12:09 Mércores, 26 de Xaneiro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-04-2011

Diversos pareceres acerca de si convén máis manter a actual situación de manter a regulación dos montes veciñais nunha lei propia ou non

A regulación dos montes veciñais en man común

Valorar (6)

MARÍA TEREIXA PAZ FRANCO


Xornadas de montes veciñais (Pontevedra-2010)


No pasado debate do estado da nación o Presidente da Xunta de Galiza anunciou a remisión ao Parlamento para a súa aprobación de numerosos proxectos de lei entre os cales fixo mención expresa a que proximamente impulsará unha lei de montes de Galiza.

Non foi este anuncio o que me causou máis sorpresa, xa que hai tempo que se sabe da contratación dunha asistencia técnica para a súa elaboración, por certo tratase dunha práctica que evidencia a austeridade de ideas, proxectos e propostas do Partido Popular, senón a constatación expresa feita polo Sr. Núñez Feixóo de que se excluiría da futura lei a regulación dos montes veciñais en man común.

O certo é que pode haber e de feito hai diversos pareceres acerca de si convén máis manter a actual situación de manter a regulación dos montes veciñais nunha lei propia ou non, mais resulta cando menos curioso que nunha nación que debera ter como primeira aspiración neste ámbito rematar co abandono, coa desorde e co desaproveitamento do noso monte se exclúa da regulación legal que ten como finalidade poñer os alicerces para conseguir estes obxectivos máis da terceira parte do noso territorio forestal.

E non se trata de prescindir dun territorio forestal calquera. Prescindindo dos montes veciñais estamos prescindindo dos nosos latifundios e polo tanto das propiedades que reúnen as mellores condicións para a súa posta en valor. Hai que ter en conta que agás as seiscentas mil hectáreas que ocupan os montes veciñais, os dous millóns de hectáreas de monte que hai en Galiza padecen dunha fragmentación excesiva, con parcelas de tamaño inferior á media hectárea que resultan moi dificultosas na súa xestión e de moi escasa rendibilidade e que por certo a maioría ten sido sinalado como unha das principais debilidades do noso sistema produtivo forestal e como unha das causas fundamentais do abandono e polo tanto da nosa vulnerabilidade aos incendios forestais.

Por outro lado, é preciso recordar que no referido á lei de montes en Galiza xa hai un consenso previo, un consenso construído ao longo de máis de dous anos e que logrou concitar o apoio dos máis diversos operadores do sector forestal, incluso nalgúns casos daqueles que podían partir de premisas e intereses aparentemente contrapostos. Ese consenso referendado pola Mesa da Madeira, polo Consello Forestal de Galiza si que tiña en conta o valor que para a recuperación da nosa capacidade forestal teñen os montes veciñais mesmo até o punto de apostar polo recoñecemento da  personalidade xurídica das comunidades de montes en todos os asuntos que atinxen á xestión da súa propiedade.

Daquela a pregunta que cabería facerse é que motivacións levan ao Goberno galego a esta formulación tan oposta á aqueloutra que contaba co consenso do sector?

Só o tempo e as decisións que se vaian coñecendo poderán ofrecernos certezas máis ao meu xuízo hai indicios e actuacións xa executadas que parecen marcarnos cara onde poderían estar orientadas as intencións.

Ademais da actitude pouco amigábel, sendo ben benevolente, da goberno do Partido Popular cara os montes veciñais ou máis ben cara os seus propietarios, as comunidades de montes que se constata en decisións como a drástica redución da colaboración da administración en materia de prevención de incendios forestais, a súa exclusión de numerosas ordes de axuda en materia forestal ou incluso o veto aos proxectos produtivos que estas poderían promover dentro dos programas de AGADER financiados con fondos europeos.

Porén o indicador chave é para min o seguinte. O boicot por parte do Goberno ás Unidades de Xestión Forestal (UXFOR) até o seu xa consumado exterminio, nas que tiñan un inequívoco protagonismo os propietarios dos montes, entre eles numerosas comunidades de montes veciñais, que eran os que decidían, xestionaban e se beneficiarían da xestión dos seus montes, para substituílas por outro modelo, as SOFOR que son sociedades mercantís abertas á participación de capital alleo aos propietarios e que en definitiva supón "privatizar" os eventuais beneficios do monte en mans de grandes empresas de xestión forestal e de capitais financeiros que estean dispostos a especular con aqueles montes que a priori poidan proporcionarlles maiores dividendos. 

Para min esta actuación é un bo exemplo do papel que o Partido Popular lles reserva ao monte e aos propietarios e de cómo as comunidades de montes, propietarias dos grandes latifundios, dos montes potencialmente máis rendíbeis poden acabar sendo un obstáculo insalvábel para a execución do itinerario previsto.

Se a isto lle unimos a necesidade propagandística que ten o goberno do PP de aprobar unha lei de montes, que será a primeira en Galiza, da forma máis pacífica posíbel resulta obvio porque non se inclúe a regulación dos montes veciñais. Non queren poñer de manifesto o seu cuestionamento do actual carácter dos montes veciñais e a intención de rebaixar a capacidade xurídica dos seus propietarios xa que a contestación que isto xeraría podería  estragarlles esa aprobación pacífica da lei de montes que tanto precisa Feixóo.


[16-04-2011 10:21] Mario Solinho comentou:

A singularidade do Monte Comunal é tal que debe recollerse tamén no feito do seu tratamento lexislativo singular; someter esta singularidade ao tacticismo parlamentar paresme un erro grave.
Máis aínda, ao meu ver, a súa orixe e natureza pono fora do alcance do dereito político e administrativo do rexime actual.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña