14:46 Venres, 25 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-04-2011

A modificación que se realizou da Lei electoral resulta inconstitucional por impedir o exercicio do dereito do sufraxio pasivo e activo

A inconstitucionalidade da reforma da Lei electoral

Valorar (15)

EDUARDO ÁLVAREZ



A modificación que se realizou da Lei electoral resulta inconstitucional por impedir o exercicio do dereito do sufraxio pasivo e activo, declarado no artigo 23 da Constitución. Limítase con esta reforma o dereito de sufraxio pasivo porque se lle impide a un cidadán presuntamente inocente concorrer a unhas eleccións políticas. Limítase, alén disto, o dereito de sufraxio activo daqueles cidadáns da circunscrición electoral que desexan votar por esta persoa declarada inelixíbel.

Xaquín García Couso, actual alcalde do BNG do concello de Arzúa e cabeza de candidatura para estas próximas eleccións municipais, vén de ser declarado pola Xunta electoral inelixíbel en aplicación da recente modificación da Lei Orgánica 5/1985, do Réxime Electoral Xeral, operada pola Lei Orgánica 3/2011, de 28 de xaneiro. Como sucede con outras iniciativas lexislativas de moi dubidosa constitucionalidade que restrinxen gravemente dereitos fundamentais, neste caso o de participación política, esta modificación ten como obxectivo, ironías da vida, segundo reza a Exposición de motivos desta lei orgánica, o reforzo democrático e o compromiso en defensa e consolidación do noso réxime de liberdades. Por esta razón, segue a dicir a Exposición de motivos, considérase conveniente reformar determinados preceptos da lei electoral para evitar que formacións políticas ilegais ou que xustifican ou apoian a violencia terrorista poidan utilizar novas vías para, fraudulentamente, concorrer a futuros procesos electorais e obter representación institucional.

O artigo reformado que converte en inelixíbel o cabeza de listaxe do BNG de Arzúa é o 6.2.b da Lei electoral, que di literalmente: Son inelixíbeis os condenados por sentenza, aínda que non sexa firme, por delitos de rebelión, de terrorismo, contra a Administración Pública ou contra as Institucións do Estado cando a mesma estabeleza a pena de inhabilitación para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo ou a de inhabilitación absoluta ou especial ou de suspensión para emprego ou cargo público nos termos previstos na lexislación penal. A primeira parte da redacción deste texto fora acordada polo PSOE e mais o PP e a segunda, que se refire aos delitos contra a Administración Pública ou contra as Institucións do Estado, foi introducida como emenda a proposta de Rosa Díez.

A orixe da condena penal a Xaquín García Couso, como sabemos, obedece a unha sentenza do Tribunal Supremo do ano 1997 que obriga a derribar unha obra ilegal cuxo permiso administrativo fora concedido polo daquela goberno do PP de Arzúa. O artigo 141.1 do Código Penal, incluído no Título XIX desta lei baixo o epígrafe dos Delitos contra a Administración Pública, afirma que as autoridades ou funcionarios públicos que se negaren abertamente a dar o debido cumprimento a resolucións xudiciais, decisións ou ordes da autoridade superior, ditadas dentro do ámbito da súa respectiva competencia e revestidas das formalidades legais, incorrerán na pena de multa de tres a doce meses e inhabilitación especial para emprego ou cargo público por tempo de seis meses a dous anos. Durante o mandato do goberno do PP, a Administración de Xustiza realizou seis requerimentos ao concello de Arzúa, catro para dar conta das actuacións realizadas e dous para que procedese de modo inmediato á execución da sentenza. O caso é que, recentemente, o actual alcalde nacionalista, Xaquín García Couso, foi condenado en primeira instancia a seis meses de inhabilitación para desempeñar cargo público por un delito de desobediencia ao considerar que demorou a execución dunha resolución xudicial ditada no ano 1997.

Chegados a esta situación, unha vez que o PP puxo en coñecemento da Xunta Electoral de zona de Santiago estes feitos, a este órgano de control non lle quedou outra alternativa que, en virtude da literalidade do artigo 6.2.b da Lei do Réxime Electoral Xeral, declarar inelixíbel a Xaquín García Couso neste proceso electoral. Evidentemente, da exclusión deste candidato do exercicio do dereito fundamental de participar directamente nos asuntos públicos non é responsábel a Xunta electoral senón os partidos políticos que votaron afirmativamente a recente reforma legal. Velaquí como unha finalidade declarada de evitar que formacións políticas ilegais ou que xustifican ou apoian a violencia terrorista poidan utilizar novas vías para, fraudulentamente, concorrer a futuros procesos electorais e obter representación institucional, se converte, na práctica, nunha obstrución do exercicio dun dereito fundamental para unha persoa que goza de presunción de inocencia por non estar condenado por sentenza firme.

A modificación que se realizou da Lei electoral resulta inconstitucional por impedir o exercicio do dereito do sufraxio pasivo e activo, declarado no artigo 23 da Constitución. Limítase con esta reforma o dereito de sufraxio pasivo porque se lle impide a un cidadán presuntamente inocente concorrer a unhas eleccións políticas. Limítase, alén disto, o dereito de sufraxio activo daqueles cidadáns da circunscrición electoral de Arzúa que desexan votar por esta persoa declarada inelixíbel.

Vulnérase tamén neste caso o artigo 24.2 da mesma Constitución, que proclama o dereito fundamental á presunción de inocencia e aplícase de forma retroactiva unha medida sancionadora a feitos que ocorreron cando non estaba en vigor a Lei Orgánica 3/2011.

Máis aínda, o impedimento de inelixibilidade que proclama esta reforma resulta despropor­cionado porque contempla efectos moito máis restritivos para os candidatos que se encontren nesta situación que para os cargos electos que, unha vez que obteñen a acta electoral, poderán seguir desempeñando o cargo para o que foron elixidos até que se dite sentenza firme que leve aparellada pena de inhabilitación para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo ou a de inhabilitación absoluta ou especial ou de suspensión para emprego ou cargo público.

Sobran, pois, argumentos xurídicos para que o Tribunal Constitucional, no momento en que se presente recurso de amparo electoral por esta violación flagrante de dereitos fundamentais, en virtude do estabelecido no art. 55.2 da súa propia Lei orgánica presente autocuestión de inconstitucionalidade para declarar esta reforma electoral incompatíbel coa propia Constitución.

Ademais de conculcar o dereito constitucional español, esta reforma resulta contraria tamén ao Convenio Europeo de Dereitos Humanos, cuxo marco normativo ao respecto se encontra no artigo 3 do Protocolo Primeiro do Convenio Europeo para a protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais, feito en París, o 20 de marzo de 1952, na xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e mais no Código de boas prácticas en materia electoral adoptado pola Comisión Europea para a Democracia polo Dereito na súa LII sesión plenaria celebrada en Venecia en outubro de 2002. Esta Comisión do Consello de Europa proclama como primeiro principio do patrimonio electoral europeo o sufraxio universal e entre os límites que cita para a privación do dereito de sufraxio activo a pasivo, no seu apartado 1.1.d.iv, indica que "deberá estar motivada por unha prohibición baseada na saúde mental ou por sentenza firme penal por delitos graves.

Finalmente, tamén podemos recorrer a xurisprudencia comparada existente sobre este asunto que nos ocupa. O Tribunal Constitucional italiano resolve unha cuestión de inconstitucionalidade sobre a Lei 55/1990, na que se estabelecía a inelixibilidade para as eleccións rexionais, comunais, provinciais e circunscripcionais (eleccións administrativas) de quen fose condenado, non necesariamente por sentenza firme, ou de quen estivese imputado por algún dos delitos que prevía esta lei, de notábel gravidade, como a asociación de tipo mafioso. Resulta claro que o obxectivo da lei era tutelar o bo funcionamento das administracións públicas e a libre determinación dos órganos electivos, bens xurídicos da máxima importancia en democracia e que se vían ameazados pola infiltración do crime organizado de selo mafioso nos entes locais. Pois ben, a Corte Costituzionale italiana, en sentenza 141/1996,  de  23  de  abril  de  1996, resolve en contra da inelixibilidade establecida pola lei ao observar unha grave contradición interna na norma. En efecto, constata que se a mesma situación de condena se producise respecto de quen é xa elixido, a consecuencia non consiste en declaralo inelixíbel, medida irreversíbel, senón na suspensión do mandato até que finalice o proceso xudicial. Falla a proporcionalidade da medida, ao non utilizarse o medio menos lesivo para a obtención da fin lexítima. Á vista do anterior, conclúe a Corte Constitucional italiana que só por sentenza firme poden seren excluídos os cidadáns da concorrencia electoral.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña