23:58 Mércores, 30 de Novembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-04-2011

Como foi o devalar da paisaxe galega dende que morreu Otero Pedrayo en 1976? Mudou grandemente. E mudou para peor

O devalar da paisaxe

Valorar (15)

XAN FRAGA RODRÍGUEZ



Vertedoiros controlados e incontrolados, no campo ou na cidade, todos contaminantes e agresivos; solos cheos de pasta de chumbo, ácido sulfúrico ou lindano; polución atmosférica potenciada pola incineración. Riscos enormes para a saúde pública. Mais a política oficial segue a ser  ti vai facendo. Incendios forestais, talas de carballeiras, eucaliptización do país.

As nosas augas, xa sexan ríos, lagoas ou mares, sofren verquidos constantemente con impunidade total. Nin a lexislación se cumpre. Os ríos cheos de centrais hidroeléctricas ou piscifactorías que rouban  a auga, sécanse e non gardan o mínimo caudal ecolóxico, con grandes beneficios privados. Seguen moitos pobos sen ter saneamento integral. A ría da Coruña é unha cloaca. Preferiuse facer política faraónica de cartón pluma.

A nivel urbanístico o deixar facer foi causa e consecuencia da corrupción máis pura, dura e vergonzosa. Impunidade. Legalización de facto de aberracións urbanísticas que só se explican polos pelotazos e a conivencia do poder político co poder corrosivo da corrupción.

Edificouse moito e mal, moi mal, sen control, sen orde, de forma indiscriminada,  mudando a fisionomía do país dunha maneira abraiante. Foi, está sendo un holocausto sobre a paisaxe do país. A xeografía que describiron Cornide, Fontán ou Parga Pondal onde vai?

Hai centos de especies de flora e fauna ameazada en Galicia, concretamente 248 (A natureza ameazada, Consello da Cultura Galega, 2004).

Despoboamento rural, o abandono de centos de aldeas e lugares, unha forma de vida e cultura. Non se trata de dar unha visión bucólica e romántica de defensa da sociedade preindustrial. Tratase da supervivencia de Galicia como país diferenciado, tratase da perdida da identidade galega. E a paisaxe é un piar fundamental da nosa cultura e historia. A alma de Galicia que dicía don Ramón Otero Pedrayo.

A destrucción dunha serra, dunha chaira, devesa, bouza, fraga ou souto, caborco ou couso, é a destrucción da nosa alma nacional.

Como foi o devalar da paisaxe galega dende que  morreu Otero Pedrayo en 1976?. Mudou grandemente. E mudou para peor. Moi gravemente.

Dicía o mestre de Trasalba: "Ten devalar o seu significado. Pro sendo fermosa verba, chea de luz no tempo, dona da intuición das cousas xurdindo e sucedéndose no tempo, xulgámola a mellor pra abranguer esta maneira de se manifestar a forma como fito no proceso e o proceso como memoria ás vegadas inda impaciente e choutadora na forma. Devalan os vales pró mar como devalan as foulas  cubrindo a larganza dos areais, como devalan co seu ritmo maino as penedías ou a maneira da historia destouzando ermos e creando herbais. A historia, un devalar. E na paisaxe, en calquera paisaxe, con podentes ritmos ou apenas como ecoares e lembranzas, todo o devalar conxunto, único, cheo de paixón da nosa Terra. A paisaxe ten de ser enxergada en actualidade".

Hai trinta e cinco anos da morte  do autor de Síntese xeográfica de Galicia (1926), Guía de Galicia (1926),  Problemas y paisajes geográficos de Galicia (1928), Ensayo histórico  sobre la cultura gallega (1933), Os ríos de Galicia..

Don Ramón Otero Pedrayo foi o principal intérprete da paisaxe galega, nunha visión humanística, é dicir integradora do ser humano coa natureza.

Estudou as distintas formas da paisaxe: mariña, ribeira, bocarribeira, montaña, serras e chairas; os factores: o cósmico coa xeoloxía, astronomía e elementos da atmosfera, o factor biolóxico, coa flora e a fauna  e o factor humano. Cada unha co seu tempo: astronómico, vital e histórico. Analizou a diversidade orográfica, a súa arquitectura, a cor, a luz e sobre todo a harmonía, andivo moitos camiños, na súa peregrinaxe reparou no seu devalar histórico.

"Calquera que señan os programas oficiais o mestre ten espazo para explicar ós rapaces as grandes liñas da faciana xeográfica e histórica de Galiza.Non se precisa material de ensinanza. Está nos montes do horizonte, nos ríos que debuxan o chan, no seo dos bosques, das costas cinguidas de lendas, na portada esculturada feitucadamente da igrexa, nos contos, nos refráns e nos ditos dos vellos, tan amados e simbólicos para a tenra intelixencia dos rapaces". Ramón Otero Pedrayo, Prosa miúda Artigos non coleccionados (1927-34).

Cito isto do mestre cando vexo, para Galicia, para Galicia!, un libro de texto de  Xeografía onde nin se menciona o autor de Os camiños da vida.

Trinta e cinco anos despois da súa morte segue sen coñecerse e divulgarse a magna obra xeográfica de Don Ramón Otero Pedrayo

"Moitos amigos son paisaxe ó facérense terra e luz.            
Non hai camiño galego sen o ecoar de pasos amigos"
(Otero Pedrayo)

[30-04-2011 17:00] xosé comentou:

Parabéns polo duro e fermoso artigo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña