23:46 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-05-2011

Os intereses do Mariscal e os de Galiza neste momento en concreto camiñaban xuntos e a loita de Pardo de Cela é beneficiosa para o noso país

A historia que nos xulga. O caso de Pedro Pardo de Cela

Valorar (26)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS



Nesta revista publicábase o 14/04/2011 un artigo titulado "Historia e Mito" que levantou fortes polémicas entre os lectores. Un deles replicaba ao tratamento que no artigo se facía da figura de Pardo de Cela dicindo que "nin moito menos tiña na cabeza a identidade nacional cando loitaba contra os Reis Católicos, exaltalo coma un Braveheart enxebre é un mito".

Non é a primeira vez que nesta revista lemos algo semellante. Nun artigo publicado o 09/01/2011  titulado "Mitos, ciencia histórcia, nacionalismos e antepasados como totum revolutum" o seu autor afirmaba que "cando nos dispomos a bater ferro polo Mariscal Pedro Pardo de Cela e consideramos que aquel home que aconsellaba pendurar aos vasalos dos carballos foi un nacionalista galego avant la lettre, sen pensar que ser nacionalista con catrocentos e pico anos de adianto sobre a Asemblea de Lugo constitúe un anacronismo que merece o título de desbarre". Tamén no artigo que publicábamos o 11/10/2010 titulado "Pedro de Bolaño" un lector respostaba á nosa afirmación de que este nobre loitaba por Galiza da seguinte maneira: "é evidente que loitaría polos intereses propios, polos da familia, polo apelido e polas súas propiedades que incluían ás masas de labregos escravizados polo poder feudal. O concepto de Galiza entendido como pobo, como cidadanía, como nación, non era o que defendían os señores feudais senón que participaban de bandos, de loitas intestinas, de roubos e saqueos, entre os propios aristócratas".

Comprobamos con gusto que a figura do Mariscal segue a ter vixencia e que cada vez que se aborda este tema inmediatamente se crea polémica entorno a el. Isto é debido, tal vez, á grande importancia que tivo a resistencia do Mariscal ante as tropas dos Reis Católicos e polo que veu despois. Non podemos esquecer que trala desaparición das figuras de Pardo de Cela, o Conde de Lemos e Pedro Bolaño tamén desaparece o papel que ao longo do tempo a nobreza galega xogou tanto na historia de Galiza como na de España. A nobreza galega que xorde despois da eliminación destas figuras é unha nobreza carente de poder e totalmente vinculada ao poder real.

Certamente no mundo do nacionalismo a algúns autores se lles foi a man no momento de aborda-la figura do Mariscal. O mestre de Soutolongo (Lalín), Manuel González, escribía un artigo no periódico El Emigrado (16/12/1933) titulado "Dúas datas na historia de Galiza, 1483 e 1933" no que definía ao Mariscal como "caudillo heroico cuyos hechos gloriosos le acusan como enxebre descendiente de los antiguos celtas". Esta afirmación bastante esaxerada hai que entendela dentro do contexto histórico no que foi dita. Hoxe ese contexto é totalmente distinto e contamos cunha documentación histórica moito máis rica, por tanto xa non podemos facer ese tipo de afirmacións.

Cando nun artigo se afirma que un nobre galego loita por Galiza non se quere dicir que o faga pensando nun ente nacional, non quere dicir que ese nobre sexa un nacionalista, o que si se quere dicir é que os intereses particulares dese nobre e os intereses de Galiza son coincidentes nese momento.

Non podemos dicir que Pardo de Cela fose un nacionalista pero si podemos dicir que loitaba pola independencia de Galiza. Os nobres galegos estaban acostumados a vivir e gobernarse sen a presenza física dun rei o que lles permitía un grao de independencia moi alto e superior aos nobres do resto peninsular. En Galiza só se sentía a presenza real cando se necesitaba recadar cartos ou ben homes para as guerras, polo tanto na nosa terra existía, polo menos por parte da nobreza, un sentimento de independencia (entendida esta palabra como non dependencia) da coroa. Iso non quere dicir que os nobres galegos soñasen con crear unha Galicia independente, pero si que defenderon o grado de autonomía que Galiza tiña neses momentos.

Un destes nobres é Pardo de Cela, labor que continuarán o conde de Lemos e Pedro de Bolaño.

A figura de Pardo de Cela está mitificada?

Hoxe en día bastante menos do que estivo noutros anos. As capas de mitificación foron extraídas pola labor de certos historiadores que nos amosaron unha figura moi distinta á que nos ofrecía o mundo mítico, pero tamén moi distinta á que nos vendeu a historiografía española.

Lembremos a imaxe, que durante moitos anos, se nos vendeu dun Pardo de Cela cruel e asasino, quen a semellanza do conde Vlad (o empalador, tamén coñecido como Drácula), soñaba con encher os carballos cos corpos dos irmandiños. En que documento  se baseou a historiografía española para difundir esta imaxe de Pardo de Cela? Simplemente na declaración partidista dunha testemuña, probablemente pagada, que asegura que oíra como o Mariscal lle dicía esta frase ao Conde de Lemos e que se plasma por escrito no preito de Tábera-Fonseca, do ano 1524. Pasaran 41 anos dende a morte do Mariscal e bastantes máis dende que dixera a famosa frase, polo tanto a testemuña tiña unha memoria prodixiosa pois era capaz de lembrar algo que oíra había 50 anos.

Foron necesarios moitos estudos históricos para acabar con esta imaxe do Mariscal, tras os que aparece unha figura máis próxima ao movemento irmandiño do que se nos contara.

Díxosenos que Pardo de Cela morrera polo seu continuado apoio  á raíña Xoana (a Beltranexa) en contra da raíña Sabela (a Católica), outra vez foron necesarias investigacións históricas para contemplar un Pardo de Cela partidario de Sabela e colaborador con ela, polo menos nos primeiros momentos.

Tamén se nos dixo, isto probablemente nacese no claustro da catedral de Mondoñedo, que o Mariscal o que quería era apoderarse de tódalas terras do bispado o que lle trouxo serios problemas e loitas coa igrexa mindoniense, facendo a esta entidade partícipe da morte do Mariscal. Outra vez se tivo que botar man da documentación para ver que as relacións entre a igrexa mindoniense e este nobre non eran tan tensas, así en 1479, catro anos antes da súa morte, o cabido e o bispo Mondoñedo retíranlle as prebendas que posuía un cóengo por ter conspirado para matar ao Mariscal.

É certo que os historiadores non podemos dicir que Pardo de Cela era un nacionalista e por iso non o dicimos. Pero si podemos afirmar que a loita do Mariscal tiña entre outros fins, salva-la súa vida e  as rendas que atesouraba, o mantemento do grao de independencia do que gozaba o noso país. Polo tanto os intereses do Mariscal e os de Galiza neste momento en concreto camiñaban xuntos e a loita de Pardo de Cela é beneficiosa para o noso país.

Debemos deixar zanxado xa dunha vez este tema para dedicarnos ao descubrimento e difusión da nosa verdadeira historia como pobo.


[11-05-2011 09:04] Abelardo Xosé del Caño-Varela comentou:

Se definimos e identificamos "nacionalismo" co movemento político que escomenzou a fins do século XIX de certo que ningúen por debaixo desas datas é nacionalista. Mais se identificamos "nacionalista" ca defensa dos intereses proprios vinculados directamente ca terra e os seus habitantes, fora considerada ista, nazón ou non, o certo é que a identifcación é total e por tanto calquier manifestación de "autoritas" autónoma é nacional. Ou e que o nacionalismo non é, senón, a defensa do poder proprio frente o alleo?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña