19:33 Xoves, 05 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-03-2010

Fondo Europeo da Pesca (FEP): Eixo 4

Desenvolvemento sostible das zonas costeiras

Valorar (3)

MAR LÓPEZ-LEITÓN RAMOS



As medidas do Fondo Europeo da Pesca (FEP), adáptanse ás novas necesidades tanto do sector pesqueiro e da acuicultura como das comunidades costeiras dedicadas á pesca. Preténdese contribuír á redución da presión pesqueira, para así facilitar a recuperación das poboacións de peixes e a fomentar o uso de equipos e prácticas mais respectuosas co medio ambiente nos ámbitos da pesca, a acuicultura, a transformación e comercialización dos produtos pesqueiros.

O FEP proporcionará, así mesmo, axuda ás rexións pesqueiras mais afectadas pola perda de postos de traballo, co obxecto de que podan diversificarse e fortalecer a súa base económica. Tamén poderán optar á axuda do FEP as iniciativas de carácter colectivo e as que promovan a igualdade de oportunidades, é dicir, estes fondos van contribuír a garantir a sostenibilidade da pesca e das zonas costeiras.

Para o período 2007-2013 o FEP contempla 5 eixos prioritarios e, concretamente o Eixo 4, é o que se refire ao desenvolvemento sostible das zonas costeiras dedicadas á pesca, apoiando as medidas e iniciativas encamiñadas a  unha mellora socioeconómica das poboacións ou comunidades pesqueiras nas que residen os profesionais do sector pesqueiro.

A implantación desta medida en Galicia ten unha grande importancia en canto á súa dimensión social, posto que mais do 70% da poboación vive a menos de 50 quilómetros da costa. Este dato supuxo a necesidade por parte da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, de seleccionar as zonas ou áreas xeográficas nas que se van realizar as actuacións contempladas no Eixo 4 do FEP, en base aos seguintes criterios: baixa densidade de poboación, pequenos concellos dedicados á pesca e coeficiente de crecemento do sector pesqueiro.

Así, en Galicia establecéronse 7 zonas no litoral, que van dende a Mariña de Lugo ata a Ría de Vigo, creando en cada unha destas zonas unha Asociación chamada Grupo de Acción Costeira (GAC), constituída por axentes do sector pesqueiro, axentes sociais, axentes económicos e administracións locais.

Estes GACs, son colaboradores da Consellería do Mar e teñen como obxectivos, entre outros: servir ás entidades asociadas de centro receptor, canalizador e distribuidor de toda a información relacionada co desenvolvemento local e rexional; a prospección e coñecemento das dotacións, recursos e proxectos existentes no territorio en cada momento; ser factor de sensibilización das administracións, entidades públicas e privadas, así como das institucións comunitarias europeas, co obxecto de poder optimizar o aproveitamento dos recursos endóxenos da zona de cara ao seu desenvolvemento sostible. Así mesmo tamén teñen como misión fomentar, impulsar, programar e colaborar en actuacións dirixidas á diversificación de actividades para os pescadores, por medio de creación de traballos adicionais fora do sector pesqueiro e en actuacións dirixidas ao aumento do valor engadido para os produtos da pesca, marisqueo e acuicultura.

Intentan tamén fomentar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e colaborar en actuacións dirixidas á protección do medio ambiente nas zonas pesqueiras.

Co fin de conseguir estes obxectivos, a Consellería do Mar fixo pública unha Orde de axudas (Orde do 27 de agosto do 2009, DOG nº175 do 7 de setembro de 2009), que reflicte as axudas a investimentos produtivos e non produtivos, contía das axudas, dotación orzamentaria e beneficiarios. Os prazos de solicitude destas axudas ata o ano 2013 son dous anuais, en marzo e en setembro,  e a pretensión, tanto da Consellería como dos GACs, é conseguir unha mellora socioeconómica dos nosos pobos costeiros

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña