11:13 Domingo, 29 de Marzo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-05-2011

As grandes axencias levan máis de 20 anos facendo propostas sen cumprir obxectivos

Día mundial da biodiversidade

Valorar (4)

LILA RODRÍGUEZ OUTEIRO



Este 22 de maio no que as persoas e os medios de comunicación reparten súa atención entre as eleccións locais que se celebran hoxe e os acontecementos que se están a producir na Porta do Sol madrileña, hai tamén unha celebración internacional designada pola ONU: Hoxe é o día mundial da biodiversidade.

A preocupación  pola perda de biodiversidade pasou xa dos ámbitos profesionais/académicos e institucionais á sociedade desde que os obxectivos do cumio sobre desenvolvemento sustentábel  e os obxectivos de desenvolvemento do milenio se popularizaran entre a xente nova e de militancia ecoloxista e foron callando de a pouco en toda a sociedade.

Se nos din que se pretende reducir significativamente o ritmo actual de perda da diversidade biolóxica, moi pouca xente haberá que non asine tal petición. Se, a maiores, se lle engade que esa diminución do ritmo de perdas contribúe a mitigar a miseria, entón  caberán  poucas dúbidas sobre os beneficios da  pelexa de lograr tal redución significativa como contribución á mitigación da pobreza e en beneficio de toda a vida sobre a Terra. Mais, se sabemos que estes fermosos obxectivos veñen plantexados para ser acadados no 2010, entón pensaremos que nos trabucamos ao ler a data... No próximo ano celebrarase o cumio Río+20 e as grandes axencias levarán máis deses 20 anos facendo propostas, recomendacións, conferencias, cumios e toda caste de comunicacións, asinadas con toda a pompa polos "lideres mundiais" e publicadas e replicadas por todas as entidades:

A meta de Biodiversidade 2010 recibiu o apoio dos 110 líderes mundiais que participaron no Cumio Mundial para o Desenvolvemento Sostible en 2002, así como no Cumio o Milenio+5 celebrada en Nova York en 2005. A meta 2010 inclúese nos compromisos derivados do Convenio sobre a Diversidade Biolóxica. O Convenio foi asinado polos 150 xefes de Goberno presentes no Cumio da Terra de Río en 1992,

Evidentemente, a data 2010 mostrouse insuficiente e resulta necesario seguir a plantexar obxectivos que palíen o descenso aos abismos ao que nos leva este progreso. A Asemblea Xeral de Nacións Unidas declarou o período 2011-2020 como "Decenio das Nacións Unidas sobre a Diversidade Biolóxica", co fin de contribuír á aplicación do Plan Estratéxico para a Biodiversidade para tal período. A existencia de instrumentos abondo, como catálogos de especies ameazadas,  inventarios, cartografías de hábitats, plans de recuperación, bancos de semente, programas de cultivos e estratexias varias de educación ambiental  dan idea da inxente capacidade de destrución que ten o xénero humano  e de cómo ten que argallar de continuo ferramentas para arranxar cunha man a desfeita que provoca coa outra.  

Tanto nas grandes axencias internacionais, como no nivel dos países, as estratexias conservacionistas e a favor da biodiversidade son constantes, mais, cando un anda pola rúa, polos bosques ou polo monte, vese claramente, e non hai que saír da Galiza para observalo, que a conservación medioambiental non é en absoluto prioritaria para os poderes públicos, e que a produción é moito mais valorada que a conservación ou a protección de especies.

O Dia da Biodiversidade conmemora a Convención  Internacional para a Diversidade Biolóxica que se asinou  en Nairobi (Kenia) no 1992 e, para o ano 2011 o tema é a "Biodiversidade biolóxica Forestal", formando parte do ano internacional dos bosques.

Os bosques galegos ocupan unha grande parte do pais mais son obxecto dunha moi cativa atención de parte da Xunta. O bosque autóctono está practicamente desaparecido en grandes zoas do litoral e a atención que desde os poderes lle dedican ao monte público é case que inexistente. Cada vez que o actual goberno muda unha lei que ten algo a ver co patrimonio natural moita xente bota a tremer: esa modificación levará incluído, seguro, mais desfeita de patrimonio natural e mais intervención con fins económicos e de produtividade, que, por suposto,  redundará en beneficio duns poucos e en perdas para a maioría. 

A deixadez dos poderes públicos polo patrimonio natural, por moito que gasten os cartos en lembrarnos que temos que coidar o monte ou consumir menos auga, é tal que da medo pensar en cómo será a terra que verán os netos dos nosos netos.

Por sorte, na Galiza temos unhas organizacións ecoloxistas conscientes da terra na que viven e así, na presentación, o pasado mes, da campaña do territorio de ADEGA, pronunciáronse as seguintes palabras:

"No mundo globalizado de hoxe, obxecto dunha grave crise ecolóxica e económica, o territorio galego non pode seguir sendo unha simple mercadoría nas mans de especuladores. Eles desposúennos do medio en que vivimos e hipotecan o noso futuro e o das vindeiras xeracións. A alimentación, os recursos naturais, a calidade da auga e do aire, a salubridade do medio e a biodiversidade son requisitos imprescindibles para a vida humana que dependen directamente da nosa xestión da natureza e da súa conservación.

Dende a singular forma de ocupación tradicional do territorio galego fomos construíndo a peculiaridade social, histórica e cultural que nos identifica como pobo. Así, o espazo humanizado e o patrimonio natural que recibimos en custodia e que nos identifica deberan ser hoxe valorados como o noso principal recurso fronte á crise. É agora cando temos que sentar as bases dunha recuperación económica sostible para asegurar a vida sobre o planeta e salvar o noso lugar de vida e a nosa identidade territorial da salvaxe depredación do actual modelo económico."

A biodiversidade non se preserva instalando grandes factorías, enormes centros comerciais innecesarios ou urbanizacións de chalets pareados, o desenvolvemento só pode ser sustentábel se se basea nos recursos endóxenos e permite a súa reprodución, o hábitat natural galego é o noso maior patrimonio, non permitamos que o sigan estragando.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña