10:28 Domingo, 29 de Marzo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-05-2011

A ONU ten impunidade perpetua a toda investigación ou enxuizamento ás persoas que participaran en accións estabelecidas ou autorizadas por NNUU

A dobre moral das Nacións Unidas (2ª parte)

Valorar (19)

LUÍSA GONZÁLEZ RODRÍGUEZ


Mulleres do Congo


Os  conflitos armados e as secuelas provocan iniquidade de xénero, exacerban as desigualdades existentes, agravándose  polas divisións baseadas en raza, clase, casta, sexualidade, relixión ou idade. O estabelecemento de campos de violación e a prestación de servizos sexuais ás forzas armadas de ocupación ou aos exércitos humanitarios nas operación de mantemento da paz, a cambio de recursos, tales como alimentos e protección, son exemplos da violencia baseada no xénero  durante o conflito e despois.

O papel da ONU e dos cascos azuis até 1956 limitouse ao envío de observadores, e vai ser a partir de 1960 coa primeira misión humanitaria no Congo onde empezan as violacións, explotación e abusos sexuais cometidos polos cascos azuis.

Os primeiros datos e denuncias públicas xorden en Camboxa. O goberno informa sobre o aumento de mulleres e nenas relacionadas coa prostitución. Pásase de 6.000 en decembro do 1991 a 20.000 en maio de 1993. A mesma ONU recoñece que 3.000 dos 15.000 cascos azuis contraeron enfermidades venéreas en Camboxa. A ONU négase a realizar as probas do VIH aos seus 22.000 soldados, propagándose a sida. O xefe daquela misión, Ysushi Akashi responde: "todo o mundo, incluso os soldados teñen o dereito a gozar de compañía feminina e non podemos discriminar aqueles que sexan seropositivos". De feito, unha das primeiras medidas tomadas polas tropas internacionais da ONU foi a creación dun bordel militar con mozas locais, confirmado por testemuños da poboación.

Nos Balcáns os cascos azuis non se limitaron a aproveitarse da miseria allea, dedicáronse a facer negocio como se reflicte en diferentes novas dos xornais, concretamente no Mundo: "cascos azuis rusos despregados en Eslavonia Oriental, relata un alto diplomático que traballou nos Balcáns, montaron prostíbulos na rexión. Non só gozaban dos servizos e das prostitutas. Tamén se enriquecían con elas... en 1996, o exército das Forzas Armadas Canadenses recoñecía que había "probas" de que algúns soldados golpearan a pacientes e se deitaran con enfermeiras dun psiquiátrico en Bosnia, mentres permanecían na zona como parte do continxente de paz de Nacións Unidas". A propia comisaria de NNUU para os Dereitos Humanos en Bosnia recoñece "desde que comezou a trata en 1995, o 70% dos beneficios dos proxenetas e traficantes proviña directamente dos cascos azuis".

No ano 1996, o Informe Machel, As repercusións dos conflictos armados sobre os nenos, encargado por NNUU a Graça Mechel, ex-ministra de Educación e Cultura en Mozambique, aínda omitindo os datos mais reveladores, recolle informacións sobrecolledoras: "(...) asegúrase que en Mozambique, Angola, Somalia, Camboxa, Bosnia e Croacia, a chegada dos soldados do mantemento da paz estivo vinculada a un rápido aumento da prostitución infantil... Como é posíbel levar a paz a un país se quen debe protexer a poboación civil dedícase a abusar sexualmente das nenas e mozas? "

Transcorridos catro anos do informe Machel, preséntase o Informe Coomaraswamy elaborado pola relatora especial sobre a violencia contra a muller, Radhika Coomaraswamy, A violencia contra a muller perpetrada e/ou condonada polo Estado en tempos de conflito armado (1997-2000) relatando con máis detalle algúns dos casos que xa se coñecían. Proseguen as violacións contra mulleres e nenas/os. Os Estados seguen sen investigar nin castigar eses delitos, sen publicar os resultados dos procedementos e sen estabelecer mecanismos disciplinarios e de supervisión das operacións de mantemento da paz. A repercusión obtida polos informes é escasa.

A ONU ante estas acusacións gardou silencio. A impunidade está garantida, a pesar das evidencias das implicacións dos cascos azuis en violacións e prostitución de menores. Os cascos azuis e o persoal civil contratado polas misións de paz, segundo a Convención de Privilexios e Inmunidades de Nacións Unidas de 1946, non poden ser xulgados polo país no que se desenvolve a misión. Tampouco quedan baixo a xurisdición do Tribunal Penal Internacional. A inexistencia  nas Nacións Unidas dun sistema xudicial, impídelles tomar medidas. Debe ser o país de procedencia dos soldados (a xustiza nacional de cada Estado implicado) a que debe castigar os cascos azuis que tomen parte nos casos de violacións e explotación sexual. Estamos perante  un sistema que garante a impunidade dos cascos que violan e abusan sexualmente, e que  vai da man da protección que reciben dos seus mandos e responsábeis políticos directos.

Iníciase o século XXI e aparecen nos medios novos casos denunciando as violacións e abusos sexuais cometidos por membros dos chamados exércitos humanitarios. Stuart Kingma, director dun dos grupos patrocinados por NNUU para loitar contra a transmisión da sida polos cascos azuis declara "a xente en uniforme atrae unha industria do sexo alí onde vai, non só nas instalacións militares, senón tamén entre as poboacións civís dos países pobres. É hora de facer algo".

Como consecuencia da loita incesante dos movementos de mulleres para frear as atrocidades cometidas nos conflitos armados dirixidas a nenas e mulleres, denunciando os crimes e esixindo a súa consideración como axentes activas na construción da paz, adoptouse o 31 de outubro do 2000 polo Consello de Seguridade da ONU, a  Resolución 1325. Influíron na adopción desta resolución, non só as guerras, senón a plataforma de acción de Beijing, que esixe por primeira vez que os crimes cometidos contra as mulleres e nenas en contexto de conflito armados sexan considerados crimes de lesa humanidade. A R-1325 promove o cesamento da impunidade para os delitos baseados na discriminación de xénero perpetrados contra as mulleres en contextos de conflito armado, fundamentado no principio de xustiza e reparación.

A violencia sexual intensifícase en Eritrea, Etiopía, Kosovo, Liberia, Guinea, Serra Leoa... No 2001, os medios de comunicación contan como os soldados da ONU son acusados de alugar nenas en África durante as misións humanitarias en Eritrea e Etiopía. En febreiro do 2002, aparecen datos arrepiantes: "300 veces violada en misión de paz. Ellie Milutinovi, unha estudante de Enfermería de 20 anos nunca saberá os nomes dos centos de homes que a violaron entre xuño de 2000 e marzo de 2001, xa que foi secuestrada, vendérona a un bar para que traballase como prostituta e estivo en cativerio". Como di unha refuxiada "ninguén pode ter comida sen antes ter relacións sexuais".

As primeiras medidas preventivas, aparecen no ano 2002, recomendacións do comité especial de operacións de mantemento da paz e fálase de prever os actos que impliquen uso indebido do poder e a explotación sexual. Tamén observamos como segue existindo a súa máxima preocupación referente á neutralización do dano que estes poidan causar á súa imaxe. Aluden á imposibilidade de NNUU de eliminar completamente eses feitos, pero tentando reducilos ao máximo.

O único que poden facer é investigar as denuncias e poñer en marcha medidas disciplinarias para os soldados que incumprirán algunhas das Dez normas: Código de conduta persoal dos cascos azuis. Entre estas medidas inclúese o consumo de prostitución. Varias organizacións e inclusive axencias da propia ONU, denunciaron a existencia dun escaso interese por parte da organización en levar a cabo estas investigacións. Se finalmente chega a identificarse o agresor póñense en marcha medidas disciplinarias. O máximo castigo é que te envíen de volta a casa. Tendo en conta que a estancia dos soldados nas misións é rotativa, o agresor vai volver a casa de todas as formas (moitas das investigación péchanse   porque o  implicado xa deixou a misión). En  ningún caso queda inhabilitado para volver a ser casco azul nin para  formar parte da misión da que foi  expulsado. Co cal, que te envíen a casa até pode ser desexado, non??

A política de "tolerancia cero" instaurada por Kofi Annan, secretario xeral da ONU daquela, nace cunha grave deficiencia, xa que propugna a impunidade pero non se dota de ferramentas para poñela en práctica. E vai ser a ONU, quen por medio do seu Consello de Seguridade do 12 de xullo de 2002 aprobe unha resolución (S/ RES/ 1422/2002) para conferir impunidade perpetua a toda investigación ou enxuizamento ás persoas que participaran en accións estabelecidas ou autorizadas por NNUU. A orixe desta resolución, como é de agardar, era unha imposición de EEUU, que é ratificada e renovada no ano seguinte.

Hai que concluír coa ineficacia da política da tolerancia cero: xa que nos atopamos con factores que posibilitan a reprodución dos feitos e a impunidade dos delincuentes, a conivencia dos mandos civís e militares, a desidia nas investigacións de NNUU, a ausencia de medidas contra os culpábeis, a mentalidade machista militar, as múltiples dificultades coas que se atopan as vítimas para denunciar os seus agresores... e o suborno e intimidación dos propios cascos azuis ás persoas que realizan as investigacións contra as vítimas e testemuñas.

O demoledor Informe Zeid, 24 de marzo de 2005, vén explicitar  o pacto de silencio de Nacións Unidas, cuestionando a idoneidade das forzas militares para labores humanitarios e no abandono e falta de medidas de axuda e asistencia ás vítimas. Denuncia que dous anos despois da promulgación do Boletín Tolerancia Cero este non se aplique nin se tome en serio, pon en entredito a fiabilidade e a seriedade das investigacións de casos de violacións e abuso sexual levados polas NNUU e advirte que a impunidade contra os culpábeis destes delitos segue a ser a mellor forma de propiciar a súa reprodución.

Os pacificadores da ONU continúan cometendo crimes impunes, sen castigo: en Haiti  (2004-2006, durante o goberno interino), Costa de Marfil... Xa sabemos que a lei do silencio impera en certos círculos machistas como os departamentos da policía e do exército.

Adoptáronse desde mediados de 2008 resolucións adicionais ás Resolucións 1820, 1888 e 1960, comprometendo á comunidade internacional a prever e dar resposta á violencia sexual perpetrada durante e despois dun conflito. E negando a impunidade para os que ordenan, aproban ou cometen eses crimes. Procedeuse ao nomeamento, o ano pasado, dunha representante especial do secretario xeral en materia de Violencia Sexual nos Conflitos, Margot Wallstrom. Axudará a estabelecer os sistemas de intelixencia para xerar alertas fiábeis de ameazas á seguridade das mulleres e alentará os responsábeis do mantemento da paz a empregar todas as accións ao seu alcance para defender as comunidades ameazadas de violencia sexual. É un exemplo claro do cambio na visión relativa á protección das/os civís que se require cando se recoñece que a violencia sexual é unha táctica de guerra. Indicador dunha maior presteza á hora de protexer as mulleres é a recente condena de nove soldados gobernamentais, incluíndo ao tenente coronel ao mando, de violacións en masa cometidas o día de Ano Novo deste ano en Fizi, rexión do leste do Congo.

O pasado xullo, creouse ONU Mulleres, entidade  das Nacións Unidas para a igualdade de xénero e empoderamento das mulleres, dirixida pola ex-presidenta de Chile Michele Bachelet  que pronuncia estas palabras: "francamente, cando se trata de promover a participación das mulleres na paz e a seguridade, a comunidade internacional non tivo unha boa actuación".

Aínda recoñecendo a complexidade da problemática, por estar ligada á cultura sexista das persoas, e a dificultade para remover as mentalidades, si que resulta máis difícil de entender a impunidade dos cascos azuis (encargados de protexer e non agredir) polas violacións e abusos cometidos contra nenas e mulleres. Pode ser que cando os homes sentan na mesa das negociacións, "esquecen" estes crimes, xa que os violadores actúan en todos os bandos. Agardemos que estes cambios sirvan para darlle a volta a esta insostíbel situación.


[09-05-2011 18:49] Antonio Diaz comentou:

Luisa:
Quiero felicitarte por tan precioso escrito. Me gustaria hacerlo, usando el mimo idioma en que tu lo has hecho, si bien en castellano se me hace dificil, en el idioma que tu lo has escrito, se me hace totalmente imposible. Mis felicitaciones y que muchas personas sigan tus pasos.
Saludos















Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña