu cometido. Un de tantos e vellos textos existente, mellores e peores tamén, de fumigación, fronte á imperante cultura do pelotazo, contra os que consolidan súa estirpe e o sistema como donos do poder, da cultura do retroceso. Mensaxe urxente de resistencia, epístola revulsiva, manifesto a fender coa indiferenza, que levou ó 15 M, á toma pacífica de moitas prazas maiores e do madrileño quilómetro cero, ó movemento "Democracia Real", á creación de  plataformas que reivindican o cambio de sistema e o humanismo... pancartas de "Escravo paga impostos" "Banqueiros á cadea" "Nin un imputado máis nas listas electorais"....  Pacífica rebeldía, de acampada, cacerola e pancarta, acuñada nos medios do estranxeiro como a "Spanish Revolution", no horizonte dos comentaristas o maio francés do 68. Movemento que se propaga ás prazas do mundo, coa chamada de atención de que os partidos políticos equilibren a teoría e a praxe, asuman o desnorte e encaixen as demandas. Algúns gobernantes, semellan non entender o que pasa no mundo e pregúntanse que man negra abanea este berce... 

"Indignádevos
" quere ser un novo e pequeno libro roxo para hoxe, unha volta á filosofía aplicada á vida, á responsabilidade como individuos, como pezas fundamentais da sociedade, á palabra, ó diálogo, ó espírito crítico e creativo, á educación, ó humanismo a través da ética e da estética, á redifinición. Quere ser un canto de confianza no ser humano, na sociedade, ó estilo de Luther King ou de Mandela, pero en tempos de cinismos e sutil terrorismo de estado. Obra de esperanza vixiante, na que latexa o espírito de Heidegger, de Sartre, de Bertrand Rusell, da busca do tempo perdido de Proust, de Aranguren, de Zubiri, de Tierno Galván ... do atípico economista José Luís Sampedro, quen precisamente prologa a edición en castelán. E para humanistas Nós, os galegos, a pesares de tantos pesares, de tanta negación, de tanta Historia, camiños, poetas, Murguía, Castelao...cousas das que non somentes teñen escrito uns e outros, senón que o demostraron tamén. O humanismo caracterizou sempre ó galeguismo, é raiceira do nacionalismo, dos que reclaman SER na opresión. Tamén cabalo de batalla da Teoloxía da Liberación...a  provocación da náusea fronte ó retroceso nas relacións, crise acentuada por crecentes fenómenos naturais e artificiais que nos asentan cos pes na Terra.

Obra esta saída da Francia de Sarcozy e xa traducida a boa parte dos idiomas, da autoría dun experimentado nonoxenario, con pensamento mozo, Stéphane Hessel, berlinés, fillo de escritor xudeu, afincado dende neno en Francia,  vencellado ás vangardas artísticas parisinas, supervivente da Resistencia francesa fronte ó nazismo, prisioneiro nos campos de concentración nazis de Buchenwald, preto da cidade alamana de Weimar, nos de Rottleber e o de  Dora, liberándose de ser aforcado ó suplantar a súa identidade pola dun compañeiro preso morto de tifo, logo fuxido, capturado e novamente fuxido. Antifascista curtido na loita pola liberdade contra feitos sufridos en carne propia, diplomático nas Nacións Unidas, no 1948 un dos doce membros redactores da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, especialista en cooperación multilateral, militante a prol da independencia de Arxelia, do Partido Socialista.

Tempos os nosos os dos señores da guerra, con "bombardeos humanitarios" e sofisticados xeitos de neoesclavismo, os que reclaman respostas entre a xente sensible e humanista, a creación dun movemento ético, de mesas ou plataformas, que deso sabemos ben.... Chuvia de alegatos contra a indiferenza, en favor da insurrección pacífica contra canto significa o poder do diñeiro, que máis que nunca enchapapotea, manipula e divide ó mundo entre os ricos e as vítimas, nunca escarmentadas e sempre comandadas, os hipotecados, os desempregados... Abuso dos beneficios, desnortada ambición dos bancos, avaliada e compartida por gobernos que usan a democracia, os medios para aborregar e perpetuar o voto. Adición consumista, orxía da superficialidade, do inmediato. Burocracia, macdonalización, despersonalización global, a sutil ditadura dos mercados financeiros. Sociedade dividida, bancarrota moral, mediocridade de esperpénticos gobernantes-financeiros, incultos. A ignorancia non incuba máis que ignorancia, como a riqueza máis riqueza e a pobreza máis pobreza...

Humanismo en contra do poder da banca, da política como carreira, do pelotazo, do clientelismo, da corrupción institucionalizada en cleptocracia, da competición, da amnesia, do desprezo ós débiles, da hipocrisía, do abismo entre pobres e ricos.

O latexar do corazón do mundo está no conflito Israel-Palestino, que enfronta ó oriente  e ó occidente, deica facer do planeta un campo de concentración a ceo aberto. Lección non aprendida por moitos xudeus, pese ó que viviron os seus devanceiros. ¿Abonda con indignarse?

Volvemos a aquilo  de que a revolución está na cultura, na educación, na conciliación, que cultiva o talento e abre as mentalidades, crítica o abuso, as desigualdades. Cousa que non interesa á ditadura da mediocridade ou da chusma. A primeira alternativa é asumir o estado da cuestión da dignificación humana, que a solución tampouco é individual, senón colectiva, nen rápida, que tardará e dependerá de redefinir, de entender a cultura como un xeito de convivencia, de xustiza, nunca como unha mercancía de supermercado ou  ritual a golpe de botafumeiros. A cultura son as relacións entre a paisanaxe consigo mesma e coa paisaxe, cos escenarios do multiverso nos que nos desenvolvemos. Hoxe, no tempo da comunicación global as canles para educar ou maleducar son óptimas, en redes, e velaí a cuestión, saber diferenciar entre cultura  que abre canles e a publicidade apreixante. Abrir o pensamento, non reducilo. Velaí a estafa. A esperanza é un camiño, o terrorismo é a exasperación, a negación da esperanza, compre saber encamiñar a espera,  e o que sabe resistir gaña.

Nos presupostos da crise a  educación e a cultura son as que máis sofren, difícil panorama de futuro entón. Proba de que se segue a entender a cultura como un gasto litúrxico  e non como unha inversión en futuro. Mais diferenzas sociais, máis marxinación, máis división, máis violencia... Cando a solución está na cultura, na interconectividade, compre pois actuar en redes, como o polen fecundador que di Rivas. Ningunha cultura pode vivir illada. A Resistencia venceu ó nazismo. Somos actores da nosa propia Historia: CREAR É RESISTIR, RESISTIR É CREAR.


[25-05-2011 10:02] Vitor comentou:

A ver se este texto remove algunha conciencia.... que falta fai. Onte vendo o telexornal da galega; o último que vexo dito sexa de paso. Comprobei como despois de unha semana dando cancha a noticias, tratadas con aparente seriedade, dos indignados de Sol, resulta que onte a noticia xa non eran as súas xustas reivindicacións, senón que, coas súas pancartas molestan aos comerciantes de Sol, e que están a ocasionar millonarias perdas económicas aos comercios alí instalados. "El pataleo está bien, pero ahora que ya las urnas se manifestaron a favor del capital, volveos a casa arapientos, lo único que haceis es incordiar", parece que estaba a dicir o presentador de tal edición do telexornal.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña