18:06 Martes, 26 de Outubro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-05-2011

Convértese no evento de referencia da cultura infantil en galego

"Achegarte" foi unha festa

Valorar (12)

XAVIER CAMPOS LÓPEZ



Os tempos e os contextos actuais non son fáciles para a cultura de noso. Aos ataques que padece a lingua propia desde a Xunta obrigada á súa normalización social cómpre sumar a ausencia de políticas culturais orientadas á articulación dun marco estratéxico de apoio e de desenvolvemento para o conxunto de axentes que teñen a ver con elas. Non o hai e non o haberá. A improvisación é norma e a toma de decisións en función da conxuntura método consolidado de traballo. Os resultados están á vista: unha nova Dirección Xeral do Libro sen apenas cartos nunha nova Biblioteca de Galicia sen apenas contido, a Axencia Galega da Industrias Culturais asumindo ámbitos relacionados coa cultura amadora e de base, as axudas á música e ás artes escénicas convocadas con meses e meses de retraso, a crise cebándose gravemente nos diferentes sectores e estes, porén, orfos de interlocución seria e resignados -tamén dependentes- pola ausencia dos apoios que lles serían precisos.

En situación tal, a exitosa celebración do Achegarte 2011 tivo unha boa parte de cerimonia terapéutica para o mundo cultural galego e resultou unha valiosísima inxección de enerxía, estima e confianza. Na memoria de todos ficará a lembranza común dun evento que foi grande festa colectiva, celebración de mans tendidas coa alegría dos nenos e nenas que a encheron e coa xenerosa e sensíbel achega dos artistas e creadores que deron nela o mellor de si, gozando e facéndonos gozar. Dous días para verse, recoñecerse, falar, compartir, facer.  Foron milleiros de persoas os que abarrotaron Palexco e moitos os momentos que ficaron para a lembranza. Pablo Díaz co Tic-Tac, o Cara a cara de Emilio José e Oliver Laxe, a presentación de Milpedras, os concertos e o calor do escenario do primeiro andar, A nena e o grilo, os audiovisuais, os obradoiros, A casa da luz, a maxia, os escritores, as asociacións, o guiso do Noente Paradise, os stands, os encontros profesionais, os debates, Xurxo e Uxía, os abrazos e os saúdos, as apertas, os bicos, Rivas e Mercedes Peón, os ánimos, as conversas cómplices, os parabéns. 

A aposta da Concellaría de Cultura da Coruña, aínda que feliz no inmediato, anúnciase porén como estratéxica e de longo percorrido. De igual maneira que as empresas culturais teñen no Culturgal o seu espazo especializado o Achegarte pretende, desde este 2011, converterse no evento de referencia da cultura infantil en galego, coa súa sede permanente na Coruña. Festa, protagonismo dos creadores e incorporación dos ámbitos non profesionais fronte a feira, protagonismo das empresas e especialización profesional. Culturgal e Achegarte, cada un no seu ámbito de acción e co seu propio modelo organizativo, son dous elementos que poden e deben dar moito á cultura galega nos anos vindeiros.

Polo demais, convén sinalar a necesidade de que todas e todos nós, nunha situación como a actual, mudemos dalgún xeito en axentes activos, coñecendo e difundindo a actual produción cultural infantil na nosa lingua. Quer na literatura, na banda deseñada, na música, nas artes escénicas ou no audiovisual hoxe contamos en galego con propostas moi diversas e  de moi alta calidade, ben merecentes de seren gozadas na compaña dos máis pequenos e pequenas que teñamos arredor. Anoto uns cantos nomes coa esperanza de que a alguén que non as coñecer poida espertarlle  a curiosidade: Arrolos de Salitre, Tic-tac, Mamá Cabra, A nena e o grilo, O soldadiño de chumbo, Tinta de Lura, Caramuxo, Paula Carballeira, Berrobambán, Agustín Fernández Paz, Pesdelán, Xosé Tomás, ... 


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña