03:26 Luns, 23 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-05-2011

Desde Latinoamérica vese con preocupación a progresiva dereitización fascistoide que percorre Europa

O novo fascismo de Europa

Valorar (22)

XURXO MARTIZ CRESPO



Desde Latinoamérica vese con preocupación a progresiva dereitización fascistoide que percorre Europa. Preocupa desde o lado oposto dun continente que loita polo remate da unipolaridade e que defende unha nova orde social. A preocupación non é só polo caso finlandés, austríaco, suízo ou polo ascenso da Front National de Le Pen, senón pola trepidante volta á dereita máis reaccionaria da dereita centrista e da socialdemocracia europea. Que o Partido Socialista francés tivese en mente a Dominique Strauss-Kahn como candidato ou que a política mellor valorada do Estado español sexa a protofascista Rosa Díez non deixa de ser preocupante e un claro exemplo desa progresiva viaxe á dereita máis reaccionaria nun continente en que desde os poderes públicos, Suecia, Dinamarca, Italia, Estado español, Alemaña, Francia, etc, se defende unha política exterior agresiva belicamente e se criminaliza desde a inmigración até a pobreza.

Unha poboación europea atemorizada ante a perspectiva de ser engulida por inmigrantes musulmáns e polo esfarelamento do Estado de benestar fai que aqueles que prometen medidas enérxicas ante inimigos invisíbeis teñan máis posibilidade de gobernar.

Os media, colaboradores necesarios desta volta á extrema dereita, encárganse de colocar a Che Guevara nunha lista de terroristas, ao carón de Ben Laden, e de criminalizar como unha agresión cara aos europeos e á democracia occidental, o proceso de redistribución da riqueza de países como Bolivia ou Venezuela ou os contactos do Brasil con Irán ou a defensa arxentina dos seus cidadáns ante os atropelos das compañías estranxeiras, españolas principalmente.

O principal alegato en Europa contra esta orde de cousas vén da man dun nonaxenario. Crúa realidade do presente e futuro deste continente.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña