A priori ninguén se oporía a que haxa máis democracia, maior poder decisión para os cidadáns e cidadás, pero haberá que agardar como se concreta as propostas dos colectivos que lideran "Democracia Real Xa".
Hai unha anécdota que conto moitas veces cando falo sobre a democracia. Hai anos, cando ía ao instituto, unha profesora de lingua española, seria, esixente, pero coido que xusta, pregúntalle ao meu compañeiro de pupitre que significaba a palabra democracia. Este, un tanto despistado e ensimesmado no seu mundo do rock & roll espertou de súpeto, e vacilante resposta, aínda que non moi convencido, que democracia viña a significar algo así como "demos gracias". A gargallada foi unánime, e a profesora, seria como era, non foi quen de frear un sorriso máis que evidente.
Etimoloxicamente todos sabemos que a palabra democracia significa o poder do pobo, mais como estamos a ver ultimamente nos estados occidentais, o meu compañeiro non andaba moi desencamiñado, xa que son os mercados os que ditan as leis e as accións dos gobernos, e a nós, ao pobo, déixannos votar cada catro anos, nunha ilusión de democracia ao servizo destes entes invisíbeis pero moi poderosos.
Nos últimos 12 meses o goberno do estado, en mans do PSOE, tomou unha serie de decisións que atentan gravemente contra os intereses de todos os cidadáns: reforma laboral, reforma das pensións, privatizacións, conxelacións de salarios dos funcionarios, conxelación das pensións, etc, unhas medidas que tiveron resposta na rúa en forma de dúas folgas xerais en Galiza cun importante seguimento e con importantes manifestacións en todo o País.
As "reformas" anteriormente citadas e outras igual de importantes que non mencionei, foron tomadas democraticamente; o partido maioritario, o PSOE, que non ten a maioría absoluta, buscou os apoios suficientes para sacar adiante as citadas "reformas", e mesmo nalgunhas delas atopou o apoio, por acción ou omisión, do Partido Popular.
Sobre o papel, se os partidos políticos representan aos cidadáns nas institucións, poderíamos dicir que a meirande parte da poboación está de acordo coas contra-reformas efectuadas polo goberno central. Sen embargo, todos sabemos que non é así; o descontento é xeneralizado, mais o apoio electoral da forza política no goberno diminúe na medida que medra a da outra cara da moeda, é dicir, que todo segue igual.
Nestes últimos días de campaña electoral colleron certa forza mediática as concentracións que se están levando a cabo en diversas cidades do Estado Español. Baixo o lema "Democracia Real Xa" déronse cita milleiros de persoas, sobre todo mozos e mozas, "preocupados, indignados polo panorama político, económico e social"... "pola corrupción da clase política, empresarial, e da banca... pola indefensión da cidadanía de a pé", segundo se pode ler no seu manifesto.
Algunhas propostas deste heteroxéneo colectivo son certamente asumíbeis, como por exemplo nacionalización dos bancos e caixas quebrados, eliminación das SICAV's, recuperación do imposto sobre o patrimonio, aumento dos impostos ás grandes fortunas, e outras propostas do eido laboral e social, que tradicionalmente vén defendendo o BNG desde sempre.
Pero hai outras propostas emanadas dos grupos que convocaron estas concentracións máis controvertidas, entre elas quero citar a reforma electoral creando unha circunscrición única estatal para evitar a discriminación de ningunha forza política. A priori pode pensarse que iso é bo, pero todo depende do límite mínimo de votos que teñen que acadar as forzas políticas. Por exemplo, co límite do 5% vixente, e coa circunscrición única que pretende implantar Democracia Real Xa, o BNG ficaría fóra do Congreso.
Outra das propostas que ao meu ver son controvertidas é a eliminación do financiamento público dos partidos políticos; certamente esta proposta é ben curiosa, porque non me pretenderán dicir estes colectivos que o financiamento privado dos partidos políticos é mellor! Outra proposta é tamén substituír as listas pechadas vixentes na actualidade polas listas abertas, é dicir, mudar os colectivos polos individuos.
En resumo, coido que hai que tomar con certa precaución algunhas das demandas do colectivo Democracia Real Xa; como galegos e como nacionalistas, que Galiza quede fóra do Congreso non é unha boa noticia, ficando totalmente ausente e á marxe das decisións que se tomaran no Estado. Recordemos unha cousa, onde máis afluencia hai ás concentracións, gozando dunha maior repercusión mediática, é en Madrid, e na Meseta, por moi de esquerdas que sexan estes colectivos que promoven estas mobilizacións, non esquezamos que para eles Galiza é España.
Efectivamente hai unha grande indignación social por todo o que está a ocorrer a nivel nacional, estatal e mundial, mesmo sobre o funcionamento da democracia en Galiza e no Estado. Mais todo semella que, na actual fase do capitalismo, con concentración do poder económico en moi poucas mans, tamén semella que o que hai que concentrar é o poder do pobo. Agardemos que non, na teoría ninguén se oporía a que haxa máis democracia, maior poder decisión para os cidadáns e cidadás, pero haberá que agardar como se concreta.
Para concluír recordemos o que dicía o clásico do Gattopardo: "Algo ten que cambiar para que todo siga igual."
[23-05-2011 01:13] dono comentou:
Comentar que as asambleas de Compostela manifestouse encontra deses puntos contrevertidos como a circunscrición única ou a % mínima de representación.
O movemento non é uniforme e en cataluña as diferencias son enormes.
Os campos marcados con* son obrigatorios.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.