15:44 Martes, 04 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-04-2011

Os meus parabéns aos autores do artigo The importance of interlinguistic similarity and stable bilingualism when two languages compete

Contar co galego

Valorar (56)

ROBERT NEAL BAXTER



Non é todos os días que aparece un artigo sobre ciencias exactas no Terra e Tempo. Mais tamén non é todos os días que aparece un artigo sobre o galego nunha revista internacional de física (abstéñanse aritmofóbic@s e discálcul@s!). Ante todo, pois, vaian por diante os meus parabéns aos autores do artigo The importance of interlinguistic similarity and stable bilingualism when two languages compete, tres profesores da Universidade de Santiago de Compostela, por conseguiren que a nosa lingua apareza no máis alto da palestra internacional, fazaña que non resulta precisamente doada nos tempos que corren.

Ao facer confluír os campos da sociolingüística e da matemática, o mencionado artigo constitúe un excelente exemplo da transversalidade interdiscplinar que vén sendo de rigueur no mundo académico desde hai varios anos. De facto, resulta indispensábel que as diferentes disciplinas dialoguen entre elas, sen compartimentalizacións estanques entre 'ciencias' e 'letras', para daren conta da verdadeira complexidade solapante do mundo no que vivimos. Por tanto, calquera achega que validar de xeito obxectivo e contrastábel a verdadeira situación da lingua galega sempre representará un paso adiante e debería -xa desde o plano subxectivo de defensor dos dereitos lingüísticos colectivos d@s galegofalantes- servir de ferramenta para identificar con cada vez máis claridade os problemas e as súas posíbeis solución a prol da plena normalización social do noso idioma nacional.

Porén, sigo a ter as miñas dúbidas acerca de se os comportamentos humanos complexos se prestan tan facilmente a seren reducidos a simples formulas matemáticas ou, dito doutro xeito, a cálculos matemáticos simplistas. E digo 'simplista' porque creo que unha das principais eivas do artigo radica na exclusión (ou 'non inclusión') dunha serie de variábeis que, ao meu entender, resultan importantes -cando non imprescindíbeis- para descifrar (nunca mellor dito) a verdadeira situación actual do galego e a súa relación co español. E así o recoñecen (aínda que tacitamente) os propios autores cando escriben: "The model used in this paper has two evident limitations. Firstly, the model does not consider possible alterations of the relative proportions of the linguistic groups due to immigration, emigration or differential birth and/or death rates. Secondly, partially related to this is the consideration that the relative status of the two languages may well vary in time". Non creo que se poida prescindir dunha variábel demolingüística tan marcada na Galiza como son as respectivas taxas de mortalidade, avellentamento e natalidade de cada grupo lingüístico. Tamén opino que, para enriquecer o estudo e consolidar as conclusións ao reflectir máis fielmente a realidade tal e como a vivimos unha grande parte d@s galegofalantes habituais, se debería pensar na posibilidade de integrar nos cálculos outros factores externos que poden exercer unha influencia sobre a motivación ou non de practicar unha determinada lingua nun determinado contexto, entre os que destacaría (sen ánimo de ser exhaustivo) o ratio galego:español nos medios de comunicación, na prensa, nos centros escolares, no contacto inicial nos centros administrativos públicos, nos comercios, nos bancos, na igrexa...

O artigo adoece, pois, ao meu ver, do que dalgún xeito se podería denominar 'a síndrome de Ussher', do nome do matemático que, no século XVII, tivo a ben calcular a idade da Terra, chegando a situala nuns 6.000 anos, fronte aos seus 4,5 billóns de anos reais. Os seus cálculos eran impecábeis, mais non así o seu input, nomeadamente as xeracións citadas na Biblia desde o Xardín do Edén. En inglés, este tipo de sistema denomínase 'garbage in, garbage out'...

Unha segunda eiva importante que se detecta no traballo radica na súa falta de precisión ao definir un dos principais termos teóricos sobre os que se sustenta todo o traballo, iso é, o que significa ser 'bilingüe'. Por omisión, dáse entender por 'bilingüe' calquera persoa que teña a capacidade potencial de se expresar nas dúas linguas en cuestión, independentemente de se usa as dúas ou só unha delas habitualmente, ás veces ou nunca... De feito, a situación debuxada no Mapa Sociolingüístico de Galicia reflicte unha realidade moito máis complexa en canto ás competencias fronte aos usos reais. De se apoiar o artigo nunha definición implícita de 'bilingüe' entendido como capacidade potencial pasiva no canto dos respectivos usos activos reais das dúas linguas, até Gloria Lago pasaría a engrosar as filas das persoas bilingües, razón polo cal o grupo que lidera reclama este epíteto no seu nome.

É máis, ficando na contorna inmediata de alto prestixio na que desempeñan o seu labor docente e investigador os autores do citado artigo, a Universidade de Santiago de Compostela, onde abofé que unha grande porcentaxe d@s docentes e estudantes son (potencialmente) bilingües, a que conclusión chegamos ao darmos unha ollada rápida aos datos recollidos pola propia Universidade para o curso 2010-11?. Dentro do que cabe, malia non se impartir nin a metade das materias en galego nos departamentos de Física Aplicada (31,2%) e Análise Matemática (40,64%) non son estes dous, desde logo, os peores de todos os de ciencias e medicina. En termos globais, mentres máis da metade (53,57%) dos departamentos reseñados (30 de 56) imparten docencia en galego por debaixo de 10% (dos cales hai 7 departamentos onde a presenza do galego é absolutamente nula), hai tan só 18 departamentos (incluído Filoloxía galega) que imparten máis de 50% das súas aulas en galego (o que representa 32,14% do total). Que cada un/ha tire as súas conclusións...

En canto ás conclusións ás que chega o artigo, cumpre distinguir claramente entre as fontes secundarias (recensións, artigos de prensa, etc.) e as dos propios autores. Como exemplo do primeiro, está El Correo Gallego, que, aínda matizando ao longo do artigo (para non terxiversar completamente os contidos reais do estudo), non dubida en anunciar como título que: "Un modelo matemático de la USC, destacado por el Instituto de Massachusetts, le da esperanzas al bilingüismo" (será o mesmo tipo de bilingüismo que practica a maioría dos xornais editados na Galiza...). Bastante menos cauto é o autor do artigo titulado How languages can live together without killing each other. Why Castilian didn't smother Galician, publicitado (entre outras cousas) polo secretario do Consello da Cultura Galega e membro numerario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo nun artigo publicado en El País, que comeza declarando alegremente: "Those of you who are concerned that linguistic globalisation will eventually steamroller local tongues into extinction should take heart from a study by a team from the Universidade de Santiago de Compostela, which has mathematically proved that two languages can live together in peace and harmony."

Polo outro lado, no entanto, os propios autores son máis ambivalentes e as súas conclusións entenderanse en clave positiva ou negativa dependendo do gusto do cliente. Comparemos:  "The present results nevertheless suggest that the competition between two languages does not inevitably lead to the extinction of one of them", o que parece contradicir máis do que matizar a seguinte afirmación: "These values [...] predict the eventual extinction of Galician. However [...] that extinction is not imminent." En fin, o galego probabelmente vai morrer, mais non hai que preocuparse de máis, porque vai ser unha morte lenta (e dolorosa tamén se seguimos nas mesmas...) e a idea de que vai ser o 'bilingüismo' o que o pode salvar non se sustenta nunha lectura pormenorizada dos datos e análises achegadas. Lembremos a famosa citación que se adoita atribuír ao Primeiro Ministro británico do século XIX, Benjamin Disraeli: "Hai tres tipos de mentiras: mentiras, malditas  mentiras e estatísticas". Neste caso o problema non radica nas análises e nos cálculos, senón nas eivas detectadas nos input e nas definicións de base, a partir das cales non se pode (ou non se debería) pretender sacar conclusións nin nun sentido, nin no outro.


1 2 seguinte

[03-05-2011 18:36] Henrique comentou:

Mirareino. Grazas, Robert.

[01-05-2011 19:15] Robert Neal Baxter (para saber máis sobre o tema) comentou:

Para seguir un debate máis académico acerca deste artigo e o modelo matemático sobre o cal se basea, convido @s leitor@s a consultaren este fío:
http://www.facebook.com/permalink.php?story_fbid=222627521084329&id=1838565464

[29-04-2011 17:50] Cibrán comentou:

Polas características do traballo non creo que sexa criticable a aparente falta de toma en consideración das varibles demográficas, pois si que se teñen en conta. Tómase a cantidade total da poboación como 1 e a maior parte do fluxo de galego-falantes a castelán-falantes débese precisamente á morte dos primeiros e ao nacemento dos segundos (non é que ninguén naza falando galego, pero creo que me explico). Pero creo que concordo co fundamental das críticas ao artigo mais tamén penso que pode ser unha primeira achega a un estudo máis fino e acaído á realidade. Boto en falta a colaboración con sociolingüistas.
Máis: http://cartaxeometrica.blogspot.com/2011/02/ecuacion-diferencial-do-bilinguismo.html

[29-04-2011 08:21] Robert Neal Baxter - erratum comentou:

En aras a garantir a imparcialidade e exactitude dos datos citados e por alusións, permítome reproducir o seguinte intercambio ao respeito do artigo que surxiu no Facebook (transcribo literalmente):

Henrique Monteagudo:
Vale, Neal, non vas desencamiñado. Canto a min, a estas alturas deberas saber que non son Secretario do CCG. Deixeino hai un ano, e fixen esta puntualización máis dunha vez en debates en que ti participaches. Podes mencionarme polo meu nome e se queres, engadir a miña profesión. Por se te queres referir ao meu pasado, douche a escoller: 'ex-militante das Xuventudes Comunistas' (1975-76), 'ex-militante de ERGA e ANPG' (1976-78), 'ex-cofundador de Galicia Ceibe' (1979-81), ex-militante do PSG/ Esquerda-Galega (1981-91), ex-Vicepresidente da Fundación Castelao (1996-2000), ex-afiliado á CXTG e a CIG (....), etc. Xa ves, tes onde escoller.

Robert Neal Baxter
tá ben. Mais 'ex-secretario que exercerceu o cargo durante x anos' ficaba un pouco pesado dentro do meu estilo que xa de por si é moi pesado.é son tantos ex- que resulta difícil saber en que segues a militar... mais, por razóns obvias só citei os cargos institucionais relacionados directamente coa lingua e cultura galegas. entendámolo como mención honorífica como se fai dos presidentes do estados unidos que ostentan o título durante toda a vida aínda despois de deixaren o cargo... polo resto, debo concluír que concordas cos contidos e liña argumental do artigo?

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña