11:20 Mércores, 26 de Xaneiro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-05-2011

Cuba é a evidencia práctica da dificultade obxectiva que ten o proceso de construción do socialismo

Novos pasos na andaina socialista en Cuba

Valorar (15)

XABIER PÉREZ IGREXAS



O proceso de cambios que encetará en breve en Cuba, ao abeiro das resolucións do VI Congreso do Partido Comunista Cubano, celebrado a principios de abril, e entre as que se inclúen os denominados "liñamentos" para a política económica e social da illa, é un asunto ao que cabe prestarlle a máxima atención, loxicamente desde unha perspectiva internacionalista e antiimperialista.

Cuba malia as súas deficiencias continúa a ser unha das máis importantes referencias para a esquerda e para os movementos emancipadores de todo o mundo. Cuba segue a ser un dos principais bastións do anti-imperialismo e unha experiencia exemplar, cuase podería dicerse que heroica, na construción do socialismo. Lease o anterior desde a certeza de que non hai experiencias transmutábeis mimeticamente, nin modelo que se poida trasladar simetricamente dunha realidade e coordenadas concretas a outras.

A Revolución Cubana e o seu proceso de construción dunha sociedade socialista enfronta, como é lóxico, importantes retos e algunhas dificultades que é preciso sortear. Da lectura e profundización das proposicións políticas recollidas nos liñamentos poden extraerse algunhas conclusións.

 En primeiro lugar, o PCC lonxe de acomodarse dunha visión acrítica e autocompracente, ten realizado unha rigorosa diagnose da situación que atravesa o proceso revolucionario e das eivas que nel se detectan, na mellor tradición do socialismo científico. Non esquivan as e os comunistas cubanos as insuficiencias da súa revolución, nin se atreven a agochar baixo formulación teóricas que o xustifiquen todo as súas propias contradicións e ineficiencias, nomeadamente desde o punto de vista económico e político (tamén partidario), a diferenza do que acostumamos presenciar nalgunhas organizacións políticas mesmo de signo progresista.

Eis unha nova verificación da plena vixencia (e necesidade) do marxismo, xa non só como corpus ideolóxico-programático co que orientar os proxectos políticos da esquerda transformadora, senón como método científico de análise da realidade social, incluíndo nesta tamén as organizacións políticas e sociais que nela operen.

En segundo lugar, as resolucións adoptadas e as medidas concretas, ou máis ben as liñas de actuación política, resultantes do activo e democrático debate dos liñamentos (con milleiros de asembleas en todo o país, nos centros de traballo e nos bairros...), no que se recolleron tamén algunhas importantes achegas formuladas desde a base, dan unha resposta acaída ás necesidades analisadas e convértense nun extraordinario instrumento na tarefa de consolidar o socialismo e profundizar, inda máis, na súa irreversibilidade.

Son medidas esencialmente tendentes a estimular o traballo e a produtividade do mesmo, orientando a forza de traballo a sectores estratéxicos co propósito de inverter a balanza comercial e de pagos actualmente deficitaria. Medidas que pretenden corrixir algúns graos existentes de burocratismo, desestatalizando actividades económicas de escaso impacto (como p.ex. as perruquerías), e que aspiran a superar o mal entendido igualitarismo que ten provocado gratuidades indebidas e un subsidio público obxectivamente excesivo nalgúns ámbitos, que provoca un relativo paternalismo estatal que desestimula a actividade laboral e que ademais sobrecarga as estruturas administrativas do Estado e incide negativamente na economía nacional lastrándoa.

Quen desde o dogmatismo, ou o completo descoñecemento da realidade cubana (á que tiven a oportunidade de aproximarme nunha recente viaxe), cuestiona as orientacións adoptadas polo PCC, descoñece o feito de que os procesos revolucionarios, de que o socialismo, non é apenas un construto teórico ou ideolóxico, senón un proceso histórico -e polo tanto dinámico-de transformación radical da realidade que debe desenvolverse de xeito concreto atendendo ás condicións de cada momento.

Cuba é a evidencia práctica da dificultade obxectiva que ten o proceso de construción do socialismo, malia contar cunha maioritaria subxectividade social favorábel; unha tarefa por outra banda que a actual crise sistémica está a demostrar máis unha vez como ineludíbel para a humanidade, outorgando renovada vixencia á máxima de "Socialismo ou barbarie" expresada por Rosa Luxemburgo que ben poderíamos traducir hoxe en "Socialismo ou miseria".

Ter en consideración ese axioma, anova tamén a vixencia do pensamento marxista e leninista (nomeadamente no referido ao papel central do Partido de clase como expresión organizada da vangarda popular), como elemento esencial -e insustituíbel, a pesar das teimas postmodernas e/ou ideoloxistas- para facer viábel calquera proxecto que aspire, realmente, á construción dunha nova sociedade xusta, igualitaria e democrática con mulleres e homes realmente libres.

Cuba non camiña nin cara o denostado (e descoñecido) modelo chinés, nin avanza cara unha economía mixta como fase previa á súa conversión a unha economía capitalista; non hai privatizacións nin liberalizacións, senón unha desestatalización parcial de segmentos específicos da economía socialista cubana. Todas as reformas que se queren emprender, hai que inserilas na lóxica de que a propia revolución é un proceso de permanente rectificación (tal e como teñen conceptualizado con acerto as e os comunistas cubanos), e teñen por obxecto profundizar na consolidación do socialismo. Non farei unha enumeración das medidas, xa que para comprender o que veño de afirmar tan só é precisa a lectura dos documentos congresuais aprobados no VI Congreso e dispoñíbeis na Rede.

Cabe salientar tamén o relevo efectuado na dirección do PCC, non só polo feito de que Raúl Castro teña sido elixido Primeiro Secretario do Comité Central do Partido, en substitución de Fidel, quen o ocupara desde a súa fundación, senón pola incorporación de novos cadros no propio Comité Central (do que por vez primeira tampouco fará parte o lider da revolución cubana), co obxectivo de incrementar a presenza de mulleres e a de afroamericanos. Quen presente este relevo como unha transmisión hereditaria da dirección do Partido, incorrerá nunha visión falaz ignorando o activo papel que desde a expedición do Granma ten xogado Raúl, como cadro político e tamén militar de primeirísimo nivel.

Hai que ter tamén presente, para a realización dunha análise correcta da situación de Cuba, o feito de que o país non fica desconectado dun sistema mundo hexemónicamente capitalista. Non só polo impacto do bloqueo criminal dos EUA, condenado reiteradamente pola práctica totalidade dos países integrantes das Nacións Unidas, senón tamén polo impacto das alteracións na correlación de forzas internacionais entre as forzas sistémicas e as de signo emancipador (en termos nacionais e/ou de clase), nin da batalla ideolóxica que se libra tamén nese plano (cun crecente anticomunismo e asomando o fascismo) e do que Cuba non está exenta.

En síntese, Cuba está a afrontando de xeito acaído e respondendo ás súas condicións propias, os retos que se lle colocan na construción do socialismo. E nesta altura, as e os antiimperialistas, e dentro destes quen ficamos comprometidos cunha nova orde económica e social a nivel mundial desde posicións netamente de esquerdas, debemos máis unha vez arrimar o ombreiro, ofrecendo a nosa fraternal solidariedade antiimperialista e enviando alento e azos ao pobo cubano na súa heroica resistencia á barbarie que hoxe representa, xa sen matices, o capitalismo.


[10-05-2011 15:11] Non á burocratización comentou:

Todo o que sexan medidas para evitar a burocratización e a formación dunha nomenklatura con privilexios será positivo. Fíxémons na deriva burocrática e stalinista contrarrevolucionaria ao que levou: á desaparición do "socialismo" real e a unha mala imaxe popular daquela época e daquel sistema. Sen que Marx e Lenin tivesen culpa.
Aprendamos a lección!

[09-05-2011 18:28] Inspiración cubana comentou:

Estaría ben incorporar ao funcionamento do BNG a limitación dos anos como cargo institucional que defende agora o PCC. E tamén dos anos como liberado sindical.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña