00:18 Luns, 30 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-04-2011

Actualmente a figura do arcebispo de Santiago conta tanto con detractores como con defensores

Xelmírez ante a historia

Valorar (24)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS


Pazo de Xelmírez


Entre os días 15 de agosto e 15 de outubro o mosteiro de San Martiño Pinario, de Santiago de Compostela acolleu unha impresionante exposición sobre o tempo e a obra de Diego Xelmírez titulada Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez.

A figura deste primeiro arcebispo compostelá actualmente ten tantos detractores como defensores. Se para os primeiros é un traidor ao seu país sempre máis preocupado por agradar ao papado e á monarquía que por senta-las bases dunha preminencia nobiliar galega. Para os seus defensores é a figura máis enlleira de fins do XI ata mediados do XII traendo a Santiago as novas correntes arquitectónicas e convertendo a súa catedral e a cidade nun referente cultural europeo.

Non pensamos en facer neste artigo unha breve biografía do arcebispo compostelá senón máis ben en amosar como o foi tratando a historiografía ao longo da historia.

Xelmírez, fillo daquel Xelmiro, nobre de segunda fila, encargado polo bispo Diego Páez de protexe-las torres do Oeste e por ende Compostela, é consciente de que a súa obra na prelatura santiaguesa é un momento de explendor para a cidade. Da consciencia de que a súa obra é un feito sen igual nace o seu legado. Manda Xelmírez, en vida, redactar a Historia Compostelá, na que se recollen os feitos históricos, os desexos e as obras que levou a cabo o arcebispo. Se temos en conta que quen a manda redactar está vivo e que os redactores son colaboradores próximos a el podemos entender que os feitos redactados serven para ensalza-la figura de Xelmírez.

Pouco despois da súa morte a figura de Xelmírez entrará no esquecemento histórico do que sae no século XVIII da man do agostiño Henrique Flórez, no volume XX da súa coñecida "España Sagrada".

A segunda recuperación de Xelmírez ten lugar no século XIX cando a historiografía galega comece a dar conta del. Pero non será ata a segunda metade do XX cando por fin abandone a escuridade, da man de investigacións como a de Fletcher ou Gordon Biggs, traballos que continuarán posteriormente outros historiadores galegos. Hoxe en día podemos consultar unha ampla bibliografía do tema xelmiriano.

A historiografía  do XIX dividiuse entre os defensores e os detractores do fillo de Xelmiro. Entre os primeiros destaca a figura de Manuel Murguía mentres que entre os segundos sobresae Benito Vicetto. O escritor ferrolán acusa ao arcebispo compostelá de orienta-la súa política máis cara Castela e o Papado que cara unha política atlantista e galega. Non lle perdoa a traizón que cometeu en Portugal, cando abandonou o campo de batalla coas súas tropas deixando sen apoios á raíña Tareixa e ao conde de Traba, don Fernando. Este abandono significou a vitoria dos nobres portugueses que apoiaban a Afonso Henríquez. A traizón de Xelmírez, segundo Vicetto, provocou a división definitiva  do territorio galego entre a Galicia Bracarense e a Galicia Lucense.

Tampouco lle perdoa esta traizón Castelao que define ao arcebispo coma un gran cacique. Recoñécelle o valor que tivo para Santiago o seu traballo e  que co seu esforzo se promocionase a catedral e a cidade de Compostela por toda Europa; de aí que o sitúe a carón do conde de Traba, don Pedro, na Santa Compaña de Galegos Ilustres que aparece na súa obra Alba de Groria. Pero non se lle perdoa a constante loita que mantivo para desfacer todo tipo de alianza entre a nobreza e a igrexa galega, ou o que é o mesmo, por desfacer toda posibilidade de creación dun poder galego que actuase sobre a figura do rei Afonso VII.

Mais Xelmírez tamén contou con historiadores que o defenderon como é o caso de Murguía. Este historiador preséntanos unha figura sen mácula do arcebispo, xa que o que pretendía era engrandecela, convertela nun referente da historia de Galiza e arrancala do esquecemento que sufría. Mais o gran historiador cometeu certos erros ao trata-la figura de Xelmírez, pois, no seu desexo de convertelo no grande heroe nacional, esqueceuse de que a política levada a cabo polo prelado compostelán (pro francesa, cluniaciense e favorable ao papado) ía en detrimento do interese nacional galego. O cóengo santiagués López Ferreiro continuará nesta corrente de ensalzamento da figura xelmiriana na súa obra Historia de la Santa A.M. Iglesia de Santiago de Compostela. A mediados do XX retoma esta defensa da figura do arcebispo don Ramón Otero Pedraio na súa obra Xelmírez, o xenio afectuoso, creador e humorista do tempo románico, que aínda que foi escrita no ano 1951 non será publicada  ata o ano 1991. Pedraio amósanos un home culto, intelixente, viaxeiro, hábil coa palabra e vinculado cara unha política pro francesa que tiña nos monxes de Cluny e no grupo político borgoñés os seus maiores esponentes.

Actualmente a figura do arcebispo de Santiago conta tanto con detractores como con defensores. Esta disparidade de opinións leva a un a preguntarse se Xelmírez foi un grande heroe nacional ou, pola contra, un traidor á patria.
Esta é unha pregunta que cada un de nós pode contestar de maneira diferente.

Compartiu algunha vez Xelmírez aqueles soños independentistas, de rachar co sometemento ao poder do rei Afonso VI, que tiña Raimundo de Borgoña?
Pensamos, de igual maneira que o fai Portela Silva no seu artigo Diego Xelmírez. Os anos de preparación. (1065-1100), que nun principio, cando desenvolvía os cargos de chanceler e secretario de Raimundo de Borgoña sí compartiu eses desexos e amosounos nos encabezamentos dalgúns documentos. Así nun diploma do ano 1096 a figura de Raimundo aparece da seguinte maneira "Ego Ramundus Dei gratia Comes et totius Gallecie dominus" (Eu Raimundo pola graza de Deus conde e señor de toda Galiza). O destacable deste documento, redactado por Xelmírez, é a aparición da expresión "pola graza de Deus", algo que só se atribuía aos reis. Raimundo de Borgoña é conde de Galicia por designación do rei Afonso VI de aí que a aparición dese "pola graza de Deus" esconda un desexo de independizarse do poder real, tal e como estaba a facer no condado de Portugal seu primo Henrique de Lorena. Desexo que debía compartir Xelmírez, pois cando este abandona o cargo de secretario desaparecen dos diplomas esas referencias independentistas.

Xelmírez foi un heroe nacional ou ben un traidor ao seu país?

Se me preguntasen a miña opinión eu diría que un pouco de todo. Certamente é un grande heroe, pero non nacional senón compostelán. Os seus esforzos ían na dirección de engrandecer a catedral de Santiago, a el mesmo e á cidade compostelá pero non na consecución dunha unidade galega (nobreza -clero- monarquía) que asegurase o papel prominente que estaba a xogar Galiza neses anos. Os seus constantes enfrontamentos ca nobreza galega, en concreto coa familia dos Traba (lembremos que permite o encarceramento de Pedro Froilaz e excomunga a Fernando de Traba, fillo do anterior) minarán completamente as posibilidades que Galiza tivo de impoñerse aos demais grupos de poder que estaban a carón de Afonso VII.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña