10:10 Mércores, 23 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-04-2011

Réplica agarimosa ao ben prezado Bieito Alonso

Das intervencións humanitarias e outros eufemismos

Valorar (17)

FRANCISCO XESÚS JORQUERA CASELAS



Un dos signos do noso tempo é como se adultera o significado das palabras para procurar a lexitimación social de medidas obxectivamente antipopulares e inxustas.

"Asegurar a sostibilidade do estado do benestar" é o envoltorio escollido para dotar dun revestimento atractivo a recortes sociais sen precedentes.

"Flexibilizar o mercado de traballo" é o slogan que encobre a precarización do emprego  e a sobreexplotación dos traballadores.

Xa non se expulsa á xente á emigración, o que se fai é incentivar  a "necesaria mobilidade territorial".

Mesmo seguiriamos escoitando hoxe que a enerxía nuclear é "verde", se non for porque un tsunami maldito acalou de momento as súas voces.

Neste xogo de apariencias no que nada é o que parece, desapareceron do cenario internacional o militarismo e o imperialismo.

Xa non hai agresións imperialistas, agora o que existen son "intervencións humanitarias". Até temos unha ministra  pacifista ao fronte dos efectivos españois en Libia e Afganistán.

Esta deturpación da realidade apreséntanos un mundo ao revés, pretende anular todo pensamento crítico e provoca que persoas benintencionadas interioricen moitos dos argumentos que se pretextan para xustificar a intervención. Nun recente artigo de Bieito Alonso no Terra e Tempo dixital temos unha mostra.

As argumentacións de quen xustifican a intervención desde unha óptica progresista podémolas resumir así:

1.- A soberanía e a non inxerencia non poden ser conceitos absolutos, pois do contrario conduciría á  innacción fronte ás tiranías. Non habería que intervir contra a Alemaña nazi?. Non tería cambiado a historia para mellor se se houbese intervido cando a insurrección fascista provocou a guerra española?.

2.-  O feito de que non se cumplan unhas resolucións da ONU non pode ser o pretexto para que non se faga nada para cumplir outras. Estariamos facendo unha deixación das nosas responsabilidades para frear a violación reiterada de dereitos individuais e colectivos, apelando simplesmente a que noutros sitios tampouco se fai nada.

Permítanme que faga algúns comentarios respeito a estes argumentos:

1.- O dobre raseiro que practica a chamada, tamén eufemísticamente, "comunidade internacional" non consiste só en que mentres se intervén en Libia se mire para outro lado ante os reiterados incumplimentos doutras resolucións da ONU. O dobre raseiro consiste en que os mesmos que pretextan razóns humanitarias para intervir en Libia son os que arman e protexen a Israel para que perpetre crimes contra a humanidade en Gaza ou alentan que se masacre a pobación civil en Bahreim coa intervención de Arabia Saudi Hai maior evidencia de que detrás desta dobre moral o único que se agochan son intereses  económicos e xeoestratéxicos que teñen ben pouco de humanitarios?.

 2.- É conveniente ser fideis a historia se queremos tirar leccións dela: nos anos 30 e 40,  en España e en Europa, os que interviron militarmente foron os nazi-fascistas.  Foi a Alemaña nazi quen desencadenou a guerra mundial ao intervir noutros estados,  agredíndoos  e  ocupándoos. A guerra española decantouse a favor dos golpistas grazas a intervención de Italia e Alemaña.

Pero, mesmo no caso de acreditar na presunta bondade dos fins da intervención en Libia, fágome as seguintes preguntas:

- No mundo hai multitude de estados que vulneran sistematicamente os dereitos humanos. O camiño é a intervención militar en todos eles?. Non hai outras vías?.

- Fíxose deixación das responsabilidades colectivas ao terse optado polo illamento político e a presión internacional, e non polos bombardeos, para acabar co apartheid en Sudáfrica?.

- Alguén coñece algun país do mundo que avanzase en dereitos e xustiza social desde un status quo imposto pola forza desde fóra?.

A intervención en Libia apresentóusenos como unha operación "rápida e de ciruxía fina" para asegurar a protección da poboación civil. Un mes despois a Igrexa católica informa de hospitais bombardeados e de ducias de víctimas civís. Fálase de armar aos rebeldes, de usar avións non tripulados (coñecidos por multiplicar os "efectos colaterais" dos ataques), fálase incluso da necesidade dunha operación terrestre. Advírtesenos de que a  guerra está en ponto morto e de que se pode eternizar. E mentres todo isto acontece, a coalición humanitaria pecha as portas aos refuxiados e rifa entre sí para non apandar con eles.

No debate no Congreso dos Deputados o BNG concluiu a súa fixación de posición coa seguinte frase: "non se pode parar unha matanza cunha matanza maior. Temos xa experiencias sobradas de a que conducen as  intervencións militares: só contribuen a agravar os problemas, a acentuar a destrucción do país que se dí querer reconstruir, a sumir nun estado de guerra permanente ao país que se di querer pacificar. Irak e Afganistán son un bon exemplo".

Amigo Bieito, sen retóricas escapistas, sen cegar os pozos da racionalidade: Non é precisamente isto o que xa está pasando en Libia?


[25-04-2011 00:16] Eu comentou:

En efecto, a proba é que os "humanitarios" que bombardean en alianza coas dictaduras feudais do golfo Pérsico falan xa de cerrar fronteiras. Pero aínda queda alguén que pense que todo isto non é máis que polo petróleo?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña