09:15 Mércores, 30 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-03-2010

Coa campaña sobre as caixas estase a acadar que a sociedade galega sexa cada vez máis consciente da importancia de defender o seu tamén en materia financeira.

A importancia do debate das caixas visto desde Vigo

Valorar (10)

MANUELA RODRÍGUEZ PUMAR


Sede Gaixa Galicia en Vigo


Co debate sobre as caixas estase a acadar que a sociedade galega sexa cada vez máis consciente da importancia de defender o seu tamén en materia financeira.

Ultimamente, a raíz da campaña que estamos a desenvolver por todo o país co fin de trasladar á toda a sociedade galega a posición do nacionalismo a respecto do futuro das caixas galegas e da vinculación que ese futuro ten co futuro económico de Galiza, en diversos foros ténsenos preguntado por que defendemos unha postura tan "impopular" en Vigo. Por que defender a fusión -aínda sabendo que esa é a única posibilidade de contar cunha caixa propiamente galega-, a costa dun suposto custe electoral?

Non deixa de resultar chocante que non se nos faga a mesma pregunta a respecto, por exemplo, do idioma. Ou é que alguén pensa que defender o dereito a vivir na nosa lingua na nosa terra non implica que haxa xente que non nos vota? Deberiamos entón deixar de defender a nosa lingua? Obviamente, non. Forma parte de nós. E ocorre ademais que a defensa da lingua é algo que a sociedade galega está interiorizando cada vez máis, non hai máis que ver a gran resposta social que os ataques ao galego por parte do goberno do PP están a provocar. Cabería entón pensar que non temos igualmente interiorizada a importancia de contarmos cun mapa financeiro galego propio. Porque é este, e non outro, o debate que se está a dar na sociedade galega.

Evidentemente non hai nada de desinteresado na pregunta que se nos fai, non obedece a unha repentina preocupación polos nosos resultados electorais, non. Interesa intentar debilitar á única posición nidiamente de país en materia de caixas, a única posición que pretende dotar, desde o financeiro, de máis poder político a Galiza, de máis autogoberno, para que dese xeito se poidan repartir máis facilmente o pastel aqueles que pretenden xustamente o contrario. E interesa tamén intentar evitar aquilo que realmente lles preocupa: que con este debate se estea a acadar que cada vez máis galegas e galegos sexamos conscientes da importancia de defender o noso, tamén no eido económico-financeiro.

Mais a resposta é clara e contundente: coa lei de caixas aprobada polo Parlamento Galego garántese que o centro de decisión do sistema financeiro galego fique en Galiza, séntanse as bases para a democratización das caixas e asegúrase a participación pública nelas como garante da existencia dunha vinculación efectiva ao tecido productivo do País; neste marco -e coas condicións que impón o propio Banco de España- a fusión das caixas galegas é a única posibilidade de que o aforro galego siga en Galiza e serva para financiar o seu desenvolvemento e non o de outros territorios do Estado. Isto é o que defendemos, e non é pouco.

Falla agora que o goberno da Xunta exerza de tal e lle plante cara ao goberno do Estado recorrendo o FROB, como medida de presión ante o recurso de inconstitucionalidade co que o poder central ten paralizada a lei de caixas galega.

Obviamente temos vocación de transformar a realidade, non de asumir a que nos vén imposta, e nese camiño andamos. Acreditamos nunha sociedade galega -e a viguesa é parte dela- madura, con capacidade de análise e con sentido crítico. Só hai que dotala de instrumentos, de argumentos. Así que esta é a campaña que temos que desenvolver porque é a única coherente cos nosos principios.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña