01:48 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-05-2011

Os lipdubs, unha nova forma participativa de acción política para encher a rede de contidos multimedia militantes

Lipdubs: da rede á rúa, da rúa á rede

Valorar (19)

XAVIER GÓMEZ GUINOVART



Na sociedade na que vivimos, as tecnoloxías da información e da comunicación teñen sen dúbida unha función perversa, ao servizo do gran capital, de alienación e control dos individuos. Porén, non é menos certo que estas mesmas tecnoloxías (nomeadamente, as asociadas á Web 2.0) ofrecen á poboación novas ferramentas de organización social e de resistencia que, utilizadas con intelixencia, permiten levar a cabo accións militantes de gran impacto. Unha forma recente de mobilización asociada a este ciberactivismo son os lipdubs  ("dobraxe cos labios", en inglés). Os lipdubs son accións dirixidas á realización de un videoclip realizado nunha soa toma por un grupo de persoas que simulan cantar unha canción e se moven ao seu ritmo. É característica dos lipdubs a utilización das aplicacións e dispositivos da Web 2.0 na organización e difusión das accións realizadas: redes sociais, blogues, wikis, foros, fotos en liña, vídeos en streaming e dispositivos móbiles son algunhas das ferramentas máis empregadas.

Os lipdubs poden ter obxectivos lúdicos ou de calquera outro tipo, mais tampouco é estraño que se convoquen con fins reivindicativos, políticos ou de protesta, por mor da súa innegábel proxección social e mediática. Talvez o exemplo máis representativo dentro desta categoría de ciberaccións militantes é o libdub pola independencia de Catalunya, que se pode ver nesta ligazón. Este lipdub, realizado en Vic o 24 de outubro de 2010 a ritmo do tema La Flama do grupo Obrint Pas, ten o record mundial de participación nun lipdub, con 5.771 persoas, e leva xa máis dun millón de visualizacións en YouTube. Cunha realización moito máis informal, o 6 de nadal do mesmo ano gravouse en Durango, durante a celebración da Feira do Libro e do Disco Vasco, a Dantza Independentzia, un lipdub en prol da independencia de Euskal Herria que se pode ver en YouTube nesta ligazón. A canción elixida neste caso, foi Sarri, Sarri do grupo Kortatu, unha canción asociada desde a súa orixe co movemento independentista vasco.

En Catalunya, o éxito do lipdub pola independencia impulsou recentemente a realización dun lipdub en prol do papel da lingua catalá como lingua común, como factor clave para a inclusión e a cohesión social de toda a poboación, sen importar a súa orixe. Esta iniciativa foi organizada pola Plataforma per la Llengua e 23 entidades relacionadas coa inmigración en Catalunya, e contou coa participación de 1.500 persoas, algunhas delas moi populares. O lipdub pola lingua catalá, que se pode ver nesta ligazón, rodouse en Barcelona o 15 e 16 de abril, foi estreado a semana pasada e, na semana que leva colgado en YouTube, rexistrou xa máis de 35.000 visualizacións. A canción escollida para este lipdub foi Corren do grupo rock catalán Gossos.

Os lipdubs poden canalizar tamén protestas ou reivindicacións moi concretas, e poden estar realizados por colectivos moi específicos, como se pode exemplificar co lipdub realizado polo persoal dun Centro de Saúde de Barcelona coa canción Resistiré do Dúo Dinámico contra o plan de recortes na sanidade pública do goberno conservador de CiU, que se pode visualizar nesta ligazón.

No ámbito galego, polo de agora, os lipdubs non acadaron aínda unha grande incidencia, aínda que xa se poden atopar algúns exemplos interesantes. Un dos máis salientábeis é o realizado en abril de 2010 polo profesorado e alumnado do Instituto de Educación Secundaria Pintor Colmeiro de Silleda. No seu lipdub reivindican con humor a normalización do uso da lingua galega. O seu magnífico traballo pode verse en YouTube nesta ligazón e xa conta con máis de 17.000 visualizacións. O título deste lipdub, Galegando, xoga coa pronunciación de Alejandro na canción de Lady Gaga seleccionada como tema musical do videoclip. En calquera caso, o lipdub deste colectivo do noso ensino ilustra dun modo excelente como se poden mesturar a didáctica e as novas tecnoloxías coas reivindicacións e a implicación coa nosa terra.


[25-05-2011 19:52] Marta comentou:

Galegando foi o lema do Correlingua hai algúns anos.

[24-05-2011 12:07] Alfredo López comentou:

Moi boa idea como ferramenta de divulgación, divertido velo e sobre todo facelo. Teremos qu explotala!.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña