03:53 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-05-2011

Ás veces teño a sensación que imos para atrás como os cangrexos

Construíndo País, sen pasos atrás

Valorar (16)

XOSÉ FERNANDO VARELA PARADA



Galiza construímola entre todos, homes e mulleres, asalariados, estudantes, empregados, labregos, mariñeiros, pequenos empresarios, autónomos, mozos e mozas... mais para construír un país como o noso, que sofre un acoso constante desde a metrópole, non podemos permitir pasos atrás, non podemos recuar 20 anos ou máis, como sucede en numerosos ámbitos da nosa sociedade.

Hai uns días asistín como concelleiro do Concello de Ourense a un acto que organizou a Federación de Autónomos de Galicia en Ourense, no Teatro Principal. Era, supostamente, unha Gala para premiar aos autónomos que destacaron na provincia de Ourense polo seu traballo e bo facer, entre outras cousas.

O acto estaba patrocinado pola Deputación de Ourense e nomeadamente polo seu coñecido presidente José Luís Baltar. A gala durou demasiado, case tres horas de "autorrecoñecementos" e aplausos, as galas son así, ás veces duran demasiado, pero o malo non foi só iso, o que a min e a moitas máis persoas nos sucedeu e que sentimos que retrocederamos no tempo uns 20 anos, rescostado na miña butaca cheguei a lembrar imaxes daquel NO-DO     no que os cines da época franquista nos "deleitaban" antes de comezar a película.

O primeiro saúdo do presentador, en perfecto castelán, foi para "las señoras y señoritas que con su agradable presencia y belleza nos acompañan en este maravilloso teatro" e pediu un aplauso para elas, ¡...!, abraiado quedei.

Logo, deixoume perplexo a intervención do presidente dos autónomos galegos, un discurso contra a crise, contra a falla de políticas sociais dos gobernos e a intromisión dos mercados internacionais nas decisións que se toman para saír desta crise, ben, até aí ben, pero logo ese discurso non concordou co panexírico que fixo durante toda a noite do principal responsábel na provincia de Ourense desas políticas neoliberais que provocaron a crise que acababa de denunciar, o sr. Baltar, o principal dirixente do PP en Ourense.

Cando chegou o momento de premiar aos alfareiros de Niñodaguia, que espectáculo o pobre presentador!, que pronunciación, que verbo... chamaron despois ao Xosé Lois autor do "Carrabuso" ou algo así, pobre Carrabouxo, pobre, até tivo que pedir perdón o presentador por non coñecelo...sen palabras quedei na miña butaca, sen palabras.

A gala foi "amenizada" polo Grupo Amizades, porque así o quixo expresamente Baltar. O presidente da Deputación escoitáraos antes noutra gala en A Coruña e pensou "a estes lévoos eu para Ourense". Un grupo duns vinte vellos amigos amantes da música coral. No comezo da gala interpretaron dous temas, ao remate da mesma tivéronnos pegados ás nosas butacas coa interpretación duns 12 temas: habaneras, pasodobres, isas canarias, etc, etc...eu seguía na miña butaca na máquina do tempo.

Cómo é posíbel que en pleno século XXI, os dirixentes dun sector chamado a construír País, faga dunha gala anual un acto que ben puido celebrarse en Badajoz ou en Albacete? Sabía que a "isa canaria" era unha palabra que sae moito nos encrucillados, mais agora xa sei como soa, pero sen estar nas illas, non me fixo falla. Só faltou que premiaran as touradas que o alcalde de A Coruña quere facer anualmente na cidade ártabra ou as clases de baile flamenco que tanta fama teñen no Ferrol.

En Ourense o BNG  teno claro. É fundamental a creación e fomento do tecido produtivo local, os nosos comerciantes son un exemplo de traballo e creación de emprego nunha urbe que sofre como ningunha a falta de empresas e polo tanto de emprego. No noso programa electoral para estas eleccións municipais, o comercio local forma parte do primeiro bloque de medidas, traballamos para desenvolver nos barrios novas áreas urbanas nas que se poña en valor a función comercial, e fomentamos o comercio de proximidade.

Iso é facer País, sen pasos atrás. Galiza témola que construír entre todos e todas, cos pés na terra, falando nas galas o idioma que falan os nosos comerciantes, os nosos tendeiros, ou é que non hai en Ourense ou na Galiza ninguén que saiba presentar unha gala no noso idioma?  

Nunha gala que dura tres horas, non hai uns minutos para que soe unha gaita ou repenique un pandeiro? Claro que estes instrumentos xa os usaron de abondo para deturpalos. Agora toca ignoralos. Experiencia teñen no uso dos nosos símbolos máis esgrevios: Castelao e Rosalía son o mellor exemplo do breve espazo que hai entre a deturpación e a ignominia.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña