04:12 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-03-2010

¡Que desperdicio de aprendizaxe infantil! ¿Quen nos roubou a conciencia de colectividade e de pobo?

Mágoa que...

Valorar (33)

XOSÉ LUÍS RIVAS (MINI)


Concentración parcelaria

Corría o ano 83. Tras a concentración parcelaria e a roturación de montes a parroquia medraba día a día. O número de cabezas de gando crecía, o leite comezábase a pagar ben, a xente aumentaba a superficie de pasto cos chamados prados artificiais, e víase mellorar ata a cara dos nenos. Todo bulía, todo era un ferver: cortes modernas, (cativas pero novas), pozos de purín, tractores de segunda man... e unha terrible confusión sobre o que había que facer: saneamento, vacas de alta produción, desfacerse das rubias de sempre, praderías artificiais, caleado de fincas. Discutíase... e todo se movía polo que comentaban este ou estoutro. Os técnicos agrarios que deberían orientaren esta revolución socioeconómica brillaban pola súa ausencia. Daba a impresión de estaren sós, algúnha xente de extensión agraria para facilitar as subvencións e pouco máis. A Administración non estaba para asistir a este parto. Eu coido que non crían na xente, nas potencialidades deste pobo Galiza , tampouco hoxe cren.

Pero na aldea da miña escola todo bulía. Varias xeracións forxando a un tempo o futuro. Todo aderezado cunha  ilusión infinita nun pobo que fora secularmente tachado de incrédulo. Era asistir a un espectáculo que emocionaba a calquera. Moitos foran caseiros das medias e conseguiran mercaren as terras ós amos, xa cumpriran un vello soño. Mais outra vez tocaba andar e non de calquera maneira.

Arredor do motor do pozo que estaba pegado á escola fíxose un espazo de area para xogaren os nenos. Cando chegaba maio, os seus xogos eran faceren silos, carrexar cos tractores de plástico, premer a herba, empacar...

Cando no silencio do traballo escolar se sentía o rombar, pola pista, de calquera maquinaria agrícola, a algarabía infantil identificaba cal era e a que veciño pertencía. Os novos modelos de tractor ou empacadora estaban na boca de todos.

Os rapaciños tamén participaban pois nese bulir da parroquia. Os seus soños corrían de par dos soños das xentes do País que labraban un novo e venturoso futuro de modernización, de celebración da chegada da democracia e dos novos tempos que prometían a xustiza que por sufrimento histórico lles correspondía. Os heroes dos meus alumnos eran aqueles veciños que mellor manexaban a maquinaria agrícola.

Mágoa que a cota leiteira e sobre todo a pouca fe dos gobernantes nas potencialidades deste pobo aldeán e traballador de sempre, deran ó traste coa promesa que andaba no vento.

Só dous daqueles rapaces seguen a exerceren o nobre oficio de gandeiros, o resto daquela xuventude marchou buscando un traballo de mil euros ó mes con horas libres e vacacións. Vai para sete anos que a escola pechou e as pistas forman parte da "rota do colesterol"  da avellentada poboación.

¡Que desperdicio de aprendizaxe infantil! ¿Quen nos roubou a conciencia de colectividade e de pobo?


[22-03-2010 ] Diego comentou:

Ao final vai resultar que son de Trazo... nado en Compostela pero de Trazo... Pero engadiría unha pregunta os meus coetáneos de Trazo ou os do Artigo de Mini onde están... e que non os oio por ningún lado, deixan que o seu concello siga gobernado por caciques sen saberse nada deles... Temos que espertar dunha vez.

[21-03-2010 ] sernad comentou:

¿porque en todolos tratados internacionais que se firman dende madrid os perxudicados sempre estan na nosa terra? gandeiros, pescadores, armadores, agricultores...

[15-03-2010 ] Dun de tantos comentou:

Grazas Mini por falar con clareza nun mundo tan dado a dependencias. Parabéns ao Terra e Tempo por traernos a opinión dunha das refrencias da historia de Galiza como é Mini. Galiza segue en debeda con Mini.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña