03:39 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-05-2011

A música, como a poesía, é unha arma cargada de futuro. A aperta entre os pobos a través da música

Javier Arroyo y El Lusitania Jazz Machine na Galiza

Valorar (14)

XOSÉ CARLOS SOLLA LAGO



Grazas aos responsábeis da Concellería de Cultura do Concello de Vigo, o vindeiro sábado 7 de maio, ás 21 horas, terá lugar o agardado concerto de Javier Arroyo y El Lusitania Jazz Machine no remodelado Auditorio Municipal da Praza do Rei.

Coñecín a Javier Arroyo (Valladolid, 1954) hai 35 anos no norte de África, Ceuta, no servizo militar e alí iniciouse unha profunda amizade ao carón doutros compañeiros de diversa procedencia do Estado Español, nos que había galegos (Pepe Daviña de Compostela; Pablo do Bar Hipólito nas Travesas de Vigo, hoxe berce do jazz; Fernando de Redondela) e nesas circunstancias especiais a amizade cobra unha importancia fundamental. Pois así, fun comprobando a personalidade de Javier Arroyo comprometida coa inxustiza e dunha exquisita sensibilidade pola situación dos seus compañeiros. Chegara con dúas ferramentas: guitarra e harmónica. Alí, no cuartel, deleitounos con moitos temas de Bob Dylan e nas saídas polas rúas ceutís, tiven o pracer de acompañalo nas visitas a un comercio de instrumentos musicais, onde aproveitaba a ocasión para probar os pianos. Era un goce inmenso ser testemuña da súa capacidade extraordinaria para tocar o piano. O seu compromiso era tal que creou varias composicións cuxas letras falaban da nosa situación persoal na milicia. Aquelo rematou chegando aos oídos dos mandos militares que ordenaron o arresto do cantautor e o "arresto" -así, como soa- de súpeto dos instrumentos musicais que, e só, foron recuperados ao remate do servizo militar; así eran os tempos "democráticos" moi próximos á morte do dictador Franco e as limitadas perspectivas intelectuais da oficialidade militar. Tamén apañamos cos "retornados" mandos do Sáhara, o mellor de cada casa, despois de deixar aos saharauis na estacada. Mágoa aínda hoxe o admirado pobo saharaui fica ocupado pola presenza violenta marroquina.

Traxectoria musical e nacemento do EL LUSITANIA JAZZ MACHINE

A partires do ano 1978 Javier Arroyo adopta a música como a súa profesión definitiva, xa que logo abandonou os estudos de medicina. Músico de formación autodidacta,  participa en diversos grupos musicais, con experiencias temporais en Donosti, Barcelona, Madrid,...; afincado a finais da década dos oitenta xa dun xeito permanente en Extremadura, no 1999 comeza organizar o seu novo proxecto musical, El Lusitania Jazz Machine (ELJM), propón percorrer o rico territorio musical transfronteirizo salvando calquer tipo de barreiras, fronteiras ou etiquetas. O encontro ábrese á xuntanza das músicas diversas, de procedencia ibérica, africana, de composicións propias ou particulares reinterpretacións de temas populares. Non se para en aduanas mercantiles ou interiores para fusionar todos os ritmos do mundo, desde o flamenco puramente mediterráneo a outros sons propios de folclores diversos, dende Asturias a Sudáfrica. Así deseña Javier Arroyo á orquestra: un traxecto musical por onde viaxan, se atopan, se descobren ou se apean diferentes músicos que non saben de fronteiras pero sí de culturas, ideas, instrumentos diversos, soniquetes, voces, choros ou ledicias. ELJM está disposto, con cada ensaio e concerto, a destruír as barreiras e códigos de barras do mundo musical, para alcanzar unha linguaxe común. Que no 2000 se presenta no Festival de Teatro de Alcántara co nome do ELJM, denominación que provén tanto do tren Madrid-Lisboa como da rexión romana desaparecida hai séculos. A finais de 2002 sae o seu disco milho verde grabado en terras lusas. O jazz fronteirizo cos sons autóctonos, sorprendendo a frescura das adufeiras de Idanha a Nova nun embriagante rescate do folclore alentejano máis arcaico, versionado despois en Um milho verde sem fronteiras ao xeito de Nova Orleáns. Hai música extremeña e da Ví da Prata con matices de jazz como El curina, toques flamencos en Procurando um novo amor, dúas versións de Miles Davis e Donald Byrd e cinco temas do propio Arroyo: Teresa, adicada a súa muller e ao amor, I remember Dollar Brand, composición en clave sudafricana adicada a Amina Lawal  e as mulleres maltratadas, Three notes for you, homenaxe ao seu irmán Joaquín que adica a esa barreira insalvable entre a vida e a morte, Procurando um novo amor, resposta por soleá i en portuñol ao 25 de Abril tras un cuarto de século e o tema que compoñeu cando agardaba o nacemento da súa filla Teresa, I waiting for you. Para entón, Javier Arroyo conqueriu cos seus compañeiros de viaxe facer do ELJM un colectivo creativo e poderoso co que volta percorrer a Península Ibérica, actuando en numerosos teatros e festivais.


O concerto, un suceso transfronteirizo:


O concerto é para él un suceso transfronteirizo. A música que compón e interpreta ELJM, presta atención a esas barreiras e fronteiras que os homes levantan contra os homes, contra os pobos e grupos diversos, separando, diferenciando e enfrontando. ELJM, gañándose pouco a pouco a influencia de moi diferentes culturas e músicas, e nesa fusión permanente que é o jazz, propón un territorio musical aberto á diversidade e transgresor con esas fronteiras. Nese espazo de lugar e tempo que proporciona o concerto en directo, a creativa pirueta colectiva faise posíbel grazas á liberdade que supón a improvisación sobre unha sólida base multicultural. Malia o abstracto do jazz, as raíces de música popular e os diversos folclores do que se alimenta a música de ELJM, garanten unha boa comunicación con todos os públicos.

No 2006 Javier Arroyo e o californiano Paul Stocker, dúo de jazz, tocan na Galiza presentando parte do repertorio do ELJM no Festigal en Santiago de Compostela, Día da Patria Galega.

Durante o 2007 tiven a oportunidade de acudir aos concertos onde ELJM grabou a maior parte de Sur mira al sur, os celebrados no Teatro Cervantes no VIII Festival Internacional de Blues de Castilla y León 2007 en Béjar; Café-Concerto do Teatro Municipal, Guarda (Portugal); III Festival de Jazz y Blues de La Alpujarra, Villa de Busquístar; IV Festival Internacional Douro Jazz, Teatro Municipal de Vila Real (Portugal), nesta ocasión na compaña do amigo e músico Xico de Cariño.

A música, como a poesía, é unha arma cargada de futuro. A aperta entre os pobos a través da música
 

No 2009 sae o seguinte disco Sur mira al sur, con ilustracións e deseño da súa filla Teresa, na maior parte gravado en directo, onde na obra de Arroyo aprecianse as súas teimas principias: a fronteira e a súa derruba, e a consciencia de que un músico é unha persoa comprometida cos problemas políticos e sociais que lle tocan vivir. Recrea a figura dun náufrago que, aínda que pareza unha víctima máis dese traxecto, conquire chegar á praia e espertar do sono da morte. A música, como a poesía, é unha arma cargada de futuro. Con esta idea Javier Arroyo lidera o seu sexteto, ELJM, en sintonía co seu público e a súa mellor proposta: a aperta entre os pobos a través da  música. Pozo María Luísa, canción popular asturiana interpretada coa forza do jazz modal, denuncia da represión e as mortes que provoca o traballo. Me matan si no trabajo y si trabajo me matan: "Nenos sin escola, con fame i explotados, mineiros do coltán, nenos soldados" (di no libreto do disco). As mentiras dos poderosos, as guerras, o exilio, o racismo e o apartheid, son tamén obxecto de denuncia en Nomali o Ntyilo ntyilo. Tamén se canta á alegría, á festa e ao baile en Alba (por tangos jazzeros) e Two sticks (calipso sudafricano), canto ao amor e á pasión en Rosinha, á amizade con Louis's song, e á esperanza, cunha fiestra musical africana, aberta ao sur, para voltar cantar a emblemática canción de Pablo Guerrero, A cántaros, nunha arela dos actuais movementos populares do norte de África. O disco remata con Travesía y arena, naufraxio en forma de poema recitado en árabe con achegamento de piano e praia.

Ficamos, pois, todas e todos convocados o vindeiro sábado 7 de maio asistir ao concerto de Javier Arroyo y El Lusitania Jazz Machine formado por: Javier Arroyo, piano, harmónica e voz; Pancho Brañas, batería; Guillermo Morente, contrabaixo; Ángela Muro, voz; Paul Stocker, saxos e frautas; Pierre Thary, violonchelo; no Auditorio Municipal de Vigo da Praza do Rei.


[30-10-2020 01:00] Javier Arroyo comentou:

No hay nadie mejor que un gran amigo, como Xosé Carlos Solla Lago, tan gran persona como concienzudo en sus quehaceres, para hacer de notario de uno y su trayectoria. El mejor resumen en crónica de una época de mi vida musical que él quiso compartir conmigo. Grazinhas.
Aquel concierto de Vigo al que se refiere (7-mayo-2011) en el artículo fue el último de ELJM. Fue a pesar de que la crisis que comenzó con la gran estafa de 2007, hoy llamada crisis de 2008, ya había dado sus últimos coletazos los años anteriores, mandando al paro a cientos de miles de personas. Fue gracias a los amigos y compañeros gallegos. Estaré siempre agradecido. Grazas Solla. Unha aperta.
Cáceres a 29 de octubre de 2020.

[06-05-2011 21:58] Mario Solinho comentou:

Moito obrigado pola nova!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña