08:21 Sabado, 13 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-05-2011

A ninguén lle asombra, por desgraza, a estas alturas a práctica do Partido Popular de utilizar a Deputación de Ourense

José Luís Baltar, vítima da crise

Valorar (15)

MARÍA TEREIXA PAZ FRANCO



No último episodio de utilización partidista das institucións e dos recursos públicos coñecido no reino de Baltar mestúranse dous paradigmas do que ten  representado a política clientelar do Partido Popular: a política de persoal e súa consideración dos galegos e galegas emigrados como mero caladoiro de votos.

A ninguén lle asombra, por desgraza, a estas alturas a práctica do Partido Popular de utilizar a Deputación de Ourense, e moitas outras institucións como un instrumento co que pagar favores políticos e sobre todo cativar de por vida vontades, actuando sempre no gume da navalla da legalidade vixente para favorecer no acceso ao emprego público "aos máis prominentes" en nomenclatura empregada por Fraga Iribarne, casualmente sempre vinculados moi estreitamente coa estrutura do Partido Popular e integrantes da tea de araña caciquil que foron tecendo en todo o noso territorio ao longo dos anos.

Neste último caso, o enchufismo mestúrase ademais coa utilización dun empregado público para acudir á diáspora para "xestionar" votos dos  emigrantes galegos para as candidaturas do Partido Popular, nunha demostración da súa consideración non de cidadáns senón de simples mercadoría electoral feito polo demais de todos coñecido.

Ademais a última reforma da lei electoral que non permite o voto dos emigrantes nas eleccións municipais provocou unha curiosa, aínda que previsíbel, deflación das viaxes ás que os dirixentes, candidatos, alcaldes, presidentes, conselleiros do Partido Popular, e tamén do PSOE, nos tiñan afeitos seica para pulsar as necesidades e inquedanzas dos galegos e galegas da diáspora. Parece que por arte da modificación legal xa desapareceron os problemas de asistencia sanitaria, de prestacións sociais, que antano tiñan os galegos e galegas do exterior.

Volvendo ao asunto de Baltar este converteuse en vítima da crise que obriga a recortar os orzamentos públicos polo que os máis de corenta millóns dos que dispón para a súa política de enchufes xa non lle abondan manter todos os seus "compromisos" e polo tanto comezan a agromar os descontentos que sacan á luz as miserias que até hoxe aínda que coñecidas permanecían na clandestinidade.

Onte de visita electoral a Ourense o presidente Núñez Feijóo eludiu realizar ningunha valoración en relación a estes feitos. Esta actitude pon ben ao descuberto a como cumpre a súa promesa formulada no debate de investidura de rematar para sempre co caciquismo e co clientelismo. Fica claro que só os galegos e galegas co noso voto ás candidaturas do BNG  o día 22 de maio poderemos comezar a erradicar estas practicas anormais e inmorais da política galega.


[12-05-2011 13:14] Discursos pobres comentou:

Todos e todas en Ourense deberían espabilar. Para cando unha esquerda nacionalista auténtica en Ourense capital e no resto da provincia?
Deixémonos de anecdotas sobre o cacique Baltar. Supoño que a dia de hoxe haberá máis que ofrecer que anticaciquismo. Senón vaia discurso máis pobre.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña